#Fútbol afeccionado #Primeira Futgal

Destacados Primeira. Xornada 9

*Monterroso-Burela: O cadro de Roberto Rielo firmou unha gran primeira media hora e púxose 3-0 no marcador. Con dous goles de Dabouza incluídos. O Burela aproveitou dous erros para reducir a un só tanto a vantaxe dos da Ulloa. Magnífica efectividade de Javi Celes, autor dun doblete. No comezo da reanudación, Miguel Gomes aproveitou un balón en longo para poñer a igualada definitiva. Dende o empate, ningún equipo tivo ocasións realmente claras e o Monterroso segue sen fuxir da zona baixa da táboa.

*Páramo-Xove Lago: Encontro suspendido polas consecuencias do temporal de vento e neve da pasada fin de semana. As Rapadas sufriu unha avaría na luz e os vestiarios non contaban con auga quente para poderse duchar. Chegouse ao acordo de pospoñer o partido para outra data, aínda por determinar.

*Pastoricense-Chantada Atlético: Balón de osíxeno para o Pastoricense ante o pechacancelas da categoría. Nun encontro sen excesivos alardes nin moito perigo nas áreas, o balón parado dos de Fran Veiga marcou as diferenzas unha tarde máis. O primeiro tanto chegou nunha acción de estratexia e o segundo nun saque de esquina. A pizarra da Pastoriza vale ouro. Os do Acebreiro firmaron un gol en cada parte, porén na primeira perdonaron algún máis. Os de Fran Regal tentarán deixar o último posto da clasificación o próximo xoves. Visitan á Residencia no encontro aprazado da xornada inicial (12.00 horas, A Cheda).

*Pol-Friol: Excesivo premio para o Friol nun Manuel Luna moi afectado polas condicións climatolóxicas adversas. O Pol marrou oportunidades clarísimas antes do descanso. Iván González e Carlitos convertéronse en dous pesadelos para a zaga dos de Jon Vázquez. No entanto, Santi adiantou aos visitantes. Na reanudación, a superioridade dos homes de Abad foi máis que notoria. Máis aínda no último cuarto de hora en superioridade numérica. A pólvora mollada e un gran Alberto Pacio tumbaron ao Pol, que morreu matando. Iván González mandou o balón ao longueiro no minuto 96, na derradeira do encontro. Un desenlace cruel. E feliz para os da Reigosa.



*Sporting Pontenova-Residencia: O conxunto de Andrés Bouza dominou a posesión en varias fases do encontro. Non serviu de moito. Atopouse cunha Residencia en versión asasina. Directa, vertical e moi eficaz. Txiki firmou un doblete porén non todo foron boas novas para os de Álvaro Meilán. Kevin retirouse mancado ao igual que Manu. Esta lesión semella moito máis importante, xa que o punta de Lourenzá podería ter roto o ligamento cruzado do xeonllo.

*San Ciprián-Riotorto: Magnífico partido dun Riotorto á alza nunha tarde complicada para a práctica do fútbol. Os de Labrada apenas pasaron apuros e frecuentaron campo rival en todo momento. Pablo Ruíz marcou os dous tantos da primeira metade, un deles de penalti. Tralo descanso, os visitantes pudieron golear. Aínda así, a sentencia non chegou ata o minuto 75, cun gol de Felipe Varela. O seu primeiro ‘chirlo’ co Riotorto. Hai que salientar que a primeira metade rematou un minuto antes do estipulado a causa da intensa granizada que caeu na vila mariñana.

*Chantada-Santaballés: Os de Juan Rodríguez asumiron a iniciativa ante un Santaballés máis contemporizador. O Chantada adiantouse nun saque de esquina. Pouco durou a alegría. Álex Novás viu porta de novo e igualou a contenda nunha boa acción individual. O cadro vermello non se veu abaixo e dispuxo dun pau e dúas oportunidades claras antes do descanso. A pelota non quixo entrar. Na segunda metade, rexistráronse menos accións de perigo. Aínda así, o Chantada tivo un penalti para quedarse cos tres puntos. Adrián parouno e asegurou un punto para o cadro de Santaballa no campo da Raña. O encontro foi o último de Simón Lamas como adestrador xa que se fai cargo do primeiro equipo do Vilalbés na Terceira División logo da saída de Juan Peón. Nun principio Roberto Freire, o seu segundo, dirixirá agora ao equipo branquiazul.



*Outeiro de Rei-Taboada: O equipo de Cholas controlou o partido e contou con numerosas ocasións en ámbalas dúas metades. O Outeiro xerou mans a mans con certa facilidade ante un Taboada diferente ao visto nesta temporada. Os de Martín Murado apenas se prodigaron en ataque e puxeron fin a unha racha de cinco xornadas sen coñecer a derrota. Jorge Pereira e Diego López foron os autores dos goles locais, un en cada parte.

*Atlético Escairón-Lemos: O líder segue a velocidade de cruceiro despois de gañar pola mínima o derbi. Nunha primeira metade moi igualada, a gran presión alta dos do Saviñao meteu en apuros aos monfortinos. A pesar diso, o Lemos foise cunha mínima vantaxe ao descanso grazas a un gol tempraneiro tras un centro lateral. O cadro de Eskalza perdeu enteiros na reanudación. Xerou menos perigo pero empatou de penalti. Os de Edu Rodríguez aumentaron o seu control do xogo. Situáronse de novo por diante na seguinte acción á pena máxima. Porén, o Atlético Escairón igualou de novo nun balón morto na frontal da área. A falla de dez minutos para a conclusión, o balón parado deulle os tres puntos ao Lemos. Terceiro e definitivo tanto, que chegou á saída dun córner.

[themoneytizer id=»15360-3″]



[themoneytizer id=»15360-4″]

[themoneytizer id=»15360-16″]

Destacados Primeira. Xornada 9

As nosas redes falan

Destacados Primeira. Xornada 9

O partido en imaxes: Castro-Sarriana (1-2)

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *