*Xove Lago-Atlético Escairón: Encontro con dúas partes moi diferenciadas no Municipal. Na primeira mandou o Xove Lago, que puido obter máis vantaxe ao descanso que o solitario gol de Juanjo Coello. O choque nivelouse na reanudación e as mellores ocasións pasaron a ser para o Atlético Escairón. Pandiani aproveitou unha mala saída de balón local e firmou a igualada definitiva. Ao término do encontro, o preparador mariñán Miguel Sancosmed presentou a dimisión.

*Chantada Atlético-Sporting Pontenova: Disputada primeira metade no Saviñao na que o Sporting Pontenova abriu a lata nun erro defensivo. O Chantada Atlético perdonou o empate nunha contra e nun balón ao pau. E os mariñáns aumentaron as diferenzas nun man a man. O cadro de Fran Regal cambiou de marcha na reanudación e meteuse no encontro cun tanto nada máis volver do descanso. O Chantada Atlético comezou a crer na remontada, porén non logrou materializar as súas oportunidades ata preto do remate. Adri firmou un doblete nun partido no que os dous últimos goles chegaron no desconto.

*Lemos-Pol: O conxunto de Abad foi un dos rivais que máis oposición puxo na Pinguela. O Lemos adiantouse ben pronto cun penalti de Diego Arias. Os monfortinos dominaban ata a expulsión de Armesto no ecuador da primeira metade. Os de Edu Rodríguez souberon sufrir ata o descanso. Na reanudación, os locais xuntaron liñas e buscaron contragolpes con balóns a banda sobre os extremos. Así chegaron dous goles máis. O Pol marcou o seu tanto nun centro lateral.

*Burela-Páramo: Nefasta primeira metade do Páramo da que se aproveitou o Burela. Os de Jaime Méndez xa mandaban por 2-0 no minuto 20 tras sendos erros defensivos visitantes. Nin a expulsión de Cris meteu aos de Fontal no partido. Na segunda metade, os das Rapadas arriscaron e xeraron múltiples ocasións sen sorte. Os mariñáns atoparon máis premio ao contragolpe. A falla de nove minutos para a conclusión, o Páramo conseguiu dous goles e chegar con opcións de puntuar ao final do encontro. Co equipo completamente volcado, o Burela repetiu a fórmula. Oleu sangue e matou o choque á contra. Carlitos asinou un doblete.

*Friol-San Ciprián: O cadro de Jon Vázquez faise forte na Reigosa e atópase a seis puntos da zona de ascenso. O acerto de Rafa Casanova na definición deixou os puntos na casa. O encontro foi moi disputado e entretido, con moitas chegadas a ambas áreas. O presidente estreouse coma goleador na primeira metade e Santi perdonou o segundo. Mantívose o guion tralo descanso e ao San Ciprián non lle quedou outra que arriscar. Os visitantes pudieron empatar ante un Friol leu ben os espazos que deixaron atrás os de Lekumberri. Despois dun par de avisos, Rafa Casanova matou o partido.

*Taboada-Pastoricense: Partido moi intenso en Rodeiro. O Pastoricense, moi serio en defensa, adiantouse pasado o cuarto de hora. Roubo no centro de campo e transición rápida para que Iván firmase o 0-1. Tralo gol, ambos conxuntos desperdiciaron unha oportunidade moi clara. Na reanudación, o Taboada dominou a posesión aínda que as ocasións non terminaron de ser claras. David Potente firmou o empate preto da conclusión. O gol animou aos da Medela, que puideron levar os tres puntos nos últimos minutos.

*Riotorto-Outeiro de Rei: O cadro de Cholas remontou o tanto inicial de Alberte na mesma primeira metade. Álvaro igualou cun lanzamento dende fóra da área e Dani Renda fixo o segundo de penalti. O Riotorto perdonou varias ocasións importantes antes do descanso. Iso sí, a posesión era cousa do Outeiro de Rei. Na reanudación, os de Labrada foron a polo partido, mostráronse superiores, e Felipe Varela firmou o definitivo 2-2 tras unha gran asistencia de Kevin.

*Santaballés-Monterroso: Comezou a era post-Simón Lamas cunha victoria pola mínima. Freire estivo aos mandos de xeito provisional, xa que a partires desta semana Dani Moirón é o novo técnico chairego. Ao Santaballés costoulle entrar no encontro ante un Monterroso que se adiantou nun rexeite. Co gol, os branquiazuis creceron. Deron un paso adiante. Dani igualou nun fermoso lanzamento de falta directa. Na segunda metade os chairegos mostráronse superiores. Nun contragolpe, Adri marcou o segundo e definitivo a centro de Palomo. Os de Roberto Rielo morreron matando, cun remate ao pau de Guaje Iago.

*Residencia-Chantada: O cadro de Álvaro Meilán firmou unha semana de seis puntos. O xoves goleou a un Chantada Atlético que apenas creou perigo na Cheda. E o domingo superou aos veciños da SD Chantada. Realizou unha das primeiras mellores metades da tempada, onde bordou o fútbol. Porén non foi quen de marcar. O gol chegou na reanudación, obra de Iago Alonso nun rexeite. O tanto espoleou aos de Juan Rodríguez, desaparecidos ata o momento. Provocaron que os capitalinos desen un paso atrás e mantiveron a incertidume ata o pitido final. A Residencia xa é terceira.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*