Nos últimos días non damos abasto. Tal e como levamos dicindo varias semanas, o mercado de fichaxes parece ultimamente un volcán en erupción que non da tregua. Apenas 24 horas despois de publicar o capítulo número 148 do Diario dun Mercado, velaquí a edición número 149!

As novidades de hoxe comezan pola Terceira División, na que o dianteiro Álex Pérez abandona o Racing Villalbés logo de tres anos no clube. O coruñés, alén dunha ficha libre, deixa un conxunto no que foi moi querido desde o primeiro día que chegou á Madalena. Na Preferente Norte, a SCD Residencia segue a confeccionar o seu cadro de xogadores para a próxima campaña. Porén, tamén di adeus un clásico do clube capitalino, Heitor, ao non renovar como xogador branquiazul.

Alberto López, na súa etapa na Sarriana.

Cambiando agora á Primeira Galicia, as novas chegan desde Pol. Pese a verse truncada a idea dos polenses de adquirir a praza da Agrupación Estudiantil na Terceira División, o clube lucense continúa co seu obxectivo de poñer o nome da SD Pol no mapa futbolístico autonómico. Para iso, a entidade apostará por un novo adestrador para o seu banco: Alberto López, ex do CSD Arzúa, semella será o escollido trala marcha de Fernando Corredoira.

Na Segunda Autonómica, o Iberia CF fíxose cos servizos do mediocentro Jony, ata o de agora na SD Burela. Máis ao sur, o Sporting Lucense asinou a Gabi (procedente da SG Comercial) para tratar de consolidarse na categoría á que ascenderon nesta atípica 19/20. Se continuamos o percorrido e chegamos aínda máis ao sur, chegamos a Monforte. Alí, o filial do Club Lemos -militante na Terceira Galicia- confirmou a incorporación de Andrés Tierra, ata agora no CP Calasancio.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Santi Real

Santi Real

De campo en campo. Maniaco do fútbol. En formación continua, aprendendo cada día.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*