Esta foi unha temporada estraña para todos. E para algúns más que outros. Nese saco podemos incluir a Fernando Corredoira. Un home de fútbol, cunha dilatada carreira como xogador e cun prometedor futuro como adestrador. Falamos hoxe de pasado, presente e futuro co novo técnico do Chantada Atlético.

Corredoira, na súa presentación co Chantada Atlético. EP

FUTBOLINLUGO: Boas Fernando! Imaxino que ademais de rara, esta temporada resultou dura ao quedar tan preto do ascenso co Pol… 

F. CORREDOIRA: É a temporada máis rara na miña vida deportiva, a de todos eu creo. A nivel persoal estabamos no mellor tramo e foi unha pena que todo rematase así.

Cun pouco de apoio teríamos ascendido pero non se me apoiou en ningún momento nese sentido

FIL:Un detalle, un partido e quizais o Pol estaría agora mesmo na Preferente. Decepcionoute o feito de que non recibises oferta de renovación?

F.C: Foi un ano moi complicado. Eu xa contemplaba esta situación así que non foi decepción. Aínda ascendendo non me ofrecerían a renovación, sabía que non ían contar comigo. Non tiña a confianza e o apoio do que manda no club, era un tema persoal. Sei que podíamos conseguir ese ascenso.

FIL: Onde estivo o problema entón?

F.C: Creo que quen mandaba non me coñecía ben. Non é un home de fútbol. Se non tivésemos fallado ese penalti contra o Riotorto no último partido, teríamos ascendido. Cun pouco de apoio teríamos ascendido pero non se me apoiou en ningún momento nese sentido.

FIL: Agora xa toca pensar no presente e no futuro. E tardaches un só día en atopar novo equipo.

F.C: Houbo xente que viu un traballo e fixo que fose todo moi rápido e moi ben. Eu quería seguir adestrando e non me importaba a categoría. Quedeime con esa mala sensación e quería facer algo esta temporada.

Aínda ascendendo non me ofrecerían a renovación, sabía que non ían contar comigo

FIL: E no Chantada Atlético dábanse entón todos os argumentos que precisabas?

F.C: O día que fun alí e vin esa predisposición e confianza, a cal non tivera este ano, empurroume a tomar esta decisión. Sentía que me ían valorar e polo menos me ían deixar traballar. Eles son ambiciosos e eu tamén. E sabía que me valorarían.

FIL: Por último, como vai ser o novo Chantada Atlético de Fernando Corredoira?

F.C: Temos ganas de comezar. A miña idea de fútbol pasa por intentar atacar e levar o peso do xogo, mirar a portería contraria antes que a nosa. Temos xogadores que se adaptan a ese fútbol rápido e vertical. Imos intentar que os xogadores esten cómodos, a gusto e sacar o máximo de cada un. Vai ser un ano complicado polas circunstancias que vivimos. Pero queremos mellorar a clasificación do ano pasado, o primeiro. E ser ambiciosos, sen marcarnos obxectivo, e ver o que chega a partir do traballo.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*