Jorge Tato estaría orgulloso. A súa Copa tivo un final á altura do seu legado. Nun escenario inmellorable, nese que estaba chamado a triunfar, Outeiro de Rei e Peluquería Mixta Friol impuxeron a súa lei.

Baixo un sol de xustiza e unha calor abafante comezou a tarde de fútbol na Madalena. O día D do fútbol lucense. A final feminina abría o telón cun claro favorito: O Peluquería Mixta Friol. Por xerarquía e por diferenza de categoría. Os seus golazos durante o encontro ben o demostraron. Iso sí, a meta da Reigosa tivo que realizar algunha que outra parada de mérito ante o ordeado e traballado conxunto de Melendo. A Copa foise outra vez máis para Friol pero en Antas quedaron coa idea, de que teñen fútbol feminino para longo. Cheira moi ben ese proxecto.

O ritmo baixo do primeiro encontro mantívose para a final masculina. Nin os famosos ‘cooling break’ eran quen de limitar o desgaste físico que xeraban tales condicións atmosféricas. Nun comezo cheo de imprecisións e de dúbidas, o Outeiro adiantouse cun soberbio lanzamento de David Pereiro. A reacción do pobo do Páramo tardou moi pouco. Dende a grada e dende o céspede. Alí Robertito, perro vello nisto do balompé, sacoulle un penalti ao Mago Charly. Que nin coa súa maxia puido evitar o tanto dos de Fontal. A partires de aí, os de Juan Peón asumiron a iniciativa. Mandaban porén faltáballes pegada e decisión nos últimos metros. Por sorte, antes do descanso chegou o segundo. Trigo explorou territorios insospeitados e plantouse en liña de fondo. E asistiu a Pereira para que marcase a placer.

Na reanudación, un Páramo mermado competiu ata o pitido final. Nin as lesións de Borjita e Álex acabaron con eles. Mesmo dispuxeron de dúas boas oportunidades para igualar no tramo final. Dieguito e Borja non atoparon o camiño do gol. O que sí fixeron Iago Yebra e o recén entrado Xoel. Copa inmaculada do Outeiro, que evitou a machada dun Páramo con argumentos para dar aínda máis alegrías á súa afección.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*