24 anos adestrando na Milagrosa. Milleiros de minutos sobre o céspede dos distintos campos da provincia e da comunidade. Madriles é, polo tanto, un dos homes que mellor coñece a nosa base e o noso fútbol. Non acostuma a aparecer nos medios, pero Futbolinlugo conseguiu falar con el.
Ademais, os seus equipos infantil e cadete están a facer un gran papel este ano na Liga Provincial, clasificándose ambos á Segunda Fase da liga. Para saber máis acerca do fútbol que se respira en Frigsa e da vocación futbolística de Madriles, mantivemos una interesante conversa co adestrador. Velaquí a entrevista!
FUTBOLINLUGO: Ola Madriles. Para comezar, fálanos un pouco do teu equipo cadete. Cales serán as metas este ano?
MADRILES: A meta é seguir formando xogadores para o noso club. A nivel competitivo non renunciamos a nada, sabendo que é moi complicado quedar entre os dous primeiros para xogar polo ascenso. A ilusión que temos todos é máxima, pero queda moito e o realmente difícil empeza agora.
FUTBOLINLUGO: E como ves ao teu equipo infantil? Cales son as metas neste caso?
MADRILES: O infantil é, máis ou menos, o mesmo. Hai outras prioridades na súa formación. O primeiro -que era a clasificación para a segunda fase- conseguiuse, e agora toca seguir ata onde cheguemos. O obxectivo é mellorar en moitos conceptos técnico-tácticos e dar un pasiño máis en concentración para buscar ser competitivos en cada partido.
FUTBOLINLUGO: Que destacarías no que vai de campaña por parte dos teus xogadores?
MADRILES: Con distintos matices, son dous grupos moi parecidos. En xeral gústalles adestrar, e iso é algo que valoro moito.
FUTBOLINLUGO: Para ti, un veterán dos banquiños, que é o máis bonito de adestrar a rapaces?
MADRILES: Sempre, e a pesar dos anos e os diferentes grupos, o saber que un pode incidir na súa forma de ver o fútbol e a mellora que lles ves a través dos meses fai que cada ano e cada grupo supoña un reto novo e unha nova ilusión. Sempre hai obxectivos tanto competitivos como o máis importante, que é inculcarlles a forma de ver o fútbol que temos dende o clube.
Ser xogador é moi complicado, pero a base mellorou en moitos aspectos.
FUTBOLINLUGO: Coñeces ben o noso fútbol, e a nosa base. Consideras que esta vai en progresión?
MADRILES: Está claro que a base mellorou en moitos aspectos: instalacións, material para adestrar, adestradores máis preparados e cualificados, hai moitos máis nenos xogando… Pero, desde que empecei, fai 24 anos, agora o nivel de xogadores que chegan é máis ou menos o mismo, chegan poucos, os que teñen que chegar. Non basta só con talento, hai máis variables que non cumplen. Ser xogador é moi complicado e non todos están dispostos a renunciar a cousas para chegar.
O clube mellorou moito nos últimos anos, pero aínda queda moito por facer.
FUTBOLINLUGO: Como home de clube, como ves o proxecto deportivo desenvolvido pola Milagrosa?
MADRILES: O clube mellorou moito nos últimos anos. Os que estaban e os que estamos imos facendo un pouquiño máis cada ano. Queda moito por facer e costa moito dar os pasos, pero é unha carreira de fondo e vamos por bon camiño. A paciencia é a chave.
FUTBOLINLUGO: Pensas que a base da Milagrosa merece contar con algún equipo nunha Liga Galega?
MADRILES: A base da Milagrosa volverá a Liga Galega cando a base da Milagrosa o mereza, nin máis nin menos. Ao final, os xogadores son a base máis importante para alcanzar ditos obxectivos. Entón, cando os nosos equipos estén capacitados conseguirémolo, e tarde ou pronto iso vai chegar.
FUTBOLINLUGO: E en canto ao primeiro equipo. Volverán os tempos de gloria para o equipo de Frigsa?
MADRILES: O primeiro equipo ten que ser, como foi sempre, o último escalón do clube e o seu nivel sempre o dá o nivel da nosa base. Se a base, como ocurriu, dá para Preferente ben, senón, para Primeira Rexional ou Segunda. Sempre sen hipotecar o club nin os 400 nenos que temos debaixo. Iso, mentres esté eu, non vai pasar.
FUTBOLINLUGO: Veste moitos máis anos involucrado no clube?
MADRILES: Levo moitos anos, quizais demasiados. 24 anos adestrando e dirixindo dan para moitas vivencias e cousas, sempre máis positivas que negativas, pero todo debe ter un principio e un fin. Veremos como van as cousas. Esta é a miña casa e sempre o será. Dunha ou doutra maneira sempre estarei vinculado a Milagrosa.
FUTBOLINLUGO: Moitísimas gracias por atendernos, Madriles.
MADRILES: A vós.
Queriamos agradecer tamén a Fernando Currás Rivera, xefe de prensa da SCD Milagrosa, a súa colaboración.