Non pasaron nin 24 horas desde que publicamos o anterior episodio do Diario dun mercado pero, entrado o mes de xullo, todos os clubes apuran a confección dos seus cadros de xogadores e as novas acumúlanse na nosa provincia.

Sen ir máis lonxe, na Terceira División, o Polvorín afronta a súa segunda campaña na categoría coas renovacións de Marquitos, Luis Díaz e o adestrador José Durán, ao que non acompañará Mourelos na 19/20. Aínda teñen contrato en vigor Pablo Rey, Manu Núñez, Morais e un Matías que fará a pretemporada co primeiro equipo e que podería saír cedido a algún clube de Segunda «B». Tamén semella que se confirmará nos próximos días a fichaxe de Quindimil, central do Somozas e a incorporación de Arón, ex do Racing Villalbés, quizais para compensar a baixa de Rayco. Tamén será baixa o central Pedro Díaz, que sae cedido ao Unionistas de Salamanca para contar con minutos na Segunda «B».

Na Magdalena renova Javi Pita, que será o primeiro porteiro do equipo adestrado por Simón Lamas. A el súmase a renovación de Diego Rey. Asemade, o central monfortino Iago López regresa ao Bergantiños tras o seu paso pola Segunda «B» co Rápido de Bouzas.

Saltando á Preferente Norte, o Foz renovou a Jacob e Bouso, e a Sarriana a Álvaro. Por outra banda, a Residencia recupera a Adrián Rasilla -que chega desde O Páramo- e o Viveiro fichou a Antón do San Ciprián, segundo apunta La Voz de Galicia.

Na Primeira Galicia, o Outeiro de Rei renovou ao groso do equipo, incluído un Dani Renda que rexeitou ofertas de Preferente. Asemade, o Monterroso contará un ano máis cos defensas Iago Guaje e Porto.

Hai tamén un gran número de renovacións máis: Anthony no Chantada Atlético, Jon Vázquez como técnico do Friol, Josema no Castro, Maikel no Xove Lago (que incorpora a Fer do Folgueiro) e Yeray nun Pol que será dirixido por Fernando Corredoira. Por último, Kevin Pierre será Baixa no Riotorto.

Na Segunda Galicia, Miguel Lorigados renova no Mondoñedo, no que leva 25 anos; e Rubén Bergantiños e Iván López no Paradela, aos que se suma Martín López como preparador físico. Na Terceira, Madriles erá o adestrador da Milagrosa, e desgraciadamente todo semella que Cervo e Valadouro non sairán a competir.

En canto aos amigables, haberá un duelo entre PM Friol e Parquesol de Valladolid o 18 de agosto ás 18h na Reigosa, no que será o VII Trofeo Concello de Friol, e o Incio se medirá a Rubián, Brollón e Oural na súa pretemporada, que comezará o día 6 de agosto.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Santi Real

Santi Real

De campo en campo. Maniaco do fútbol. En formación continua, aprendendo cada día.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*