Xose da Flor, Xose, Xosiño, Pepe…ou doutro xeito calquera era coñecido por moita xente Xosé Salgado Agrelo. Foi xogador da UD Pastoricense e do Meira CF, un amante do balompé, en especial do da súa terra e cos seus amigos, do fútbol popular.Comunicador audiovisual de profesión, e traballador e loitador incansable polo seu pobo, Meira, desde o ámbito político e cultural. Pero sobre todo, e por enriba de tódalas cousas moi amigo dos seus amigos.

De xeito moi prematuro, e con tan só 31 anos, faleceu o pasado día 15 de novembro, deixando un fondo baleiro no seu entorno máis próximo, nos seus amigos e coñecidos, e tamén entre toda a xente do mundo do fútbol na Terra Chá

Desde FUTBOLINLUGO queremos rendirlle este humilde homenaxe, contando co testimonio de quenes mellor o coñeceron: os seus amigos.

INTRODUCCIÓN DE SUSO LÓPEZ (Amigo persoal de Xose. Comunicador audiovisual e xestor cultural. Actualmente Responsable de Proxectos de Pla de Barris, Barcelona)

O Xosé amigo, o fillo e irmán, o activista social e cultural, o político, o amante da boa lectura e mellor música, foi tamén daqueles que estimaban o fútbol. Tivo sempre querenza por un xeito de facer e entender o deporte do balón que ía moito máis aló do once contra once e máis do gañas, perdes ou empatas. El era dos que apostaban polo fútbol popular, aquel que ve medrar cativos dende prebenxamín e que os despide temporalmente cando encaran o camiño da universidade ou do traballo; o que se xoga, sen complexos, nos campos de terra ou nos modernos de céspede artificial ou herba a medio cortar; o que máis aló do asubío final prolonga os regates entre cervexas, viaxes en coche de volta a casa ou conversas á saída dos adestramentos. O futbol, á fin, que fai comunidade e que incuba amizades. 

Cando se soubo do seu pasamento, o pesar entre quen xogou canda el ou compartiu campo nalgunha ocasión foi unánime. Detrás daquel rapaz de Meira, co cabelo que lle cubría os ollos e que corría, explosivo ao estilo Messi, para encarar a portería contraria, había sempre un sorriso. E ao acabar o partido, non faltou nunca un «abracísimo» coma todos cantos nos deixou pendentes. Falan del, e falan ben, quen partillaron cancha con Xose da Flor. ​

Xose. agachado á esquerda, compartindo equipo con Iván e Fiz

FIZ RODRÍGUEZ CARBALLO (Amigo persoal de Xose. Ex compañeiro e ex adestrador de Xose na UD Pastoricense. Actualmente adestra ao Ribadeo FC.)

Nun estado no que un non da conseguido ser consciente da dura realidade que se presentou, escribir unhas palabras, cousa que tan ben facía o noso querido Xose, tórnase un tanto complicado.
Chegou á UD caladiño, de maneira discreta, pero puxo en nós unha fonda pegada que durará para sempre.  Na sociedade en xeral, e no fútbol en particular, onde os números son o importante, e a perda de valores unha constante, Xose será recordado sempre por eses valores, polo que transmitía, pola súa ironía, polo seu sorriso, polos seus «chistacos», por estar sempre disposto para axudar, por ser un dos nosos peculiares, polos seus golpeos ao «Toni Burgo» co 23 nas costas, por ser un COMPAÑEIRO. Por todo iso, Xose é querido en tódolos ámbitos, persoa activa e participativa, emprendedora, galeguista e cunha tremenda imaxinación, que deixaba amigos por onde pasaba e agora deixa un oco imposible de tapar e proxectos por realizar.
Unha aperta ben grande, o privilexio foi noso.

Adicatoria de Xose a Fiz logo do ascenso coa UD Pastoricense a Primeira Rexional

JOSÉ CASTRO VILARÍN «MARINO» (Amigo persoal de Xose. Ex compañeiro no Meira CF. Actual xogador do CD Castro)

Sempre recordarei o día que eu viña de xogar contra o Dumbría. Quedaramos pra xogar un póquer uns cuantos amigos e díxome: «Marino, moito boto de menos dar unhas patadas ao balón» e díxenlle «agora ven ahi Noiteboa e xa llas damos xuntos». En Noiteboa pola tarde sempre nos reuniamos pra xogar unha pachanga tódolos amigos. Ese dia nunca o olvidarei porque foi a última vez que o vin.

Marino e Xose en Meira

CRISTIAN LUNA SANJURJO «LAMPI» (Amigo persoal de Xose. Ex compañeiro no Meira CF).

