A Copa 2019 dálle entrada aos equipos da Preferente que veñen de rematala competición regular. Os conxuntos da Primeira acóllenos nos oitavos de final. Aínda que non se misturan de cheo. A Sarriana e o Ribadeo xogaran entre si o pase aos cuartos. O Viveiro renunciou a competición para centrarse na eliminatoria ante o Barbadás de mellores terceiros da Preferente. No caso do Castro e do Foz si xogan con rivais que militaron esta tempada na Primeira. O Castro ante o Páramo e o Foz co Lemos.

O caso do cadro focense é particular. Por iso destacamos o seu partido esta xornada, aínda que o encontro non sexa o máis importante para eles. O cadro adestrado por Gayol desparazarase a Pinguela para xogar co recén ascendido Lemos. Un rival co que o ano pasado pelexou de ti a ti para ascender á Preferente. Pero a mente do Foz estará noutros puntos de España. Principalmente en Alcoi e en Jaén. Por alí pasan agora as súas opcións de salvación.

E que os temidos arrastres fixeron dano. O Foz rematou a pasada finde a liga regular no grupo 1 da Preferente. Conseguiu 48 puntos. A pesar diso, neste intres son insuficientes. A 15ª posición que ocupa é posto de arrastre polo momento. A salvación pasa pola permanencia do Celta B na Segunda B e o ascenso dun equipo galego da Terceira á categoría de bronce. Algo que xa se podería dar este domingo. O filial do Celta xoga unha eliminatoria a dobre partido ante o Alcoyano que é considerada unha final. Se a supera permanece, senón baixa á Terceira. O cadro celeste viaxa ao partido de volta con vantaxe (1-0), pero El Collao ditará sentencia (domingo ás 18:00 horas). Pola outra banda, o Racing de Ferrol xoga a eliminatoria dos campións. Se a supera ascende á Segunda B. Senón aínda caería na repesca e tería unha nova oportunidade (fase que tamén están xogando o Bergantiños, o Compostela e o Alondras). O cadro ferrolán tamén parte con marxe ao seu favor. Veremos se a vitoria pola mínima na casa (1-0) tamén a honra no estadio de La Victoria de Jaén (dom. 20 horas).

Con estes antecedentes o Foz viaxa a Monforte e o Lemos recibe ao Foz (domingo ás 17 horas). O conxunto local encara a competición con máis ilusión. E tamén coa planificación da temporada que vén. Na anterior rolda superou a domicilio ao Sanci. Castañer, Armesto e Varela marcaron cadanseu dobrete. Nos cuartos de final xa agarda o Pol. O Burela retirouse da competición, polo que o cadro polense xogará co Lemos ou co Foz.

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

JESÚS GAYOL (ADESTRADOR DO FOZ)

-A Copa: “Chegamos á Copa moi xustos. Animicamente nada ben, despois de non sumar un punto a pasada xornada en Noia. E depender agora de terceiros”.

-A eliminatoria co Lemos: “Pasa a un segundo plano totalmente. Imos porque hai que ir. Non porque haxa moitas esperanzas”.

-As eliminatorias do Celta B e do Racing de Ferrol: «O equipo está pendente, o club está pendente, todos estamos. Criamos que cos 48 puntos que fixemos serían suficientes. Pero a situación é a que é. Sería marabilloso poder confirmar a permanencia xa este domingo. Para a semana hai convocatoria de eleccións. O presidente en principio non vai continuar. Salvarse permitiría poder traballar con moita máis marxe. Contar xa con todo o mes de xuño para planificar a vindeira temporada. A diferenza deste ano que fomos máis xustos”.

EDU RODRÍGUEZ (ADESTRADOR DO LEMOS)

No Lemos tamén estarán pedentes do filial. As 19 horas do domingo xogan os cuartos de final da Copa da 2ª e da 3ª Rexional ante o Antas. Foto: Club Lemos

-A Copa: “Un pouco como falamos antes de empezala: coa ilusión de chegar o máis arriba posible. Sen obxectivo claro de gañala nin moito menos. Pero é unha competición ilusionante”.

-A eliminatoria co Foz: “É un equipo que coñecemos ben. E eles tamén nos coñecen. O ano pasado loitamos os dous por subir. Viñeron aquí a Pinguela xogarse o ascenso. É un equipo moi sólido a nivel defensivo; perigoso a través das transicións e a balón parado. Nós tentaremos facer o noso xogo». 

-Planificando xa a próxima campaña do retorno á Preferente: “Agora mesmo renovamos catorce xogadores. A columna vertebral está renovada. A semana que vén empezaremos coas fichaxes. Creo que o luns xa poderemos anunciar algunha importante”.

ESTA FIN DE SEMANA TAMÉN PODES VER…

Oitavos de final da Copa 2019 da Preferente e 1ª Rexional

– Sarriana – Ribadeo (sábado ás 18 horas no Gandarón). Un encontro de Preferente que se vai xogar no Gandarón de Paradela. Un campo que este ano xa viviu un ascenso e que foi remodelado a finais do 2018. Duelo,a priori, igualado. Dous equipos que fixeron unha gran temporada na Preferente.

– Riotorto – Chantada Atlético (domingo ás 18 horas na Veiga). Os visitantes chegan en situación similar ao Foz. Da salvación do cadro focense depende agora a continuidade do Chantada Atlético na Primeira Rexional. Xogarán o seu partido de Copa ante o Riotorto pero terán un ollo no resto de encontros citados. A permanencia do conxunto chantadino suporía a salvación da SD Becerreá na Segunda Rexional.

Cuartos de final da Copa 2019 da 2ª e da 3ª Rexional

– Roupar – Meira (domingo ás 17:30h no Novo). Dous dos equipos máis en forma da zona norte buscan unha praza nas semifinais. O Roupar vén de eliminar nos penaltis ao Guitiriz e no tempo regulamentario ao Folgueiro. Foi terceiro na competición regular. O Meira finalizou na metade da táboa pero está dando a sopresa na Copa. Superou a todo un Lourenzá no seu campo. O pasado domingo eliminou con contundencia na Lomba ao Mondoñedo.

– San Lázaro – Palas (sábado ás 18:30 horas na Ponte). Dous dos equipos que estiveron a piques de logralo ascenso. Pelexárono ata a última xornada. Buscan resarcirse na Copa. O San Lázaro non perde dende a chegada de Diego Rey como adestrador. Vén de eliminar ao Guntín no Ladairo. Pola súa banda, o Palas tamén vén de asaltar Os Medos. Venceu a outro amigo da Copa, o Brollón.

Fase de ascenso á Primeira Galega

Friol B – Bergantiños (domingo ás 19:45 horas na Reigosa). O campo friolés vivirá primeiro a emoción da Copa entre o Friol e o Santaballés. Posteriormente a da fase de ascenso á Primeira Galega no fut fem. O filial do Friol B debe remontar o 2-0 encaixado nas Eiroas para continuar na fase. No caso de superala, aínda lle quedarían dúas roldas máis a dobre partido.

FÓRA DOS MARCOS DA PROVINCIA

Marchamos fóra porque un equipos lucense ten tamén unha cita importante no territorio galego. O Viveiro xoga contra o Barbadás (sábado ás 18:15h nos Carrís) a ida da eliminatoria de terceiros da Preferente. Se supera esta fase tería opcións de ascender no caso de que o Celta B permaneza na Segunda B e se tres dos equipos galegos da Terceira suben de categoría.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*