Cinco partidos despois perdeu a SD Viveiro. Xusto na xornada na que se podía colocar como líder do grupo norte. O seu rival, a Comercial, entra en postos de promoción de ascenso. No sur, volveu sobresaír Anxo cun novo hat-trick para a Milagrosa. O Sporting Lucense continúa líder. No sur, só puntuaron os equipos que están en zona de promoción. Foi a quenda do Relámpago Taboada para descansar. Repasamos a 14ª xornada no Tres en Raia da Terceira Rexional.

No grupo norte, todo segue igual nos postos de ascenso. Porque a Fonsagrada descansou e a SD Viveiro perdeu. Terceira derrota da tempada para o cadro viveirense. Foi ante unha Comercial que entra na sexta posición. Os pupilos preparados por Pablo non se atoparon cómodos no Rodríguez Lago. Aínda así, conseguiron adiantarse no marcador. Os locais ao contraataque remontaron o resultado. A cinco puntos da zona de ascenso colócase agora o Matela que foi un dos grandes beneficiados da fin de semana. Sexta vitoria consecutiva. O Matela derrotou no Catro Ventos ao Cazás. O equipo xermadino segue na quinta posición.

Paraños xa volve ter ambiente de competición oficial. Despois duns meses de rehabilitación o campo da parroquia vilalbesa de Rioaveso xa volveu acoller un partido como local do seu equipo. Aínda non xogara ningún no que vai de curso. O primeiro encontro rematou en empate no duelo co Friol B. O filial friolés mantense na cuarta praza e os locais saen dos postos de promoción. Quedan a un punto da sexta praza. No enfrontamento de candidatos a entrar na fase o Celeiro superou pola mínima ao Catro Roldas. Partido serio do conxunto viveirense. Non concedeu moitas ocasións e o equipo de Román tampouco estivo acertado. O gol de Payu de cabeza a saída dun saque dende o curruncho significou a vitoria. No conxunto amarelo regresou Forlín despois de cumprir o seu período de sanción.

No grupo sur, o Sporting Lucense mantense no máis alto da clasificación. Tivo unha saída complicada. Venceu pola mínima na Medela ao Taboada B. Adiantouse na primeira metade, pero o Taboada B conseguiu empatar cun gol de Pitu. Na recta final do encontro o cadro adestrado por Lolo conseguiu selar a vitoria. Terceira vitoria seguida. Un punto máis ca o seu inmediato perseguidor. A Milagrosa tampouco baixa o ritmo. Nin o de partidos gañados nin o de goles. E boa parte da culpa deste última tena Anxo. O dianteiro volveu marcar 3 dos 4 goles do seu equipo. 15 tantos leva no que vai de liga. O Rubián tentouno e marcou dous goles. Con protagonismo para Ribi. Marcou un dos tantos e deu un pase de gol.

Como os da parte alta gañaron todos, o Antas segue a cinco puntos do ascenso. Cuarto triunfo seguido. Derrotou no derbi da Ulloa ao Monterroso B con claridade no marcador, aínda que non foi un bo partido do conxunto do Castro Seoane. E o resultado foi excesivo. Na cuarta posición sitúase esta xornada o Sober. Venceu pola mínima ao Castroverde. O gol de Martín posibilitou o 7º triunfo da campaña para o cadro soberino. O presidente é o máximo goleador do grupo con 16 goles. O duelo directo da xornada na promoción de ascenso rematou en empate. O Lemos B e o Carballedo non foron quen de dar co gol. Os resultados beneficiáronlles e aumentan nun punto a súa distancia cos predecesores.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Redacción Futbolinlugo

Redacción Futbolinlugo

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*