Redactor - Diego Díaz Martínez

Palabra de… Edrosa: «Sentado e con actitude»

Primeiro de todo agradecer aos amigos de Futbolinlugo por deixarme expresar nesta páxina e pola espectacular cobertura que fan cada semana do noso fútbol. 

Como xa sabemos todos, o protagonismo ao rematar un partido lévao aquel dianteiro que marcou un gol, o mediocentro que foi o dono da medular, o defensor o cal non deixou pasar un balón, aquel porteiro que fixo varias intervencións de mérito e incluso aquel xogador que saíu do banco e que cambiou o ritmo do partido. Eu, neste artigo, voume centrar máis no último exemplo, naquel xogador que habitualmente xoga no banco ou que normalmente non ten a oportunidade de entrar na convocatoria.

Na miña opinión, tanto unha persoa, como un xogador de fútbol vese como realmente é nas situacións difíciles. Si ben, non contar para o adestrador é un problema menor comparado cos que pode haber na vida; dentro do fútbol é, xunto coas lesións, o máis duro que lle pode pasar a un xogador. Xa que se ve privado do que máis lle gusta e polo que ao final está participando neste mundiño. Poder xogar e competir cada domingo.

A min, como á meirande parte dos xogadores do noso fútbol provincial, tocoume algunha vez que outra ter que lidiar con situacións nas que o adestrador non contaba conmigo. Este ‘problema’ pódese afrontar de dúas maneiras: primeiro está aquel xogador que apreta os dentes. Non lle bota a culpa a factores externos e segue sumando a prol do equipo nos adestramentos e nos partidos. Cos poucos minutos que lle toque xogar ou ben animando dende a grada. A segunda opción é a dese xogador que, dende o meu punto de vista de maneira egoísta, bótalle a culpa a todo menos ao seu propio rendemento. E cos seus malos xestos e actuacións, ao final vai en contra del e do propio equipo. Eu, prefiro centrarme no primeiro.

Nestas liñas, veño a recoñecer a figura dese xogador que non está contando cos minutos que lle gustaría e cuxa actitude é impecable, igual que si estivera xogando. Este futbolista caracterízase por nunca poñerlle unha mala cara ao compañeiro que xoga no seu posto, nin ao adestrador que decide non poñelo… Este tipo de xogador céntrase en adestrar o mellor posible para contar con unha oportunidade, deixando a un lado as actitudes tóxicas que poidan perxudicar ao grupo.

Con todo isto que dixen anteriormente non quero dicir que este xogador se resigne e lle de igual non darlle a volta a esta situación. Unha cousa non quita a outra. Este xogador tamén debe ter esa dose de rebeldía. O futbolista debe intentar adestrar ao máximo e facer o todo o que estea na súa man para que o adestrador poida cambiar de opinión e lle outorgue máis minutos de xogo. Relacionado cos adestradores, tamén penso que estos deberían tratar da mesma forma en canto á esixencia a estos xogadores menos habituais e aos ‘titulares’. Aínda que con certos matices ao meu parecer. Igual se teñen que evitar certas recriminacións ou certos comentarios negativos a dito xogador menos habitual que está pasando por unha situación complicada. E dirixirlle estos comentarios a aquel que si está xogando e que o pode levar un pouco mellor.

Todo isto pode parecer un tópico, pero estando nesa situación non é nada fácil intentar ser positivo e ter unha boa actitude. Xa que o ánimo non é o mesmo que si se está xogando asiduamente. Por iso resalto tanto a actitude dese xogador que se comporta como un verdadeiro COMPAÑEIRO cando as cousas non lle van ben no persoal. Eu por exemplo, valoro máis isto que aquel xogador que é a estrela do equipo e que mete un gol cada semana. Sen quitarlle mérito, por suposto. 

Quero deixar claro que eu falo dos niveis nos que me tocou a min xogar, que foron todos niveis non-profesionais ou amateurs. Entendo que no fútbol profesional hai outras pretensións. Sobre todo económicas. E non me quero meter neste tema, o cal non coñezo.

Eu tiven a sorte de compartir vestiario con compañeiros coa actitude que pretendo ensalzar neste artigo. E estou orgulloso, de que eu, cando me tocou vivir esa situación tamén intentei ter o máximo respeto posible polo grupo. Moitas grazas aos amigos de Futbolinlugo de novo. E noraboa por ese espectacular traballo que realizades.

Gonzalo Edrosa Anllo. O fillo, zurdo tamén. Bo xogador, mellor persoa e superlativo suplente

Oleadas e transicións por Aarón Sánchez

O coordinador e adestrador de Casás Aarón Sánchez é o encargado de ofrecernos unha nova Pílula Futbolinlugo. O preparador lucense, que conta con notable experiencia noutros clubs como Rácing Villalbés, Sagrado Corazón ou Franciscanos; explica unha tarefa con múltiples obxectivos. Entre eles o traballo das transicións por oleadas e a través de distintos tipos de ataques e defensas. Pasen e vexan!

 

Amor a dous toques: Félix Cao e Antón Eiré

Nova entrega dunha das revelacións deste confinamento: Amor a dous toques. Esta semana Manu Amor adéntrase no universo da preparación física. E faino cun par de invitados de auténtico luxo. En clave lucense atopamos a Antón Eiré. Formado na familia do Chantada, actualmente ostenta o cargo de readaptador do Lugo de Segunda División. Por parte ourensá, un auténtico referente: Félix Fernández Cao. Dende as categorías inferiores do Celta chegou ao lado de Don Manuel Pellegrini. Co que estivo tanto no West Ham como na súa aventura chinesa. Sen máis dilación, dentro vídeo!

Palabra de… David Rodríguez: «O erro dos que non poden celebrar»

Esa figura tan pouco valorada e a vez tan necesaria: a do colexiado. Foron moitos sábados, domingos, festivos e ata incluso días de semana nos que desfrutei da miña labor arbitral. Pode chegar a parecer raro que un árbitro desfrute dun partido de fútbol con todas as que lle choven dentro e fóra do terreo de xogo, pero asi é.

Pois ben amigos, para os colexiados o partido é tan importante como para os xogadores, adestradores, directivos e afeccionados. Coa pequena diferencia de que o equipo arbitral, nos noventa minutos, non pode expresar os seus sentimentos como si pode facer o resto.

