O Entroido serviu, entre outras moitas cousas, para que os equipos da Terceira Rexional non tiveran competición. Xusto antes de afrontar a súa particular recta final. Restan catro xornadas e todo aínda está por decidir na última categoría do fútbol afeccionado lucense. Aínda que a algúns clubs lles quedan menos de catro partidos por xogar, os ascensos e os postos de promoción están abertos.

O Muimenta e o Alfoz comandan o grupo norte. Ambos teñen 41 puntos logo do seu último enfrontamento que rematou en empate e co gol average a favor dos celestes. Semella que o único que lles pode facer sombra nestes intres é o Matela. O cadro do Concello de Outeiro está con 3 puntos menos. Ao seu favor, que é o equipo máis en forma da categoría. Cinco vitorias seguidas. Na súa contra, o calendario que lle resta. A vindeira xornada xogará un duelo chave ante o Catro Roldas. O equipo de Román tamén ten opcións matemáticas de ascenso directo. Pero a separación xa é de seis puntos.

Daniel Irimia (xogador do Muimenta): “Eu creo que nos mantemos igual ca o principio. Ao inicio de curso non contabamos estar primeiros e ter estas opcións de ascender. Quédannos catro partidos. As dúas saídas fóra son complicadas, sobre todo contra o Celta Barreiros. O encontro en Barreiros e o do Fonsagrada na casa serán os máis difíciles, en principio. Vexo que o Alfoz subiu de nivel con respecto a primeira volta. Se lle quedaran outros tantos partidos probablemente acabase primeiro. Estráñame moito que a Milagrosa non estea máis arriba. E non o digo porque xogara alí un ano. Para min ten mellor fútbol ca o Matela, por exemplo. Pode ser que a nós, desde que perdemos co Lugo Unión, se nos descolocara un pouco. Pero recuperamos esa solidez en Alfoz. É o momento de ser serios. Polo nome do club e polos xogadores que temos merecemos estar en Segunda. Somos un equipo bastante equilibrado cando estamos todos. E na casa somos moi fortes. Temos algunha aposta entre os xogadores no caso de subir. Dous raparemos o pelo ó cero”.

Martiño Pérez (xogador do Alfoz): “Temos tres partidos fóra da casa que non van ser fáciles. O Lugo Unión e o Rioaveso están abaixo, pero van ser sempre complicados. O que si, estamos nunha boa dinámica. Eu creo que o imos conseguir. Vexo o equipo con gañas, interese e ilusión. Os dous primeiros partidos da liga foron raros. Aínda viñamos da pretemporada e non estabamos a nivel óptimo. A partir da terceira xornada dixéronnos que tiñamos que levantar a cabeza. Empezamos a adestrar ben, somos bastante xente nos adestramentos. Temos unha directiva e un técnico moi bo. E todo iso inflúe. A ilusión de quedar líderes sempre esta aí. Pero o obxectivo principal é ascender. Querémolo directo porque as fases sempre son complicadas. Para acabar aí, dependemos de nós. Que eu escoitara non coñezo ningunha aposta no vestiario. Pode dar moitas voltas. A liga está reñida. Pero algunha sairá. Senón, como capitán, xa me encargarei de que haxa algunha”.

Óscar Veiga (xogador do Matela): “Vémonos con opcións porque imos en boa xeira. Cinco vitorias seguidas. Creo que gañando os catro que quedan, estaremos arriba. O problema son os rivais. Dous dos partidos son duelos directos. Se conseguimos gañar ao Catro Roldas estaremos moi preto de conseguir o obxectivo. E senón haberá que seguir mirando e chegar na mellor forma posible ao final da tempada. Todo o mundo prefire estar en ascenso directo. Subir de categoría sería unha alegría enorme despois de varias incorporacións de xente nova. Aínda así, os dous primeiros están moi fortes. Sobre todo o Alfoz. Conseguiu algunha fichaxe polo medio da temporada. Vexo moi difícil recortarlle puntos ao Alfoz”.

Máis afastados desa pelexa están a Milagrosa, o Fonsagrada e o Celta Barreiros. O cadro capitalino e o da Montaña ocupan nestes momentos postos de promoción. O equipo da Mariña é o único en condición de poder pelexar por unha. O seu calendario colócalle partidos co primeiro e o segundo clasificado na antepenúltima e na penúltima xornada. A partir de aí, Friol B, Rioaveso, Celeiro, Cazás e Lugo Unión tentatarán rematar a competición do xeito máis decente posible. Agás o Rioaveso, todos conseguiron algunha vitoria nos últimos cinco enconttros. Non llo poñerán fácil aos seus rivais.

