Ademáis do Partido da Xornada, que enfronta a dous dos favoritos da Primeira Autonómica, esta xornada déixanos encontros máis que interesantes na nosa provincia. Derbis, enfrontamentos entre primeiros clasificados . . . revisen a nosa Axenda:

Preferente Norte

– Ribadeo F.C. – Club Lemos (Domingo ás 17:30 nas Valgas): derbi provincial entre dous conxuntos que precisan os puntos. Os mariñáns, logo da derrota en Boiro, non queren caer á zona de perigo, mentres que os monfortinos queren voltar á senda do triunfo, logo de cinco xornadas sen acadalo.

– Viveiro C.F. – C.F. Noia (Domingo ás 12 horas en Cantarrana): dous dos favoritos ao ascenso cítanse no feudo viveirense. Os de Chusky, logo de ceder os primeiros puntos da temporada non quererán máis contratempos para mantelo liderato. Enfronte, un Noia que comezou con dúbidas, pero que xa mira de reollo os postos de privilexio.

Primeira Autonómica

– U.D. Pastoricense – C.F. Riotorto (Domingo ás 16:30 horas no Acebreiro): os de Fran Veiga son os reis do empate. Catro xornadas e catro puntos. Buscarán o primeiro triunfo no derbi ante un Riotorto que tampouco conseguiu o triunfo polo momento.

– E.D. Lourenzá – U.D. Folgueiro (Domingo ás 17:30 en Santa Cruz): Malia ser o pechacancelas, os laurentinos foron quen de empatarlle ao Outeiro de Rei en Santa Cruz. Buscarán o primeiro triunfo en plena Festa da Faba. Enfronte outro conxunto recén ascendido. Os pupilos de Jandri non coñecen a derrota logo dun gran arranque ligueiro.

Segunda Autonómica

– Celta Barreiros – C.D. San Ciprián (Sábado ás 16:30 horas no Cascabeiro): cita por todo o alto en San Cosme. Logo de moitos anos en Terceira, o Celta voltou con gañas e xa é segundo logo de tres xornadas e reforzouse esta semana con tres novos xogadores. Pero chega o líder. Un San Ciprián que conta os seus encontros por vitorias e é un dos claros favoritos ao ascenso.

– Portomarín C.F. – S.D.C. San Lázaro (Sábado ás 16:30 horas no Chao da Poza): O líder defenderá o posto no seu feudo. Os de Fernando gañaron os tres encontros disputados cun Sergio Arias que vai a gol por partido. Enfronte o conxunto adestrado por Diego Rey, que buscará os tres puntos para acercarse á zona alta.

Terceira Autonómica

– S.D. Nuevo Nausti – Friol C.F. B (Domingo ás 16:30 horas no José Luis Parga): os de Noche, que volta á competición moitos anos despois, buscarán os seus primeiros puntos logo de recibir dúas goleadas. Enfronte, un conxunto en forma. O filial do Friol é colíder logo de gañar nas dúas primeiras xornadas.

– S.D. Antas – Carballedo F.C. (Domingo ás 16:30 horas no Castro Seoane): o cadro local, ao que se lle resiste o ascenso nas últimas temporadas, vai de nvo en serio. É líder e con boas sensacións. Recibe ao nóvel Carballedo, que buscará os primeiros puntos da súa historia.

Primeira División Galega Feminina

 – S.D. Antas – C.P. Alertanavia (Domingo ás 18:30 horas no Castro Seoane): a tarde de fútbol será completa no Castro Seoane. As rapazas da Ulloa, que comezaron a temporada dun xeito extraordinario, teñen unha boa oportunidade para afianzarse na zona alta. Reciben ao pechacancelas que conta cun só punto na clasificación.

Segunda División Galega Feminina

 – S.D. Chantada – Once Caballeros C.F. (Domingo ás 12 horas no Sangoñedo):  logo de dúas derrotas consecutivas, as chantadinas precisan dunha vitoria para abandonar a zona baixa. Reciben ás de Cambre, que ocupan a zona media da táboa.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*