Os datos de incidencia da covid melloran en Galicia, agás casos puntuais. Pero os seus efectos seguen estorbando á competición da Terceira. A eliminatoria de cuartos de final do play off de acceso á Segunda RFEF entre o Somozas e o Choco foi suspendida por mor dun caso de covid no cadro choqueiro. Xusto cando o cadro de Ferrolterra viña de pasar tamén un confinamento.
Polo que esta finde non haberá o duelo de lucenses entre Aldán Naval e Alberto Suárez. Aínda así, está planificado a eliminatoria entre o Alondras e o Choco. E onde seguirán sendo protagonistas os #LucensesNaTerceiraGalega será na loita pola permanencia:
Play off acceso á Segunda RFEF:
O Arousa de Ross e o Polvorín agardan rivais nas semfinais. A pasada finde puideron xogar os encontros aprazados e certificar as posicións da 2ª fase. O cadro de Vilagarcía finalizou terceiro. No caso de acceder a final pola praza de Segunda RFEF xogaríase na Lomba e tería vantaxe no caso de empate na prórroga.
Os pupilos adestrados por Rafa Sáez gañaron ao Somozas. Ross foi titular e volveu xogar todo o encontro. Remata a competición regular sendo un dos seguros nos onces do míster. Pola súa banda, Aldán Naval non gozou de minutos.
O Polvorín rematou na cuarta posición e venceu no último encontro ao Alondras pola mínima. Ángel Fraga, Martín e Marcos foron titulares no cadro preparado por Álex Ortiz. Non obstante, o capitán Marcos tivo que retirarse do terreo de xogo antes do cuarto de hora.
Grupo permanencia:
O Ourense CF e o Viveiro seguen a mesma traxectoria nas últimas xornadas. Ambos empataron o domingo pasado e teñen seis puntos de marxe con respecto ao descenso.
O cadro ourensán empatou no Poboado ante un As Pontes onde volveu ser da partida o gardamallas Brais Vázquez. O porteiro de Taboada xogou o seu oitavo partido na categoría. No cadro visitante, Julio Delgado foi titular e xogou todo o encontro.
O Viveiro volveu saír cun equipo cheo de lucenses no seu emapate ante a UD Ourense en Cantarrana. Dez xogadores da provincia saíron como titulares. Un deles foi o autor do gol, Asier. Ademais logo tamén entraron no segundo tempo Dani Montes e Álex Meitín.
O Arzúa conseguiu unha importante vitoria no Viso na súa carreira pola salvación. Venceu con claridade ao Atios e mantén a diferenza de catro puntos con respecto ao descenso. Pedro Delgado e Brais Prieto foron titulares e xogaron os noventa minutos.