*Riotorto-Taboada: Máxima emoción na Veiga. Gabri adiantou ao cadro de Martín Murado nada máis comezar. O Riotorto reaccionou e remontou o marcador adverso nesa mesma primeira metade. Pablo Ruiz resarciuse do seu erro inicial ao cuarto de hora. Christian fixo o segundo xusto antes do descanso. No segundo tempo, un insistente Taboada buscou o empate en todo momento. Unha igualada que non chegou ata o minuto 94. Fabio non fallou dende os once metros. Os de Labrada viron nove cartóns amarelos e tres vermellos, dous deles a integrantes do corpo técnico.

*Friol-Chantada Atlético: Poesía para os ollos do espectador na Reigosa. Mellor ca un guion de Tarantino. O Friol colleu unha vantaxe de dous goles na primeira metade pero o Chantada Atlético recurtou diferenzas ao bordo do descanso. Na segunda metade, o contragolpe local non foi quen de matar o encontro. O colexiado lesionouse pasando a pitar un dos seus asistentes. Os de Jon Vázquez viron como lles eran anulados dous goles por un dos visitantes. E os chantadinos remontaron, poñendo o 2-3 con dous tantos entre os minutos 86 e 91. Cando semellaba que os de Fran García levarían o triunfo, Dani Roca salvou un punto cun testarazo. O desconto foi longo e un bo número de xogadores tiráronse exhaustos ao chan co pitido final. Como mola o noso fútbol!

*Chantada-Páramo: Os de Juan Rodríguez avisaron das súas intencións cun disparo ao pau aos vinte segundos. Pouco máis tarde, nunha contra dun saque de esquina, Corbelle adiantou ao Páramo. O resto da primeira metade foi de dominio local, aínda que sen ver porta. O Chantada arriscou na segunda parte. En cinco minutos, entre o 52  o 57, os do Sangoñedo déronlle a volta ao marcador. O cadro de Fontal estirouse máis, sen excesivo perigo. E Xende sentenciou no tramo final.

*Burela-San Ciprián: O derbi quedou na Marosa. O San Ciprián tivo as súas opcións durante case toda a primeira metade. Perdoou ata tres boas ocasións de Borja Mella. E o que perdoa, acaba pagando. A cinco minutos do descanso, Vila enviou o coiro á escadra dende fóra da área. Na seguinte acción, o Burela fixo o segundo da tarde a balón parado. Aí morreu o encontro. Na segunda metade, foi un querer e non poder visitante. O conxunto de Jaime Méndez controlou a situación perfectamente. E fixo o terceiro gol para establecer a sentencia definitiva.

*Lemos-Pastoricense: A pólvora mollada do Pastoricense impediulle sacar algo positivo da Pinguela. Os de Fran Veiga perdonaron boas e claras oportunidades durante os noventa minutos. Aínda que o balón foi do Lemos. Con escaso ritmo e profundidade, iso sí. Javi López marcou o único gol do partido a vinte minutos do final. Un tanto que valeu tres puntos e lle deu o título ligueiro ao cadro monfortino.

*Residencia-Atlético Escairón: Un correoso Atlético Escairón plantou cara durante a primeira metade. Mesmo tivo un remate de Asier ao longueiro. A piques de chegar ao descanso, os capitalinos adiantáronse nun erro rival. Na reanudación, a Residencia mostrouse intratable para conservar a segunda praza da táboa. O gol de Asier en propia porta rematou con calquera opción de puntuar para o conxunto do Saviñao. Txiki retirouse lesionado por unha dura entrada dun contrincante.

*Santaballés-Pol: O cadro de Abad sobrepúxose ao ímpetu inicial do Santaballés. Iván González liderou con moita clase a ofensiva visitante. Fixo o 0-1 cun soberbio lanzamento dende fóra da área. Acto seguido, perdonou o segundo. Co paso dos minutos, os de Dani Moirón foron gañando enteiros. Creando moito perigo pola banda de Pelao. Álex Novás igualou no ecuador da primeira metade. Vérez firmou a remontada na segunda metade ao aproveitar una concesión defensiva. Co marcador a favor, os chairegos non deron opción. Como acostuman a facer.

*Monterroso-Sporting Pontenova: Partido en sesión vermú, de escasa intensidade. O Monterroso deu un paso moi importante cara a permanencia tras impoñerse con claridade a unha frouxa Pontenova. Melchor e Porto, con dous goles consecutivos na primeira metade; encarrilaron o encontro. Tralo paso por zona de vestiarios, Lorenzo matou o partido. Os mariñáns fixeron o gol da honra e aínda houbo tempo a un cuarto tanto para os de Cerdeiriños. Javi pechou a goleada cun tiro cruzado.

*Xove Lago-Outeiro de Rei: O gran encontro da xornada tivo de todo. O Xove Lago reaccionou ao dominio inicial visitante cun cambio de sistema. E atopou o seu premio cun gol de Máikel á contra. O Outeiro de Rei quedaba cun home menos pola expulsión de Yago Yebra. Unha equivocación do colexiado xa que o último home autor da falta fora o seu compañeiro Trigo. Os de Cholas tiraron de coraxe e igualaron nunha acción moi protestada ao quedar o capitán Máikel lesionado sobre o chan. Na reanudación, un ordenado Outeiro de Rei levouse o triunfo. Un tanto en propia porta nun saque de esquina e un novo gol de Adrián Román nunha transición, decidiron. Triunfo traballado nunha praza moi compricada. Puntos chave que poden significar un ascenso.

Comparte
                              

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*