Iso si, por dentro sinte cada decisión e celebra o acerto. Porque aínda que para alguén poida parecer errónea a decisión, para o colexiado vai a ser a correcta. E interiormente si vai expresar esa conformidade. Esa vantaxe no medio do terreo de xogo que remata con gol… Que alegría compañeiros! Pero claro… O árbitro non o pode celebrar como si o pode facer o goleador e os compañeiros.

Cando un xogador erra un gol a porta valeira, que fai o seu adestrador? Se quere crucificar ao xogador, o fácil seria trocalo. Pero, polo xeral, vaino animar e apoiar para que faga o gol na seguinte oportunidade. Pois ben, fagamos iso cos colexiados. Que como os xogadores non querer errar. Son humanos e unha figura moi necesaria no noso deporte.

Boa tempada a todos, saúde e moito fútbol.

David Rodríguez Pérez. Home de negro de corazón, Piterman de mente. Tamén fai que xoga
Foto principal: Roberto Carreira

A fraxilidade dos liderados máis sólidos

Unha semana máis sen fútbol. Unha semana máis sen saber que pasará! A incertidume apodérase de nós por momentos. Pero que carallo imos pedir se nin os propios profesionais teñen o seu panorama claro? Neste Venres Santo quixemos acordarnos deses equipos que o tiñan prácticamente feito. Que o estaban case saboreando. Contando as xornadas para festexar o ascenso. E aos que non se lles vai o medo de perdelo todo por mor deste maldito virus. O pavor é maior se cabe, despois de ver que en Portugal deron onte por nula a campaña 19-20.

Na provincia de Lugo contamos con tres casos claros. De feito, moitos xa os dabamos por campións virtuais das súas respectivas categorías. Cunha vantaxe de tres partidos, ou superior, sobre o terceiro clasificado. Nesta tesitura emerxen os Viveiro, Atlético Escairón e San Lázaro. Tres líderes con man de ferro de principio a fin.

Álex Meitín

O AUTÉNTICO REI DA PREFERENTE

O Viveiro navega como un auténtico transatlántico sobre o intenso mar de fondo característico da Preferente. Tras moitos anos na procura da terra prometida da Terceira, o regreso parecía unha realidade consumada. 62 puntos, 11 de vantaxe sobre o segundo e 15 sobre o terceiro. Tan só dúas derrotas en oito meses. Esa é a súa carta de presentación. Á que lle podemos engadir os títulos de equipo máis goleador e o que menos encaixa nas vinte e seis datas celebradas.

O seu capitán Álex Meitín fala moi claro dos danos que a anulación da temporada, sen ascensos nin descensos, podería ocasionar.

«Ademais do impacto económico que supón esta crise, que xa o temos enriba tanto equipos de fútbol como o resto de persoas do mundo, o golpe anímico sería moi grande. Xa que despois de tantos anos loitando por devolver ao equipo ao máis alto. E sobre todo, despois destes 8 meses de traballo, sacrificios e de moito esforzo; estés a un paso de conseguir este obxectivo… Pois sería unha gran decepción

«Hoxe en día o máis importante é a saúde. Resulta algo frívolo falar de fútbol, pero ao fin e o cabo e a nosa paixón, é o noso tren de vida. Queremos saber como rematará todo isto e que sexa do xeito máis xusto posible! Sería inaudito que o Viveiro non ascendese se se decide anular todo. Agardo que se valore a nosa traxectoria e a doutros moitos equipos na mesma situación. E que prevaleza a coherencia e non se tire a tempada pola borda!«.

O REFERENTE DA PRIMEIRA

Julito

O Atlético Escairón vislumbra a todos polo espello retrovisor na sempre igualada Primeira. Da man de Montoto a solidez estaba asegurada. E os números ratifican esa sensación imperante. A falta de nove xornadas para a conclusión os do Saviñao acumulan 61 puntos. O Santaballés aparece segundo con 50 puntos, un de vantaxe sobre o Pol. Os azulóns son os que menos goles reciben de toda a categoría e o segundo conxunto máis realizador.

Julito, un dos pesos pesados dese vestiario, valora a situación actual e os perigos desa posible anulación.

«Seguramente haxa equipos beneficiados no caso de anular a tempada. Equipos que estaban sentenciados a descender que conseguirán o obxectivo de manterse. Pola contra, hai equipos que tiñan outros obxectivos. Un ascenso de categoría que para un club supón un esforzo non só económico. Pero o dano que máis me afecta é a nivel persoal. O dos adestradores e xogadores que levamos traballando con adestramentos e partidos dende o mes de xullo para obter unha recompensa ao final da tempada».

«Non se trata dunha recompensa económica senón emocional, unha celebración de ascenso, para min o mellor que se pode vivir neste mundo do fútbol non profesional. Creo que é mellor perder unha tempada que está sen comezar (2020-2021) que non acabar algo que está sen rematar«.

A PONTE INFRANQUEABLE

Diego Rey

Diego Rey chegou ao banquiño da Ponte xa comezada a temporada pasada. Os seus números asustaban. Os desta campaña aínda máis. O seu San Lázaro de selo de autor manda na táboa da Segunda Galicia Grupo 7 con 53 puntos, 9 máis que o Portomarín e 11 sobre o Ferreira. Conxunto menos goleado e segundo máximo realizador nesta Liga. Tan só dúas derrotas no peto. O técnico lugués analiza a situación dun xeito moi claro.

«Gustaríanos acabar a temporada. Está difícil. Toca respectar a decisión da Federación e os medios sanitarios. No que máis nos influiría o feito de non ascender é no dos xogadores. Temos xogadores bastante veteráns e sería complicado que xogasen en Primeira de non ser o ano que vén».

«Daríanos pena polos xogadores sobre todo. Pero nós estaremos aquí se o club quere. O que si nos gustaría e que todo rematase do xeito que está. Pero nós non podemos nin imos entrar nese xogo. Non é unha decisión nosa e a saúde é o primeiro».