Xose da Flor, un gran amigo meu. Criouse cun balon nos pés e desde pequenos compartindo unha ilusión xuntos, o futbol! A vida uniunos porque nacemos na mesma terra, sempre facendo trastadas xuntos . Ademáis do colexio uniunos un balón, un balon que levaches sempre entre os pés!!
Horas e horas na praza xogando ao fútbol e ao fútbol tenis e no pabellón ao fútbol sala, e pra máis tarde rematar xuntos sobre un verde campo ao futbol once no Meira FC, no que ti, pese aos bos e malos momentos que nos deu esta profesión, sempre estabas co teu bo humor e as túas sonrisas polo vestiario, polo banquillo se tocaba e polo campo adiante, un orgullo terte de compañeiro, pero sobre todo un orgullo ser un gran amigo teu, iso si que é algo grande que me deu a vida!!
O dia 15 de novembro do 2017 deixounos unha gran flor dos campos de fútbol e da vida, pero convertirase na estrela que iluminará os terreos de xogo e as nosas vidas, no noso día a día. Sempre estarás no meu corazon, levareite conmigo na miña vida! Ata pronto Xosiño! Voltaremos a xogar ao futbol e a rirnos xuntos no ceo!.
O teu amigo Cristian, pra ti Lampi!
D.E.P Xosiño!!

Xose, agachado á dereita, nunha foto de equipo do Meira CF

JOSÉ ANTONIO VEIGA PÉREZ «CAMI» (Amigo persoal de Xose e ex compañeiro na UD Pastoricense)

Sen dúbida ningunha Xose, fuches o mellor futbolista co que compartín vestiario, e non digo no campo de fútbol, que ahí hai moitos. Con diferenza eras o mellor futbolista daquel grupiño selecto que intentaba imitar o golpeo de Toni Burgo, jajaja. Cantas historias e anécdotas tiven a sorte de compartir contigo! Por desgraza tiveche que deixarnos inesperadamente levando contigo un pouquiño de nós, ainda que non cho poremos tan doado xa que te encárgache de encher as nosas vidas de alegrias, chistes (iso sí malos) e boas intencións, que nunca esquezeceremos  e nos encargaremos de recordar cunhas boas risas. Ata sempre amigo, QUÉROTE.”

Xose e Cami

IVÁN FERNÁNDEZ GONZÁLEZ (Amigo persoal de Xose e ex compañeiro na UD Pastoricense)

Cando Xose, acompañado dos dous xemelgos de Meira, Carlos e Iván, chegaron á Pastoriza xa comezada a tempada, se a memoria non me falla, debutando no campo do Parga, non sabía todo o que me quedaría por vivir con el. Pero moi pronto soubemos os dous que tiñamos moitas cousas en común. Dende o ámbito académico nos mundos da comunicación ata o deportivo. Moitas carreiras continuas pechando o grupo e moitas horas de banquiño polos fríos campos da segunda rexional lucense. Pero a pesar do frío, Xose transmitíanos o contrario, esa calorciña dun amigo disposto sempre a axudar, a sacarnos un sorriso incluso nos momentos máis duros. Porque iso era Xose, un amigo con todas as letras, disposto sempre a dalo todo nos momentos máis difíciles, sabendo estar nos momentos máis felices e demostrando o cariño día a día.
A vida xuntounos de novo en Compostela e o fútbol volveu ser o motivo polo que vernos todas as semanas, nas pachangas dos mércores coas súas 1906 de despois. Alí sentabámonos a escoitar as historias de Xose, non sabíamos se algunha inventada, iso era o de menos, pero apaixonantes e interesantes, contadas con esa gracia e retranca que o caracterizaba, e desexando que dunha enlazara coa seguinte. A vida, neste caso miserábel, non me deixou seguir gozando da súa compaña pero estou seguro que alí onde estea seguirá facéndolle a vida máis feliz e máis intensa aos que o rodeen: contando vacas dos concellos do máis alá ou mesmo facéndolles un pumba e para a eternidade. Grazas Xose, por tanto!

Xose, agachado con guantes de porteiro cos seus compañeiros de facultade, entre eles Óscar, Iván e Suso

ÓSCAR MARTÍNEZ SANTOS (Amigo persoal de Xose. Árbitro en Segunda División B)

Fuches o primeiro co que falei nas aulas perfiladas por Siza. Sempre cun sorriso no peito. Antes de que a amizade nos unira, porque non coñezo a ninguén que non quixera ser cómplice teu. Ti co teu fútbol meirego e eu virando todo cara a paixón costeira. Deches xuntado a un peruano, a un arxentino, a un checo e mesmo a un meirao e a un pastoricense ao carón do mesmo balón. Só ti podias unir o que a sociedade non é capaz. Un exemplo no deporte, un referente na vida. Fixéchenos a todos un pouco mellores, fixeches que o fútbol só repartira abracísimos. Madia leva!

Enorme o agradecemento a tódolos que participaron neste sincero homenaxe a Xose da Flor, e tamén aos que non o fixeron porque nun artigo sería imposible recoller as verbas de tódalas persoas que lle querían ben. Que a terra che sexa leve, Xose.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*