A fase regular da Terceira Rexional 18/19 decídese no mes de marzo. Catro prazas de ascenso directo en xogo. E outras dúas que quedarán para os vencedores da promoción en cadanseu grupo

No grupo sur, o Paradela xa desaproveitou a primeira bóla para cantalo ascenso. Vaino tentar na segunda oportunidade. Só lle quedará unha máis. Xogará en Quiroga o seu penúltimo encontro da liga. A ausencia do FC Becerreá e do Laxosa nos días previos ao inicio do curso, fixo que a competición chegue as últimas xornadas con desequilibrio no número de partidos xogados. Aínda así, os pupilos adestrados por Rubén Bergantiños téñeno na man. Se gañan no San Martiño son equipo de Segunda. Incluso poderían selo sen sumar de tres.

Claro está que o Quiroga tamén se xoga moito. Ao cadro quirogués quédanlle catro partidos, pero a diferenza co Antas é de só dous puntos (un partido máis). O que pode preocupar é a xeira do equipo. Escasea a regularidade. Non une dúas vitorias seguidas dende o inicio da campaña. Pola súa banda, o Antas está moi vivo na pelexa. Réstanlle tres choques, o último (na penúltima xornada) é contra o Quiroga no San Martiño.

Esteban López (xogador do Paradela): “Canto antes o consigamos, mellor. Dependemos de nós. Témolo na nosa man. Ou moi mal se teñen que poñer as cousas ou deberiamos ascender. O equipo está bastante tranquilo. Si que foi unha mágoa non subir na anterior xornada. Había moita xente no campo. Pero se vencemos esta semana gañariamos a liga e teriamos o ascenso directo. O partido co Quiroga xa fora complicado o da primeira volta. E xogando na casa deles aínda o é máis. Igual temos a baixa de Termi. A ver como responde. Contamos con que a xente de Paradela se desprace. Este ano está bastante metida co equio. De momento non nos paramos a pensar na celebración. Todo irá sobre a marcha”.

Álex Mondelo (xogador do Quiroga): “O vestiario está motivado. Dependemos de nós. E moito máis fácil. Si que existe a preocupación da falta de regularidade. Estivemos metidos arriba como primeiros e nas últimas xornadas non demos sacado adiante partidos na casa. Pero hai moita ilusión. Levamos unha temporada na que tivemos moitas circunstancias negativas como no tema dos lesionados e dun cadro de xogadores curto. O desta fin de semana é un partido chave. Sacando un bo resultado achegámonos ao Paradela. Eles non terían o ascenso matemático e as dúas xornadas seguintes descansan. Incluso un empate podería ser un bo resultado”.

Ángel Méndez (Antas): «Os propósitos son recuperar aos lesionados e mirar de gañarlles aos dous rivais directos cos que nos enfrontamos fóra da casa. Quedaríanos tamén o partido co Río Sil pero na casa. A praza do Paradela xa a vexo descartada. Esta fin de semana temos unha saída dificil. O Castroverde xa nos gañou en Antas nun partido no que tiñamos moitas baixas. Para nós o ascenso é un obxectivo. Volver facer ao equipo competitivo en Segunda. A lacra que tivemos de lesións mermounos moito. Acabamos partidos con dez xogadores por non ter xente. Pero agora estamos mellor e os xogadores implicados. Tentaremos ascender directamento e senón mirar de facelo na promoción. Non temos apostas no vestiario sobre un posible ascenso, pero imáxinome que será unha borracheira. Festa e borracheira”.

Con menos opcións de ascenso directo, pero con posibilidades sitúanse o Castroverde e o Sober. Con menos porcentaxe de chegar atópanse o Taboada B (ocupa posto de promoción), o Río Sil e o Rubián. Non obstante, todos eles están en pleno dereito de loitar por xogar o play off. Incluso o Relámpago Taboada e o Lemos B teñen opcións de entrar entre os seis primeiros. Queda a ansia no sur de que todos aínda se xogan moito nesta recta final.

Comparte
                        

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*