Tres situacións que reflicten unha realidade extensible a veteráns, fútbol feminino ou as derradeiras etapas de base. Se a pelota é paixón, como xa dixemos moitas veces; o compoñente emocional adquire unha dimensión comparable, cando menos, ao famoso carto e billete. Estragar nove meses de traballo e deixar sen premio a conxuntos que como moitísimo perderon dous ou tres partidos ao longo de todo este tempo; semella doloroso e ata un tanto cruel. Máis aínda aos que xa conqueriron o seu propósito no campo, como o Lucense na nosa provincia. Un ataque en toda regra á famosa cultura do esforzo e a meritocracia coa que tantas veces se nos enche a boca falando.

Amor a dous toques: A base, por Káiser e Iván Alonso

Chega a segunda entrega do exitoso Amor a dous toques, a nova aposta multimedia de Futbolinlugo nestes tempos de confinamento. Nesta ocasión, contamos con dous convidados de excepción. Dous coordinadores de canteiras de nivel no panorama galego. En representación da provincia de Lugo, estará o técnico da Residencia Káiser. En clave ourensá, Iván Alonso. O adestrador da UD Ourense conta cun pasado recente na base do CD Lugo.

Toca, polo tanto, falar de fútbol modesto. Do traballo cos máis cativos, das tendencias e malos vicios. Unha viaxe audiovisual de pouco máis de vinte minutos que non vos deixará indiferentes. Pasen, vexan e disfruten!

Palabra de… Lourido: «Leccións no confinamento do banquiño»

Para comezar, como sempre, é de agradecer o traballo de esta xente de Futbolinlugo. E dar voz ao fútbol afeccionado, ese que agora esta como o país, parado e nunha sensación de ‘que pasará?’  De cando voltará á normalidade, que por outro lado, non será a mesma. Pero o balón rodará, e como dan os días para moito, pois traigo aquí unha reflexión persoal, sobre un tema que pouco se toca pero que está presente cada domingo. E que con todo esto do confinamento, pois ten certo un paralelismo. Non é outra cousa que o BANQUIÑO, e non digo o material, eses que se ven na televisión, nos campos de Primeira División. Que logo son mellores que o sofá das nosas casas que estos días tanto usamos.

Pois non, falo desa situación que se xera cada domingo, cando o adestrador dá o once e ves que non xogas. Esas sensacións que moitos pasamos, e que unhas veces son entendibles, pero que como todo xogador ten ese punto de egoísmo onde quere xogalo todo; pois nesas estamos agora. Todos queremos saír da casa, aínda que non nos demos conta que o mellor é agardar.

E será o mellor para o resto da sociedade, pois no fútbol pasa parecido, se toca suplencia debéramos aceptar que podemos axudar igualmente saíndo a xogar 45 minutos, 30 minutos ou incluso o ultimo minuto. Iso si, saír o campo como si levaras o dez e o brazal. Costa, pero debemos facelo, un por respecto ao equipo e adestradores. E outro, a un mesmo. En definitiva, facer o que nos mandan, aínda que ás veces creamos que non sea xusto ou correcto.

Xa sei que todos creemos que a situación de ser suplente é inxusta. Culpa do adestrador, que non ten idea, ou que nos ten manía, ou mil escusas. Eu creo que está na man de cada un cambiar esa idea. Como? Adestrar mellor, cando xogues dar todo e un pouco máis. E non reproches. É difícil, claro que si, pero, todos acabarán ganando, tanto o equipo coma ti.

Agora claro, aquí veñen os problemas nestas categorías. Como xestionar todo isto. De todos é sabido que, por diferentes motivos, hai xogadores que non adestran por motivos laborais, estudos… Todos entendibles. Como facer? Xa que nun equipo de vinte xogadores xogan once, cinco o banquiño e catro na casa. Consecuencia: a metade do equipo ‘descontento’. E nesto radica moito do éxito destes equipos amateur. Ter a tódolos xogadores, na medida do posible, sentíndose parte importante do equipo.

Pero como xestionar todo iso non e fácil. Inflúen moitos factores: adestrador, xogador… Dende a miña opinión debera, como todo, empezar no deporte base. Ao igual que se adestran conceptos futbolísticos, tácticos e técnicos, nos que sobresaturamos de información ao neno, por que non empezamos a facerlle ver o neno/a que ao mellor non vai xogar tódolos minutos e que non sempre vai ser titular?

Por que non empezamos por aí? Despois eses mesmos nen@s chegan a categoría amateur ou incluso xuvenil, ou cada vez mais cedo; e din: «non quero xogar máis». Se lles preguntásemos a razón, moitos dirían: «É que agora non xogo titular» ou «Non teño os minutos suficientes». Aí é cando ves realmente que temos un problema de base. Que xa empeza na casa, cando creemos que o noso fillo debe xogar antes que outro compañeiro/a. Pero eso xa serí,a outro tema a tratar.

Intentemos buscar entre todos solucións, e refírome a aqueles que adestrades base. Creo que é tan importante ensinarlle a golpear un balón ao xogador ou unha boa colocación no campo, como facerlle ver a ese futuro futbolista, que posiblemente, non vai xogar todo o que pensa. E que esto se trata dun deporte de equipo, onde non só contan once. Onde o que está sentado cada día ao seu lado, esté de titular ou non, forma parte do equipo e será parte do éxito, tanto como aquel xoga un minuto.

Estou seguro que as vindeiras xeracións de futbolistas serán moito mellores cas que estamos agora, que non vemos máis que o noso beneficio persoal.

Así que os que esteades a tempo, non deixedes o fútbol, o deporte en xeral, por uns minutos de suplencia. Que se en realidade desfrutades del, cada adestramento é un novo partido. Buscade mellorar nel, aportar todo o que teñades, que estou seguro que oportunidades teredes.

Sen máis despedirme de vós, e desexarlle a todos que estamos de ‘suplencia’ forzada un feliz confinamento dentro do posible. Pero sobre todo pronta recuperación a aqueles que se atopen infectados.

E sairemos, sexa no minuto 89, ou mesmo no último minuto da prórroga. Para axudar a gañar este partido, mentres eu quedo na casa.

Xosé Xesús Lourido Fernández. Pensionista en Riotorto. Presidente de honra do noso fútbol

Exercicios de transicións por Jon Vázquez

Traemos a segunda Pílula Futbolinlugo. Esta vez o noso protagonista é Jon Vázquez. Adestrador con amplo currículo e que dirixou entre outros a Friol, Chantada Atlético ou Sagrado Corazón. Jon explicará neste pequeno clip de vídeo tres tarefas para insistir nun dos aspectos chave no balompé: as transicións.

