Se ben moitos coñecen a complicada situación da Segunda Galicia Norte, na que Sporting Pontenova e San Ciprián se atopaban empatados a puntos no momento da suspensión das competicións, non é tan coñecido o curioso feito que tivo lugar no Grupo Sur, onde o Portomarín CF arrebatoulle ao Ferreira CF o segundo posto na última xornada que se disputou. 

Un lance do Ferreira-Portomarín da primeira volta, que se saldou con victoria visitante.

Así contado non semella ser nada inaudito, xa que os cambios na clasificación son o pan de cada día nas competicións regulares. Pero o conto cambia cando se analiza a traxectoria de ambos conxuntos. Mentres que o Portomarín estaba a firmar unha segunda volta espectacular, o Ferreira levaba durmindo en postos de ascenso directo desde o 13 de outubro (xornada 5). Cinco meses despois, a derrota dos de Pantón no Páramo e a victoria do Portomarín no Sangoñedo ante a SD Chantada «B» concedían a segunda praza aos do Chao da Poza. 

Dous longos meses despois daquel último domingo no que disfrutamos do fútbol, todo apunta a que a Federación Galega -en cooperación coa RFEF- decretará a fin das categorías de fútbol afeccioado sen descensos pero con ascensos, decisión que aínda ten que agardar pola súa confirmación oficial. Así, o Portomarín CF competiría o ano que vén na Primeira Galicia, mentres que o Ferreira CF sería un ano máis equipo da Segunda Autonómica. 

Os xogadores do Ferreira celebrando un gol.

Explicado desde fóra non parece máis que un chisme curioso, pero o certo é que desde dentro pode vivirse moi intensamente. No caso do Ferreira CF parece un drama, un soño angustioso do que desexarían espertar canto antes para seguir pelexando polo ascenso. Pola parte do Portomarín, a historia parece máis unha traxicomedia: unha situación nada ambicionada por ningún de nós que remata por levar a un prestixioso clube á Primeira Galicia despois de moitos anos.

Coa incertidume aínda como protagonista, «Yesi» -adestrador do Ferreira- sinala que «ninguén pensaba que isto ía pasar, pero de confirmarse a proposta da Federación, saímos perxudicados porque levabamos todo o ano en postos de ascenso.» Porén, afirma tamén que «o Portomarín estaba a firmar unha segunda volta espectacular e, no momento do parón, era o segundo equipo máis regular da categoría, pero aínda quedaban partidos por xogar, nós tiñamos que visitar o Chao da Poza, eles tiñan que xogar cun Río Sil que estaba imparable… pero se a competición se suspendese unha semana antes do que foi, eles dirían o mesmo, lexitimamente, porque estaban a ser o mellor equipo da segunda volta con diferencia.»

«Yesi» tamén di que «a decisión para a Federación é complicada, ademáis de que teñen que axustarse ao que decida a RFEF, pero si que penso que hai que concluir así a campaña, sen arriscarse a que ninguén se contaxie nestas categorías. Poderían existir outras opcións, como facer dous grupos máis pequenos na Primeira Rexional e na Segunda para acurtar a duración da próxima campaña… pero é un tema complicado, terán que estudar as distintas propostas e escoller a máis factible.» En canto á súa continuidade no clube para devolvelo á Primeira, o técnico asegura que «aínda que ata o momento o máis importante é a saúde, a semana pasada a directiva e eu chegamos -nun principio- a un acordo, xa que estou moi contento co trato e as condicións, así que agora toca comezar a moverse para confeccionar o cadro de xogadores para o ano.»

O cadro de xogadores do Portomarín na pretemporada.

Pola outra banda, a cara alegre da moeda é a de Sergio Arias, ariete do Portomarín, quen sinala que «o equipo está tranquilo mentres nada sexa oficial, o ascenso era o obxectivo prioritario antes de comezar a temporada, pero sen acabar a competición non é o mesmo». O dianteiro afirma que «para min o máis xusto sería rematar a competición e ,no caso de non facelo, suspender os ascensos igual que se suspenden os descensos». Porén, sinala que, de confirmarse o salto de categoría, «viviríase con moita ledicia, sobre todo pola directiva actual e a pasada. Tamén por parte dos xogadores e corpo técnico, xa que é moi merecido.» En canto a continuidade de Sergio Arias no clube, o ex de CD Lugo e Racing Villalbés non se molla e di que «o importante é que o Portomarín CF persista como entidade».

Tamén o técnico do conxunto portomarinense, Fernando, sinala que «o vivimos con moita sorpresa pero tamén con alegría. O posible ascenso sabe mellor polo cambio que demostrou o equipo desde Nadal, mellorando todos o compromiso e o sacrificio». Porén, está de acordo en que «a decisión máis xusta sería rematar a competición, sexa cando sexa, pero ao non ser viable hai que buscar a solución menos mala» . En canto ao ano vindeiro, Fernando di que «o equipo ten capacidade de sobra para competir na Primeira, pero precisamos adestrar, sacrificarnos e competir como fixemos nesta segunda volta. Non sei quen seguirá, pero si sei que o clube pode competir perfectamente na Primeira Rexional».

Decida o que decida a Federación, desde Futbolinlugo podemos decir que estamos orgullosos de ambos conxuntos polo seu bo facer durante todo o ano e pola súa responsibilidade, asegurando desde as dúas entidades que o máis importante, agora mesmo, non é o fútbol.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Santi Real

Santi Real

De campo en campo. Maniaco do fútbol. En formación continua, aprendendo cada día.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*