A Terceira Rexional está inmersa nas súas últimas xornadas da fase regular. Tanto as posicións de ascenso como quen completará definitivamente as de promoción están por decidir. Non obstante, xa hai equipos sen aspiracións clasificatorias importantes. Iso si, sempre co obxectivo de honrar o club e o pobo ou parroquia que representan. Pero agora xa teñen un novo aliciente competitivo.
A Copa madruga este curso un pouco máis. Os equipos que ascendan directamente á Segunda (dous de cada grupo) e os que non xoguen a promoción disputarán unha fase previa do torneo copeiro. Constará de dúas eliminatorias. Na segunda incorporaranse os equipos perdedores da primeira eliminatoria do play off. Agás o perdedor do enfrontamento entre o 3º e o 6º no grupo sur que pasará exento a fase final. Clasifícanse por este sistema tres equipos por grupo. A eles uniranse os catro equipos que xoguen a final por ascender. Cinco do norte e cinco do sur. En total dez clubs de Terceira que se enfrontarán aos conxuntos da Segunda na loita polo trofeo.
As eliminatorias da fase previa xogaranse a dobre partido. En caso de empate terase en conta o valor dobre dos goles no campo contrario. Se aínda así, se mantén a igualdade, o cruce resolverase nunha quenda de penaltis. Os partidos disputaranse durante o mes de abril e a primeira fin de semana de maio. Agás a finde de Semana Santa onde a competición descansa. En palabras do responsable da Delegación da Real Federación Galega de Fútbol en Lugo, Manolo Vilachá, este novo sistema permite que “os equipos sigan competindo. Non hai parón. Da outra maneira estarían parados un mes ata que rematase o play off. Este formato xa foi acordado polos equipos no verán cando se organizou a temporada 2018/2019”.
O único que non se sabe destas eliminatorias é quen xogará contra quen. “Tivemos que sortear postos segundo a clasificación. Aínda non se sabe que equipos ocuparán esas prazas”, afirma Vilachá. Os clubs semellan estar de acordo coa proposta. “Creo que é produtivo, en lugar de estar un mes a velas vir. Ademais tes opción de pasar eliminatorias. Antes tocábache un Burela ou Folgueiro e case non había posibilidades”, conta o adestrador do Celeiro, Martín Rodríguez.