Por certo se considerades que podedes aportar algo, por mínimo que sexa, a esta sección; estamos abertos a recibir os vosos vídeos. Só tedes que enviárnolos a futbolinlugo@gmail.com e nós xa facemos o resto.

Amor a dous toques: Fran Justo e Simón Lamas

Un día máis de confinamento. E un día máis de estrea. Esta vez de maneira simultánea cos amigos de www.futbolinourense.es

Da man de Manu Amor, poñemos en marcha un novo programa multimedia. No cal daremos conta cada semana de diferentes aspectos e entornos do noso fútbol. Sempre con protagonistas tanto da provincia de Lugo como de Ourense.

Nesta primeira entrega, falamos de fútbol con dous adestradores da nova fornada. Dos máis novos do fútbol semiprofesional: Simón Lamas, técnico do Rácing Villalbés; e Fran Justo, preparador do Ourense CF. Durante preto de 40 minutos analizarán a Terceira Galega, explicarán parte do seu traballo, comentarán vivencias varias. E por suposto, contaremos cun tempo de opinión. Agardemos que vos guste!

O formato FutbolIn chega a Ourense

FutbolIn move os marcos. Dende hai unhas semanas, contamos con novo socio na expansión e visualización do fútbol afeccionado.  Os amigos de www.futbolinourense.es xa están a pleno rendemento. Un equipo independente ao noso pero cun proxecto común. Camiñaremos da man pero sempre atendendo cada un a ao máximo á cobertura futbolística da súa provincia. Iso non quita que tendamos pontes e xuntemos sinerxias, como imos facer xa neste confinamento. Coa estrea simultánea da sección Amor a dous toques. Na que xuntaremos xente do balompé ourensán e lucense para debater co gran Manu Amor sobre diversos aspectos deste deporte e das distintas categorías.

Este espazo concreto non é o único elemento común de ámbolos dous proxectos. A base web parte dos mesmos argumentos. Dende a apariencia visual ata a existencia das seccións clásicas como o Palabra de…, as crónicas da Preferente, a axenda da fin de semana… E máis que se incorporarán progresivamente. Ademais, o multimedia e o tratamento dos distintos xéneros xornalísticos (entrevistas, reportaxes…) emerxe como unha constante para definir a liña principal de traballo deste novo medio na provincia ourensá. Non deixedes de velo! Longa vida a Futbolinourense!

Palabra de… Pepe Martín: «Como cambiou o conto»

Escribía hai uns días Canario (capitán do C.D. Foz): “Amamos o fútbol. Cal será o segredo de estar tan enganchado a este deporte? Se non o vives non o entendes”. Supoño que nos pasará a máis de un, pero eu levo uns anos tentando entender o fútbol dende un prisma un tanto complicado: como futbolista, como adestrador, como pai de futbolistas e como afeccionado.

Lonxe quedan aqueles emocionantes comenzos (mediados  dos 80) nos que tiven a gran oportunidade de aprender a ser futbolista por primeira vez na etapa infantil no Xove Lago da man de D. Silvestre Rúa, verdadeiro mecenas do fútbol lucense en A Mariña. Mais próximas, pero igualmente emocionantes, atópanse as posibilidades de seguir a desfrutar de doces xornadas de convivenza entre veteráns e amigos futboleiros cos que lembramos moitas das batallas deportivas nas que nalgunha tempada formamos parte dun mesmo clube.

Así pois, entre esas dúas épocas cabe incorporar a expresión: “como cambiou o conto”.  Tratarei deseguido de explicarvos o aprendido, de aportar unha mirada, se cabe non novedosa, pero si vivencial e persoal dos meus intentos de sumar a este noso fútbol.

Constatando a realidade de que vivimos na sociedade da présa, dos moitos frentes abertos, da de querer chegar xa, da de abarcar moito e apretar pouco… Todo iso tamén chega por extensión (si, tamén por contaxio) ao mundo fútbol. E, en que se traduce?, pois en expresións-desculpas do tipo: “pensei que xa cho dixera”, “con iso terías que contar”, “é que non xogamos a nada”, “é que non me gusta como adestramos”, “e que teño que …”, “e que non podo…”

O noso fútbol, sexa na base, na formación, na etapa sénior e incluso na veterán, necesita urxentemente contar con ferramentas que senten as bases ou os pilares que guien o camiño da necesaria colaboración de todas as partes actuantes en cada proxecto. Desafortunadamente moitos proxectos comenzan sen esas ferramentas e a desilusión, o desánimo, o desapego aparece moito antes do agardado. Independentemente de que a pelotiña entre ou non e os resultados deportivos escondan ou dinamiten ese ‘proxecto desexado’.

Enumerarei logo algunha desas ‘ferramentas base’ achegadas polas experiencias da área do coaching:

A primeira e necesaria: ‘Establecer un acordo-alianza’, no que se establezan, negocien e fixen os canles para crear un entorno de traballo óptimo no que cada integrante se sinta seguro e con confianza en sumar para avanzar. Por suposto require do compromiso individual para sumar, para explorar, para enfrontar erros, aceptalos e aprender deles con claras ansias de mellora. Ese acordo debe ser escrito, claro, breve e entendido claramente por todos os actuantes.

-‘Fixar un obxectivo e conseguir o compromiso’. É esa unha ferramenta básica, na que sempre collerán novas aportacións, novas ideas, novas motivacións e novos plans pero que sempre deberán cristalizar en compromisos concretos e realizables tanto de acción como de reflexión.

-‘Guiar a visualización’: a donde podemos chegar guiados por ese acordo-alianza e empurrados polo suma dos compromisos dos actuantes deste noso proxecto. Todos sumamos, todos temos moito que agradecernos.

-‘Proporcionar feedback efectivo’: Hai que achegarlle ao equipo a avaliación continua das accións realizadas e o nivel de execución de compromisos, para que cada quen poida deducir aprendizaxes. Ese feedback proporcionado pode ser de recoñecemento (xa o escribía a psicóloga Patricia Ramírez : “más zanahorias y menos palos”), aínda que tamén poder ser de petición de cambio ou de ánimo, pero en calquera caso este feedback será indispensable para manter a motivación e o enfoque cara aos obxectivos fixados.

