Terceira División

 – Polvorín – C.D. As Pontes (Domingo ás 16 horas na Cheda): practicamente un derbi. Con moitos lucenses nas súas filas, As Pontes buscará un triunfo para igualar en puntos ao filial lucense. Os de José Durán, logo da derrota ante o Estradense, precisan do triunfo para fuxir da zona crítica.

Preferente Norte

 – Ribadeo F.C. – S.D. Dubra (Domingo ás 12 horas en Malates): os de Rafa Casanova tentarán soprepoñerse ás ausencias de Criss e Aitor, dous dos referentes ofensivos dos mariñáns, para sumar un triunfo que os acerque aos postos de ascenso. Enfronte, un Dubra que, contra todo pronóstico, ocupa praza de descenso e non gaña desde a terceira xornada.

Primeira Autonómica

 – Friol C.F. – E.D. Lourenzá (Domingo ás 16 horas na Reigosa): enfrontamento entre os dous últimos clasificados. O cadro local buscará un triunfo co que escalar postos na táboa, mentres que os laurentinos tentarán revertir a súa mala racha cun triunfo para crer de novo na permanencia.

– S.D. Monterroso – S.D. Burela (Domingo ás 16 horas en Cerdeiriños): dous candidatos ao ascenso fronte a fronte. O conxunto local, segundo clasificado, pero que non está a amosarse fible no seu campo, recibe a un Burela que non perde desde a quinta xornada.

Segunda Autonómica

 – Sporting Pontenova – Meira C.F. (Domingo ás 16 horas na Mina): os de Andrés Bouza seguen coa súa remontada e buscarán facer do seu campo un fortín no derbi ante un Meira que está realizando unha gran temporada.

– S.D.C. San Lázaro – S.D. O Páramo (Sábado ás 16 horas na Ponte): proba de fogo para o cadro visitante, que logo de seis xornadas sen gañar, visita ao segundo clasificado coa necesidade de recurtar puntos cos postos de cabeza. O San Lázaro agarda alargar a súa boa xeira.

Terceira Autonómica

 – A.D. Catro Roldas – S.D. Viveiro (Domingo ás 16 horas na Canteira): os chairegos reciben, no seu mellor momento da temporada, a un dos favoritos ao ascenso co obxectivo de recurtar diferencias. O filial viveirense mantén a segunda praza malia perder no Marcos Gómez co Matela.

 – Taboada C.F. B – Relámpago Taboada (Domingo ás 16 horas na Medela): derbi no que o conxunto filial tentará consolidar o seu posto na promoción de ascenso ante un Relámpago que non foi quen de puntuar como visitante. Buscará rachar a mala xeira nun campo ben coñecido.

Reto Iberdrola

 – Peluquería Mixta Friol – Osasuna Femenino (Domingo ás 12 horas na Reigosa): logo do vital triunfo no campo do Pozuelo, as rapazas adestradas por Dani Guerrero reciben a un dos conxuntos máis fortes da categoría. O conxunto navarro é segundo na clasificación a tan só un punto do líder.

Primeira División Galega Feminina

 – P.M. Friol B- C.P. Alertanavia (Domingo ás 18:45 horas na Reigosa): boa oportunidade para as rapazas de Covi de seguir coa súa escalada na clasificación. Reciben ao pechacancelas, que non foi quen de puntuar como visitante.

Segunda División Galega Feminina

 – C.D. Lugo – S.D. Chantada (Domingo ás 12 horas no Luis Gorgoso): derbi de claro favoritismo local, pero a boa xeira das chantadinas ameaza a un conxunto lucense que parte co obxectivo de facerse co liderato.

– Carballedo C.F. – Brexo Lema S.D. (Domingo ás 12 horas no Catro Ventos): logo de dous triunfos consecutivos, as rapazas do Carballedo pretenden seguir a racha. Reciben a un conxunto que suma tres puntos menos na táboa.

– S.G. Comercial – Betanzos C.F. B (Domingo ás 17 horas no Rodríguez Lago 2): o conxunto lucense acumula catro xornadas sen gañar que as afastou dos postos de cabeza. Teñen a oportunidade de voltar á senda da vitoria ante un Betanzos que aínda non estrenou o seu casilleiro de puntos.

Liga Feminina Fútbol 7

 – S.C.D. Milagrosa – S.D. Silva B (Sábado ás 16 horas no Luis Gorgoso): derradeira xornada da primeira fase para un conxunto lucense moi xove, pero que realizou unha gran competición. Poden aínda mellorala se gañan ao filial silvista, conxunto da zona baixa.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*