#Feminino #Fútbol afeccionado #Segunda Futgal #Terceira Futgal

As nosas redes falan

É un día deses nos que as palabras non saen coma a sempre. É un día triste para o fútbol lucense. E iso tamén está quedando reflectido nas redes sociais. Son moitas as dedicatorias, as verbas de agarimo e agradecemento cara Xosé Anxo Varela Rodríguez “Canti”, falecido nas últimas horas. Varios foron os clubs, os xogadores e demais xente relacionada co fútbol que o tivo presente no día de hoxe. O seu cariño estaba e permanecerá en toda a provincia. Aínda que se faga difícil, a vida segue. Foi un luns raro, despois dunha fin de semana de celebración en varios clubs lucenses. Como raro se fai tamén mesturar a desgraza e a vitoria. Pero facémolo pensando en Canti. Tendo a firme convicción de que el estaría moi ledo de ver unhas redes sociais presumindo dos éxitos do Friol CD Lugo, do Muimenta, do Alfoz, do Quiroga, do Chantada Fem ou do Lourenzá. Esta e outras tantas cousas que virán, van por ti.

Un ascenso dubidoso, pero na man

Está feito. Agás que os encargados de dirixir as cloacas do fútbol lles dea por darlle outra volta. Si, gústalles bastante remexer no revolto. Non nos atrevemos a afirmalo rotundamente porque dende o club tampouco houbo confirmación oficial. Pero todo indica que o Friol CD Lugo xa é equipo da 1ªB. Xa ascendeu. Sempre se fai complicado contrastar todo isto debido a creación dunha nova categoría. Con moitos equipos e con varias particularidades en cadanseu grupo. O Friol venceu a domicilio ao Sporting de Gijón con dobrete de Jone Bilbao e un gol de Geral. Suma 48 puntos a falta de tres xornadas para o final e, aínda que perdera todo o que queda, non baixaría do 5º posto. Co nivel de puntuación que ten, aínda rematando na 5ª posición, subiría de categoría (ascenden os catro mellores quintos de todos os grupos). De todos os xeitos, o obxectivo é a terceira posición como apuntou Lucía Pardo. Para que non haxa especulacións e a celebración sexa completa.



Ascensos de norte a sur á Segunda

A tarde deste domingo podería ser de transistores. Pero iso aínda non chegou ao noso fútbol. Foi máis de inercambio de mensaxes por whatsapp, comentarios en twitter,…Si, esas trapalladas modernas nas que andamos algúns liantes. Pero non era para menos. Había varias cousas en xogo. O máis importante, tres equipos que dependían de si mesmos para ascender. E as previsións desta volta non fallaron. O Muimenta venceu no Pichón ao Fonsagrada e xa non mirou para ningún outro campo. Regresa á Segunda dous anos despois. Agora queda pelexar polo primeiro posto na última xornada cun Alfoz que tamén subiu. Empatou sen goles ante o Celta Barreiros. O punto xa lle servía para ascender. Pero a incerteza do resultado fíxoo mirar cara Lugo. Alí a Milagrosa empatou in extremis o partido ante o Matela (4-4). No sur, o Quiroga deixou moi claro dende o principio que quería vencer. Derrotou a SD Antas. Cheo histórico no San Martiño para unha tarde para o recordo.

Chegar e encher no primeiro ano de vida

A SD Chantada creou esta tempada un equipo de fútbol sénior feminino. E os éxitos parece que non tardan en chegar. Encadradas no grupo I da Segunda Galicia (xunto co resto dos lucenses: Friol B – campión que xogará por ascender directamente nunha eliminatoria; Comercial – que tamén pelexa por entoptar rar na promoción e Carballedo) conseguiron esta fin de semana a súa clasificación para o play off de ascenso. Aínda poderían a 6ª praza do grupo. Este domingo venceron á Torre na casa con dobrete de Iria e máis goles de Natalia, Marina, Pateiro e Noela. Certo é que a fase de ascenso ten a súa dificultade. Xogarana 30 equipos e haberá dúas prazas de ascenso. Oitavos, cuartos, semifinais e final a dobre partido.

A “Faba Brava” ilusionada co Atleti

Atleti hai máis ca un. E se preguntamos por Lourenzá igual nos din que só hai un. A “Faba Brava” presume de equipo sempre, pero esta tempada un pouco máis. O cadro laurentino entrou a semana pasada en postos de ascenso directo á Primeira Rexional por primeira vez no curso. Este domingo volveron superar a outro rival da zona alta, o Xermade. Mantéñense en postos de privilexio. Quedan cinco xornadas para o final. A finde que vén xógase o derbi. E non fai falta engadir nada máis.

As nosas redes falan

Destacados Primeira. Xornada 27

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *