En conmemoración do Día da Muller que se celebra hoxe día 8 de marzo, facemos un repaso das clasificacións dos tres principais equipos de fútbol feminino da provincia de Lugo.Como sabemos de publicacións anteriores, o equipo feminino máis destacado na nosa provincia é o

Peluquería Mixta Friol. Este conxunto disputa a Segunda División nacional e está actualmente situado na quinta posición, cos mesmos puntos que o Ave Fénix, cuarto clasificado e a tan só dous do Sporting de Xixón, que é terceiro. A próxima xornada, o Friol mediráse ao Ave Fénix, nun choque directo polos postos de arriba, e no que as lucenses tratarán de aproveitar o «factor campo».
O seguinte clube lucense que xoga a un alto nivel é a SDC Milagrosa, militante da Primeira Galega. A rescisión do seu antigo adestrador, Vivian Dors, mantén ao equipo nunha certa incertidume, pero as rapazas souberon sobrepoñerse a isto, e venceron a pasada fin de semana ante o Victoria, rompendo una longa xeira negativa. Con estes tres puntos, as de Frigsa son novenas, situadas nunha cómoda posición no medio da táboa.

A SD Antas é o último protagonista. Sextas clasificadas na Segunda División galega, estas rapazas teñen un enorme mérito, xa que están poñendo ao pequeño municipio de Antas no mapa do fútbol galego. A pasada xornada, enfrentáronse a un imparable Ural (líder da categoría), que as derrotou por 4-0. O domingo, recibirán ao Portazgo, nun duelo no que tentarán saír do bache no que se atopan.


Todas estas guerreiras contribúen a dignificar o deporte feminino, xa que representan a busca da igualdade de homes e mulleres nel e agardamos todos os anos vindeiros poder renderlles un pequeno tributo coma o de hoxe e, á vez, que cada ano se sumen a éstes máis e máis equipos de fútbol feminino na nosa provincia!