Futbolinlugo naceu hai un ano e uns días coa intención de poñer en valor o mérito de futbolistas, adestradores, directivos e seareiros do fútbol máis afeccionado. En definitiva, de persoas que dunha ou doutra maneira volcan parte do seu esforzo diario nun obxectivo común. En ningún momento a nosa idea é prexudicar a ningún club, todo o contario. Si é certo, que hai algúns que, ao mellor, teñen máis presenza ca outros, simplemente porque nos facilitan máis as cousas e están pendentes de nós.

Nestes tempos recibimos moitos parabéns polo labor que estamos facendo día a día. Non obstante, algunha crítica tamén caeu, como é lóxico. E aceptámolas porque este humilde equipo tamén está aprendendo con cada acontecemento que pasa, con cada noticia que redactamos ou con cada interacción que nos fan chegar a través das nosas redes sociais. Somos humanos e, como tal, temos erros, pero tamén sabemos rectificar cando o consideramos necesario.

Sen embargo, o que non podemos deixar pasar por alto é que nos tachen de influenciar na decisión dun futbolista de cambiarse de equipo. Non somos quen para decidir o futuro de ninguén. E aínda que houbera un erro e publicaramos unha información que non fose verdade, antes de acusar a ninguén, quizais sexa preferible reflexionar de que a última palabra para decidir o seu futuro tena un futbolista, ninguén máis. Pero non podemos botarlle a culpa aos demais do que é responsabilidade propia.

Polo momento, estamos facendo isto de maneira altruísta. E diredes vós: «ninguén vos mandou». Toda a razón. Facémolo porque nos gusta, por paixón e porque seguimos crendo que a verdadeira esencia do fútbol aínda se mantén. Recomendamos aos clubs que non pensen que son o Real Madrid ou o Barcelona, sodes moito máis ca iso. Cando se perda o noso, eles tampouco existirán. Un xogador pode cambiar de equipo por distintas cirunstancias, pero nunca debera deixar de ser un membro do club que abandonou, porque ao final todos estamos traballando a prol de manter vivo un obxectivo común, o fútbol lucense. 

Este humilde equipo seguirá loitando pola mesma idea coa que naceu: unir a todo o fútbol provincial. Queremos que haxa rivalidade, pero só durante o tempo que dure o partido; queremos que vos citedes na previa, pero para tomar un café; queremos que quededes no terceiro tempo, pero para tomar unha caña; queremos que asumades que aquí ninguén perde, todos gañamos.

Atentamente a redacción de Futbolinlugo,

Diego Díaz, Santi Real e Iván Calaza

 

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Redacción Futbolinlugo

Redacción Futbolinlugo

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*