-‘Renovación desa alianza’: tempada nova = alianza nova. Dar por feito que todo o realizado queda instaurado de por vida constitué un gran erro, polo tanto tocará unha vez mais requerir novamente ese compromiso para establecer este novo acordo-alianza.

Xove Lago infantil 1983-1985

Dende aqueles ‘emocionantes comenzos’ (dos anos 80) dos que falei nas primeiras liñas, ata a actualidade do noso fútbol, todo cambiou, e cambiou moito: verdade directiv@s?, verdade técnic@s?, verdade futbolist@s?, verdade soci@s?, verdade “xentiña futboleira”?

Pois ben, a experiencia dime unha cousa: “un pouco de cada un é un moito de todos”. Contade co “meu pouco”, dende logo que tentarei seguir sumando.

Moita forza e moito ánimo. Sairemos desta: “EU TAMÉN QUEDO NA CASA”. Grazas polo voso tempo. Grazas a Futbolinlugo.

 

Xosé Martínez Legaspi ‘Pepe Martín’. Técnico de sona, home reflexivo

Balón parado ofensivo por Andrés Rodríguez

Estreamos sección para seguirvos facendo máis ameno o confinamento. Un espazo denominado: ‘Pílulas Futbolinlugo’. No que diversos adestradores, técnicos, xogadores… da provincia nos ilustrarán coa súa sabeduría. A través dun curto clip de vídeo, buscaremos a faceta máis formativa e divulgativa da pelota. Continuando así coa nosa aposta polo multimedia e o audiovisual.

O primeiro en inaugurala é o seleccionador lucense sub11 Andrés Rodríguez, cunha aposta polo balón parado ofensivo. En vindeiras datas teremos novas tarefas, dinámicas e reflexións sobre o traballo dos diversos aspectos do balompé. Agardamos que vos guste! Por certo se considerades que podedes aportar algo, por mínimo que sexa, a esta sección; estamos abertos a recibir os vosos vídeos. Só tedes que enviárnolos a futbolinlugo@gmail.com e nós xa facemos o resto. Aprendamos todos, aumentemos o noso coñecemento. Sigamos creando comunidade. Sigamos crecendo xuntos! Grazas.

Que facemos coa temporada?

Que pasará co noso fútbol? Esa é unha das preguntas que se fai a nosa cidadanía coa boca pequena. Xa que está claro, que a gran interrogante nestes días é outra. Por desgraza, non temos resposta para ningunha das dúas. Porén no relativo á pelota, contamos con múltiples visións e posibles escenarios. Que pretendemos analizar aquí polo miúdo.

Todo afeccionado mira de reollo cara o balompé profesional e a Real Federación Española de Fútbol. De aí poden saír as primeiras respostas. Ante a ausencia das mesmas, máis aló dunha suspensión indefenida das competicións e a intención pública de rematar os diferentes campionatos, só nos queda devorar as circulares puntuais da Real Federación Galega de fútbol.

Aínda así, dende Futbolinlugo quixemos continuar co noso labor informativo dende o entretemento. E marchamos de ruta virtual pola provincia, pola diversas categorías e escenarios. De norte a sur, da zona noble á máis baixa. Buscando cal sería a fórmula máis xusta. Ou máis ben, a menos inxusta para os verdadeiros protagonistas do noso fútbol.

REMATAR, NA DATA QUE SEXA

José Manuel, técnico do Iberia

Creo que todos os que amamos isto, queremos acabar coa temporada nalgún momento. Iso sí, o prezo a pagar e as datas non son un motivo de consenso na nosa comunidade. Unha opción é rematar sen importar o día nin o mes do punto final.

O ilustre Rafa Casanova, tan adestrador como directivo e xogador considera que a decisión que se tome vai ser sempre «complicada e perxudicará a algún». Por iso, ve «ben que se acabe aínda que sexa moi tarde porque sería o máis xusto. Aínda que se acabe no verán».

DAR VALOR AO CONQUERIDO ATA O DE AGORA

Despois duns sete meses de competición, co traballo realizado neles, debería terse en conta o mesmo. Os xogadores suaron a camiseta e os técnicos e directivos esforzáronse na procura dun obxectivo. De non ser así, sería deixarse a pel cada semana para nada.

O adestrador do Alfoz Suso Martínez pensa nesta liña. Desexa que «a competición se poda reanudar o máis cedo posible e se poidan xogar tódalas xornadas». Aínda así, «no hipotético caso de que non se puidese rematar, coido que despois de superados os dous terzos da competición, por regularidade» pensa que se fixeron «acreedores a ser un dos equipos que para o ano que vén compitan en primeira». En definitiva, respectar o seu posible ascenso.

Deses dous terzos tamén fala un lucense no exilio santiagués: Fiz Rodríguez, preparador do Zona Vella (filial do Compostela). «Falo do deportivo aínda que hai outras variables, como as económicas, a valorar. O máis xusto quizais sexa intentar finalizar a competición e despois adaptar aos tempos a tempada 20-21. De non ser así, posiblemente dar por finalizada a tempada como está agora, xa que van disputados máis de dous terzos da mesma. Aínda que anular a tempada 19/20 podería ser outra posibilidade, habería que analizar outros factores».

TEMPORADA NULA

Simón Lamas, adestrador do Rácing Villalbés

A campaña 19-20 non existiría. Sería todo un soño, como o final dos Serrano. E a vindeira temporada iniciaríase con todo e todos no mesmo lugar que este verán.

Así o explica o preparador do Rácing Villalbés Simón Lamas. «É unha situación que nunca se deu e o menos inxusto sería voltar a empezar cos equipos da 19-20 na 20-21 sen ascensos nin descensos».

Unha mesma postura que comparte José Ramón López ‘Cuchi’, o técnico do Meira. «En caso de non poder rematar a competición, o máis lóxico e que non houbera nin ascensos nin descensos. Volver empezar o campionato os mesmos equipos que empezaron esta temporada».

