Deixámosvos unha escolma dos encontros que se poden ver esta fin de semana ao xeografía lucense:

PREFERENTE NORTE

 – Viveiro C.F. – Club Lemos (Domingo ás 12 horas en Cantarrana): o noso partido da xornada. Derbi provincial entre o conxunto local, líder da categoría, logo de acadar o triunfo nas dúas xornadas disputadas, e un Lemos que xa foi quen de vencer un campo tan difícil como o do Dubra.

– Ribadeo F.C. – San Tirso S.D. (Domingo ás 18:30 horas nas Valgas): comeza a peregrinaxe dos de Rafa Casanova polos campos da Mariña, por mor das obras de remodelación do Pepe Barrera. Desta volta será en San Miguel de Reinante, nas Valgas. En plenas festas ribadenses, o cadro local buscará sumar a súa primeira vitoria de temporada, ante un conxunto que non foi quen de puntuar.

O Ribadeo xa disputou fai dúas temporadas o derbi mariñán ante o Viveiro no campo das Valgas

 – S.D. Residencia – C.F. Noia (Domingo ás 12:30 horas na Cheda): o conxunto lucense, que tan boa imaxe deu no único encontro que disputou como local, recibe a un Noia que se viu soprendido a pasada xornada polo Foz. Complicado encontro ante un dos firmes candidatos ao ascenso.

PRIMEIRA AUTONÓMICA

 – Atlético Escairón – S.D. Santaballés (Domingo ás 18 horas no Municipal do Saviñao): dous dos conxuntos máis fortes da categoría cítanse na primeira xornada. O cadro local, con Javier Montoto á fronte, configurou un plantel de auténtico luxo, recuperando a xente da casa. Os chairegos, da man de Dani Moirón, manteñen o bloque que os situou ás beiras do ascenso na pasada campaña.

Escairón e Santaballés pelexarán polo ascenso nesta nova temporada de Primeira

– S.D. Burela – C.F. Riotorto (Domingo ás 18 horas na Marosa): encontro entre dous equipos con pretemporadas ben distintas. Os burelaos, moi reforzados con xogadores de renome como Diego Chao ou Felipe Varela xa foi quen de amosalo seu potencial nos amigables. Enfronte un Riotorto completamente renovado con Suso, ex xogador do Pol e Castro entre outros no banco. Remodelación total, cun plantel curto pero de garantías para afrontala temporada, con xogadores da talla de Diego Núñez ou Dani Roca.

COPA DEPUTACIÓN – SEGUNDA E TERCEIRA AUTONÓMICA

 – C.D. Cospeito – S.D. Muimenta (Domingo ás 18 horas na Fonte): derbi municipal entre os dous representantes do concello de Cospeito. O conxunto local recibe a un Muimenta, que estrea en competición oficial a súa condición de equipo de Segunda Autonómica.

 – Sporting Pontenova – S.D. Guitiriz (Domingo ás 17 horas na Mina): dous conxuntos que se atisban punteiros en no grupo norte de Segunda Autonómica. Un boa pedra de toque para ámbolos dous de cara ao comezo de competición da vindeira fin de semana.

 – S.D. Oural – S.D. Páramo (Sábado ás 17 horas no Luis Pallín): o cadro local, que pelexou ata a derradeira xornada do pasado campionato polo ascenso, recibe no seu feudo a un Páramo que vén de perdela categoría, e ven seguro que tentará comezala competición oficial marcando o territorio.

FÚTBOL FEMININO: 

Lucía Pardo voltará a ser unha das referente do PM Friol. Nunha temporada con menos presenza de xogadoras lucenses

– PM Friol – Alavés (Domingo ás 12 horas na Reigosa): comeza o Reto Iberdrola para o conxunto lucense. No segundo chanzo do fútbol español, como estaba estes últimos anos. Pero cunha redución considerable de equipos que fan entrar ao cadro friolés nun grupo selecto. Xa sen o apoio do CD Lugo. Increméntanse as viaxes e tamén o poderío dos rivais. O Friol levará o seu nome por todo o norte peninsular. Pero comeza na casa. Este domingo chega o Alavés para medir o nivel dun conxunto renovado con respecto a temporada anterior.
– Antas – Arcadia (Domingo ás 18 horas no Castro Seoane): tamén comeza a Primeira Galega. Os dous representantes lucenses inician a competición. O Friol B faino fóra, pero o Antas estréase na casa. Co obxectivo de consolidarse na categoría e se pode ser pasar menos apuros que a temporada pasada. Dende o Concello de Soutomaior chegará o Arcadia que o curso pasado finalizou na sexta posición. Na visita do ano anterior a bisbarra do Ulloa venceu o cadro pontevedrés por un axustado 2-3.
Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*