O Viveiro afronta a temporada 2017/2018 con moita ilusión, pero tamén con moita prudencia debido aos cambios que sufriu o plantel respecto á pasada campaña. Tan só catro xogadores renovaron, e outros tantos son os que suben do equipo xuvenil ao rematar a súa etapa no fútbol base. Tras unha pretemporada co obxectivo de acoplar ben aos novos integrantes do equipo, a liga comezará este sábado en Cantarrana ante o Órdenes. Para coñecer mellor como se fronta o ano no clube mariñano, falamos co seu adestrador, Germán Amil.
FUTBOLINLUGO: Ola Germán. Levas case un ano como adestrador do Viveiro, aínda que xa na temporada 2006/2007 estiveches á fronte do equipo. Por qué decidiches seguir no cargo?
GERMÁN: Por varias circunstancias. A verdade é que non tiña moita certeza de seguir no cargo, porque tiven un problema de saúde, pero debido á boa relación que manteño con Luis del Río, e que el xa me pedira en máis dunha ocasión a miña axuda, para poñer rumbo a un equipo que estaba un pouco fóra de sitio, pois decidín quedar. Non obstante, cara ao final de liga complicáronse as cousas cuns episodios que non son honrosos nin para xogadores nin para adestradores. Unha vez solucionados, e tras mellorar a miña saúde, pensei que era o momento, e ademáis nunca quixen deixar tirada a esta directiva que tan ben se portou sempre comigo.


FUTBOLINLUGO: Como está a ser a integración dos novos xogadores, ou mesmo dos rapaces que suben desde os xuvenís?
GERMÁN: Fenomenal. Nese aspecto creo que acertamos bastante co grupo, son moi bos rapaces que chegan con moitísima ilusión e gañas, e penso que todos están poñendo o seu gran de área para que todo funcione perfectamente.

FUTBOLINLUGO: Unha vez finalizada a pretemporada, podemos facer balance. Que sensacións te deixan tanto os adestramentos como os partidos?
GERMÁN: Mellores nos adestramentos que nos días de competición. Nos partidos mostrámonos moi dubitativos, erráticos, deslavazados… aínda que somos un equipo que tivo bastante mala sorte. Por exemplo, catro esguinces de nocello na pretemporada, Joao rompeu os isquios… Ademais tamén hai xogadores recén incorporados, polo que aínda estamos por completar.
FUTBOLINLUGO: Polo tanto, poderemos ver a un Viveiro ambicioso este ano, con aspiracións de ascender?
GERMÁN: Ambiciosos si, pero non con necesidade de ascender, nin moito menos. Hai que partir da base de que tanto a directiva coma eu (deixando temas económicos aparte) falamos de buscar un perfil concreto de xogadores, pero dentro das posibilidades do clube. Penso que fixemos un conxunto bo, e se o ano pasado todo o mundo dicía que había un equipazo e quedamos oitavos, se este ano repetimos clasifiación cun presuposto menor e un plantel novo, sería un éxito para todos. O fundamental é salvar a categoría o máis rápido posible, e despois se chega algo máis, benvido sexa.
FUTBOLINLUGO: O primeiro obxectivo é o Órdenes. Como afrontades o encontro deste sábado?
GERMÁN: Con moitísima ilusión. Para nós é esencial gañar polo que supón a nivel grupal e a nivel de motivación, facendo que o equipo adestre mellor. Estamos en fase de perfeccionamiento, pero eu doulle moita importancia a comezar gañando na casa, para que o resto de clubes nos vexan como un equipo forte, que se faga respetar dentro da categoría.
FUTBOLINLUGO: Non obstante, na Preferente nunca se sabe, pode haber sorpresas como o Escairón o ano pasado. Que destacarías, a priori, da liga 2017/2018?
GERMÁN: Bueno, o Escairón do ano pasado realmente non sorprendeu porque contaba con xogadores de moita calidade. Este ano, a Preferente vai estar moi competida, pese a existir favoritos como As Pontes, Ribadeo, Polvorín, Dubra, Estudiantil, Órdenes… son equipos que a priori estarán arriba. Hai sete ou oito plazas practicamente collidas… pero sempre pode haber equipos da teórica zona baixa que acaben arriba. Será unha liga moi bonita e igualada, máis que a do ano pasado.
FUTBOLINLUGO: Moitas gracias Germán, sorte!
GERMÁN: A vós.
Agardemos que o Viveiro complete unha gran campaña e, por qué non, regrese a unha competición de alto nivel, como é a Terceira División.