José Manuel, adestrador do Iberia, opina nunha liña similar. «Coincido coa tese de Fernando Vazquez… No caso de que non remate o máis xusto e probable e que dean a temporada por nula… Sen ascensos nin descensos xa que matematicamente ningun equipo estaría ascendido nin descendido. Calquera outra solución sería adulterar a competición».

PLAY OFF, A OPCIÓN MÁIS GALEGA

Din que os galegos imos e vimos. Que sempre tiramos pola rúa do medio. Así que malo será que algo non nos deixen xogar. E sendo así, unhas eliminatorias para dilucidar ascensos e descensos, non soan mal de todo.

Esta é unha postura que defende Joaquín, o adestrador do Lugo feminino. Así o explica:

«Semella imposible completar as competicións, por falta de tempo, aínda que sería o ideal. Pero tampouco declaralas desertas. Non é xusto nin se pode despreciar o traballo feito. Tampouco é xusto rematar as competicións como están agora: houbo fichaxes e cambios nos equipos, esforzos por cambiar cousas que non tiveron tempo a frutificar… Dependendo do tempo que poidésemos ter ao final, quizais se puidesen planear pequenas competicións tipo play offs para dilucidar ascensos, descensos, campeóns… Habría un aliciente para a afección despois deste encerro».

SOLUCIÓN SALOMÓNICA

As mentes creativas argallan posibles fórmulas para evitar o pico maior de inxustiza. Polo tanto, utilizar a matemática a vindeira campaña con base nunha ecuación 19-20; emerxe como un interesante punto de partida.

Filosofemos un rato co segundo adestrador do Iberia Carlos Devesa ‘Pelolo’. Canto menos, ler as súas liñas invita a unha profunda reflexión.

«Penso que isto vai para longo. E sen saber se os partidos serían a porta pechada ou con público… O estado de forma dos xogadores e xogadoras vai ser unha incógnita. Volveríamos suspender todo se na xornada inicial un xogador dera positivo polo virus? Así que se rematase así a temporada, a efectos de ascensos e descensos daría nula. Sen campeóns nin pechacancelas. O que faría para a tempada seguinte sería unha temporada completa pero sumándolle aos equipos ou ben os puntos desta campaña ou un coeficiente de puntos dependendo da posición na que tivesen rematado».

CONCLUSIÓN FINAL: 0 RISCOS

Joaquín, técnico do Lugo feminino

O que semella claro, e así o defenden a grandísima maioría dos nosos entrevistados, é que a saúde é o primeiro. E o seguinte, confiar en tentar voltar á competición na medida do posible. Iso si, sempre con garantías xa que os riscos son enormes. Así o especifica á perfección o xogador do Ferreira Adrián Enríquez.

«Non sei cando se reanudará a Liga. Cando remate o confinamento? Segundo os expertos contaxiarase un 60-70% da poboación. As medidas que se están levar a cabo pretenden reducir o pico de contaxios, a costa de prolongalos no tempo para non colapsar o sistema sanitario. Ben, cando se reanude se hai un positivo nun equipo… Imaxino que corentena de quince días. E quizais tamén para o conxunto que xogou contra el a semana anterior».

«Polo que un positivo provocaría como mínimo o aprazamento de mínimo catro partidos (dous do equipo local e dous do visitante. Tamén é posible que ao pasar os quince días apareza outro positivo no mesmo equipo. Se extrapolamos iso a todos os conxuntos da categoría, non o vexo viable. Ata que pase un tempo suficiente como para que se contaxie ese 60-70% da poboación, e os contaxios sexan residuais ou se atope unha solución, vexo complicado retomar a competición».

Sanitarios de ouro. Capítulo 1

Segue sen moverse a pelota. E así continuará por un tempo. Pero o fútbol non deixa de ter espazo na nosa web. Iso si, consideramos que na actualidade debe compartir protagonismo cos verdadeiros heroes do día a día. Por esta mesma razón, durante esta crise sanitaria ofreceremos un serial de xente do noso fútbol que se mantén na competición. Nesa primeira liña de batalla contra o temido Coronavirus COVID-19. Con todos vós, Sanitarios de Ouro. O premio do balompé lucense aos loitadores do ano.

Para abrir esta sección, eliximos dous enfermeiros. Un home e unha muller. Roberto Lens, defensa do Santa Comba, traballa no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA). Eva Piñeiro, centrocampista do Chantada, desempeña a súa función na área sanitaria de Ourense. Ambos téñeno moi claro: semella moi difícil voltar á competición esta tempada.

Roberto Lens, terceiro pola dereita na fila superior, posa co seu equipo

FAMILIAR E DEPORTIVO. Roberto Lens

«Lévase o mellor que se pode. Fago cousas que antes, quizais por falta de tempo, non podía facer ou facía menos. Sobre todo, estou aproveitando para estar en familia. Intento cuidarme e seguir facendo deporte. Agora toca iso na casa… Debido ao meu traballo, teño a oportunidade de aportar o meu gran de area ante esta situación que nos toca vivir. Situación que imos superar se todos nos involucramos e cumplimos cos consellos/normas de prevención que nos dan os profesionais. #quédatenacasa».

«A día de hoxe non creo que se poida voltar á competición. Ogallá me equivoque… Agardo que esta situación se resolva pronto e volver facer vida normal». 

EVITAR O BUCLE. Eva Piñeiro

«Actualmente estou facendo o EIR (enfermeira interna residente) de saúde mental. No meu día a día procuro seguir unha rutina fora do horario laboral. Fago deporte, toco a pandeireta, estudo, vexo películas ca miña familia e xogamos a diferentes actividades como o trivial ou o tabú. Intentamos estar ocupadas o máximo número de horas e limitámonos a escoitar as noticias unha vez o día para non caer en bucle…».

«Volver á competición non o vexo viable nun tempo. É mellor retomalo en vistas á temporada vindeira. Con isto evitamos contaxios e reinfeccións. O obxectivo fundamental e rematar esta situación co menor número de vítimas posibles e poder voltar á normalidade».

Palabra de… Roberto Rielo: «A tolemia no fútbol base e afeccionado»

Rielo, nun partido na Medela. CANTI

Levo unha temporadiña tratando de poñer terra de por medio e apartado temporalmente do mundo do fútbol (igual por unha cura persoal). O que me está permitindo cuestionar desde fóra moitos dos valores e comportamentos que transmitimos e temos asimilados como propios deste deporte.  

Custa entender como o fútbol profesional serve de espello onde se miren clubs modestos e clubs de formación, cando en nada se deberían parecer. Custa entender como moitas persoas pretenden artellar a súa vida a través da profesionalización no fútbol, perdendo de vista o desfrute que supón a súa práctica. Custa entender como moitas das persoas vinculadas a el asimilamos todo isto e non nos cuestionamos o que estamos a facer, algo que sinto que non ocorre desta forma noutras modalidades deportivas. Seguramente os euros que move e o prestixio social que, neste momento, lle damos ás persoas que practican profesionalmente este deporte estean detrás de todo isto.

Só quero deixar neste artigo unha series de breves reflexións sobre o mundo do fútbol. Aí van:

Partindo da cúspide aparecen os equipos profesionais, que hoxe funcionan como empresas, e nos que pouco ou nada conta a decisión ou interese das persoas socias, como acontecía hai uns poucos anos. Senón as do accionariado, empresariado que mira unicamente o interese económico e non o social, que mira a súa posición particular de poder e o seu ‘prestixio’ sendo presidente dun club.

Roberto, na súa etapa no Pol. ENDIE DOARÚA

Por que, entón, facerse seguidor de ningún equipo? Que nos motiva se poucos hai que coiden os seus, como fai, por poñer un exemplo visible, e desde a miña perspectiva distante, o Athletic Club de Bilbao, con xogadores de proximidade en todas as categorías e un achegamento diferente a moitos outros no ámbito social? Por que deixar os nosos euros e o noso tempo en seguir a un equipo que non está moi lonxe de como funcionan as franquías na NBA? Unicamente polo espectáculo?

Vemos equipos afeccionados que pagan a futbolistas ‘foráneos’ en categorías provinciais que nin de lonxe chegarán a semiprofesionais, nin os futbolistas nin os clubs (simplemente por unha cuestión de lóxica poboacional e social). E que o fan polo feito, penso eu, de conseguir unha posición de poder na ‘clasificación do sen sentido’, co agravante de que moitos destes clubs contan co apoio de administracións que pagamos entre todas nós. E as persoas do contorno que queren xogar ao fútbol de maneira afeccionada? As que o queren facer quitando un anaco do tempo destinado a outras opcións de ocio para reunirse e relacionarse cos compañeiros/as e/ou veciños/as?

Pol 98-99. ELPROGRESO

Equipos de fútbol base, corpos técnicos, familias, que xa orientamos á formación dos nenos e nenas cara unha ‘posible saída laboral’. Posición condicionada polos euros e o prestixio social, xa desde os 4 anos, e non na procura do desfrute do xogo, no pracer de facer deporte, no compartir actividade e relacionarse con outras persoas, compañeiras, adestradoras, directivas, afeccionadas… Que han facer estes e estas futbolistas cando esa saída se escape? Frustrarse? Non practicar máis este deporte? 

E para todas nós…. as que nos queixamos do pouco compromiso da xuventude co fútbol. As que dicimos mil veces a frase “a estes non lles gusta o fútbol como nos gustaba a nós”, as que culpamos ás Plays, ao Netflix, …  As que non asumimos que a forma do seu ocio e as súas relacións mudaron infinitamente desde que nós xogabamos… Podemos facer algo para que desfruten? Para que volvan relacións máis sans e de proximidade no mundo do fútbol? Podemos, en definitiva, facer algo para construír unha sociedade mellor e que o deporte sexa unha peza importante nesta? 

A min gustaríame soñar que algo neste mundo pode cambiar e non ter que escapar deste sen sentido.

Roberto Rielo Iglesias. Adestrador. Patrimonio do noso fútbol

Como afecta o Coronavirus ao noso fútbol?

Como é a vida sen fútbol? Cal é o impacto do Coronavirus no noso balompé? Son dúas preguntas que calquera tolo do balón se pode facer nestes momentos de incertidume. Dende Futbolinlugo propuxémonos darlles resposta. Non é unha tarefa sinxela. E polo tanto, consideramos que precisa un enfoque pluriangular.

Unha visión dende os distintos axentes principais que compoñen todo este fermoso circo. Así que, despois de poñernos mans á obra, aquí temos o testimonio e as achegas dun directivo, un adestrador, un xogador e un fiel seguidor.

SOFÁ PRESIDENCIAL

Antonio Feijoo é un home máis que coñecido no panorama provincial. Actualmente ostenta o cargo de presidente do Incio, un dos conxuntos revelación da Segunda Galicia Sur. Amosa unha visión moi clara:

«Ao club aféctalle ao 100%. Ao ser un club pequeno, o impacto principalmente afecta a un tema meramente de actividade deportiva. A nivel económico supoño que as axudas igual se retrasan. Pero o importante agora e a saúde de todos e non queda outra que aportar o pouco que podemos».

UN BANCO QUE SORRÍ

José Antonio López Lolo vén de conquerir o único ascenso ata esta data no noso fútbol. O técnico do Lucense non puido nin gozar dun só corredor de xogadores despois de firmar o salto de categoría na última xornada. Agora valora a situación a distintos niveis, eso sí vendo os toros dende a barreira.

«O feito de non adestrar provócame unha sensación de baleiro a nivel persoal. Agradezo o descanso e aproveito o tempo para adicarllo a certos aspectos deixados por falta de tempo: descanso, estudar fútbol, reciclarme… A nivel adestrador, a situación é diferente xa que planificas a temporada en función dalgunhas variables. E no fútbol afeccionado, cos condicionantes que ten a maiores…».

«A nivel de club a situación é pouco agradecida. O que debía ser unha semana de alegría converteuse nunha etapa de dúbidas. Non saber cando se reanuda a competición, a falta de relación grupal a nivel equipo… Non podemos celebrar o ascenso conquerido de maneira brillante. É o que menos agardabamos. Temos a satisfacción do traballo ben feito, tanto a nivel grupal como individual. Iso ninguén nolo podrá sacar».

O BRAZAL DUN POBO

Óscar Reigosa é unha institución en Foz. Polas súas mans pasaron a metade da xuventude do pobo. ‘Canario’ leva anos portando orgulloso o brazal do cadro do Martínez Otero. Sendo o seu mellor embaixador posible.

«Despois de 23 anos xogando, non concibo o meu día a día sen perseguir ou ter nos pés un balón. É raro non facer a mochila, elixir as botas axeitadas para o campo… Fáiseme moi raro non disfrutar dos meus compañeiros cada día, porque me fan feliz. Estou ben e protexido con eles. Paga a pena o esforzo, é unha vía de escape. Amamos o fútbol. Cal será o segredo de estar tan enganchado a un deporte? Si non o vives, non o entendes…»

«O Coronavirus aféctame porque temos que aparcar costumes por un tempo. Un cambio de chip polo noso ben. No tocante ao Foz, quizais temos que darnos conta de que hai cousas máis importantes que gañar. Cada domino expoñémonos a riscos físicos e psicolóxicos, que non se valoran o suficiente. Merece a pena loitar por un escudo, o teu pobo e a túa xente pero hai cousas máis valiosas e importantes. Coa saúde non se xoga».

O AMOR MÁIS PURO Á PELOTA

Quen non coñece a Víctor Valiño ‘Valigol’? Leva máis kilómetros de fútbol nas pernas que a maioría de nós na súa vida diaria. Un home que trona, chova ou neve, percorre a provincia vestido de vermello. A definición de fiel seguidor feita persoa. Sempre animando ao seu ben querido Monterroso, no que tamén xoga no filial.

«Non sei que se fai un sábado sen fútbol. E un domingo sen ir ver ao equipo do teu pobo. Agardemos que pronto se recupere a calma e volvamos a facer vida normal. Para min agora é como cando a un neno lle quitan un xoguete e se sinte mal. Quitáronme o meu fútbol. Non dou estado case tres días sen el e agora… Fáiseme duro, xa que como din por aí: «nacín cun balón debaixo do brazo». Ademais miña nai métese comigo pola pouca roupa que traio para lavar. Pero xa lle dixen que pronto lle volvo dar traballo e ela rise».

«O fútbol é a miña vida. Quítache todos os problemas que tes. Bótanse de menos as charlas de Omar e Iago. Tamén as broncas que caen ás veces. Pero pronto voltaremos máis fortes que nunca».

O camiño cara o All Star na Primeira

Non se trata do Camiño de Santiago. É un moito mellor, o de Chantada. O da ruta cara o II All Star Futbolinlugo que, se o COVID-19 o permite, se celebrará o próximo 13 de xuño no Sangoñedo.

Que non haxa fútbol no campo, non nos impide ter contidos cada día. E hoxe mostrámosvos como está a pelexa por entrar no elenco de xogadores da Primeira no II All Star desta casa. Despois de 25 xornadas disputadas, e contando cada aparición nos Máxicos con un punto, así está o Top18 da categoría.

  1. AURELIO (Folgueiro): 17 puntos
  2. ANXO (Chantada Atlético): 16 puntos
  3. IVÁN GONZÁLEZ (Pol): 11 puntos
  4. RECALDE (Lourenzá): 11 puntos
  5. ÁLEX NOVÁS (Santaballés): 10 puntos
  6. JAIRO CAMPO (Burela): 10 puntos
  7. MOSKI (Taboada): 10 puntos
  8. LORENZO (Monterroso): 9 puntos
  9. BORJA (San Roque): 9 puntos
  10. MARZÁN (Atlético Escairón): 7 puntos
  11. DANI RENDA (Outeiro de Rei): 7 puntos
  12. FELIPE VARELA (Burela): 7 puntos
  13. JUANJO COELLO (Xove Lago): 7 puntos
  14. SANTI (Friol): 7 puntos
  15. ALAMI (Atlético Escairón): 6 puntos
  16. SAMU (Xove Lago): 6 puntos
  17. MÁIKEL (Xove Lago): 6 puntos
  18. DIEGO FERNÁNDEZ (Guntín): 6 puntos

Palabra de… Alberto del Río: «Non lle apuntamos a un cesto»

En primeiro lugar, quero agradecer a Futbolinlugo a oportunidade de dar a miña visión sobre o fútbol modesto. E darvos os parabéns por darlle visibilidade ao fútbol provincial da maneira que o estades a facer. 

Esta é a miña 13ª temporada como membro da S.D.Monterroso, na que pasei por todos os estamentos do club: xogador, adestrador e directivo. Tres formas de ver e vivir o fútbol dentro dun mesmo club.

A función do directivo no fútbol rexional é a menos valorada das tres dende o meu punto de vista. Persoas que perden tempo, saúde e cartos en moitos casos, por ver xogar o equipo do pobo. A directiva intenta darlle as facilidades todas a adestradores e xogadores, busca financiamento, prepara a roupa e instalacións para o fin de seman… E despois de todo isto, en ocasións, non poden nin ver o partido xa que teñen que atender a bar do campo.

En segundo lugar, estamos os adestradores, os máis criticados normalmente. Preparamos adestramentos, para os que veñen ó campo e para os que por estudos están fóra e piden traballo semanal. Preparamos os partidos e resolvemos calquera problema que lle xurda os xogadores para que podan vir adestrar e xogar, entre outras moitas funcións.

E por último, están os xogadores, os que non lle apuntamos a un cesto, que somos a gran maioría nestas categorías. Dentro deste grupo hai dous tipos de xogadores, os que poñen o fútbol por diante de moitas outras cousas e os xogadores de Instagram.

Dentro do primeiro grupo, están os xogadores que ao longo do ano non fallan a un adestramento, os que sempre están nas boas e nas menos boas. Que a súa idea é desfrutar cos amigos do seu deporte favorito durante os tres ou catro días da semana que nos xuntamos para xogar a pelota. E no segundo, os que lle fan un favor a directivos e adestradores indo xogar e adestrar. Por desgraza cada vez vemos máis dos segundos ca dos primeiros nestas categorías.

Para o que escribe, non hai cousa máis fermosa que ver cada 15 días o campo do pobo cheo de amigos, familiares e veciños que veñen apoiar o equipo da vila.

Alberto del Río Otero. Todoterreo vermello, de Monterroso e do Monterroso.

O partido en imaxes: Sporting Lucense-Lemos B (2-1)

Fotógrafa: Mariluz Fagín