A mellor nova para os conxuntos lucenses de Terceira estivo na Mariña. O Viveiro logrou tres puntos no seu fortín de Cantarrana diante do Barco para alonxarse de novo dos postos de descenso. O Racing Vilalbés non puido selar o pase ao play off polo ascenso logo de empatar na Madalena co Choco e o Polvorín non dependerá de si mesmo para rematar na terceira posición tras caer co xa ascendido Arenteiro.

A enorme pegada do Arenteiro frustra a ambición do Polvorín (1-2).

O Polvorín dominou o balón e non foi inferior a un Arenteiro que aproveitou para dar minutos a xogadores menos habituais no once inicial de Fran Justo. O filial albivermello viuse penalizado por erros puntuais que o rival non perdonou.

Os de Álex Ortiz foron quen de xerar perigo ante a portería rival. Christian tivo a primeira e máis tarde Morais e tamén Dani Vidal gozaron de ocasións para superar a Ángel. Preto do ecuador da primeira metade, un erro na saída de balón foi aproveitado por Presas para batir con clase a Julen. O Arenteiro amosou o seu potencial na Cheda, sobre todo na parcela atacante. Un centro desde o perfil esquerdo do ataque rematouno Sylla ao longueiro. O rexeite caeulle a Jhony que empuxou o balón ao fondo da portería. Ao minuto seguinte a xogada repetiuse, pero desta volta o colexiado anulou o tanto por fóra de xogo.

Na segunda metade o Polvorín conseguiu recurtar diferencias nun saque de esquina sacado ao segundo pao, onde Antón Escobar que viña de entrar no terreo de xogo, rematou lonxe do alcance de Ángel. No minuto 74 o colexiado interpretou agresión de Antón Escobar a Portela e enviou aos vestiarios ao dianteiro do Polvorín. A decisión desquiciou ao filial do C.D. Lugo, aínda que tentou a igualada ata o final.

O Racing Vilalbés apraza a clasificación para o play off logo de empatar co Choco (1-1).

Non puido certificar o Racing Vilalbés a súa presenza no play off polo ascenso á Segunda RFEF e terá puntuar diante do Estradense a vindeira semana para logralo. Antes do encontro o cadro de xogadores, corpo técnico e directiva rendíronlle unha homenaxe a Paco Ruíz, presidente da entidade nos últimos oitos anos e que deixará o cargo ao remate da temporada.

O Choco tivo a posesión do balón e foi quen de chegar con certo perigo á área rival. Davo a piques estivo de marcar na máis clara dos redondeláns, pero enviou o balón ao lateral da rede tras desfacerse de Javi Rumbo e Yago Vázquez cabeceou un córner preto do pao esquerdo. Make tivo as máis claras do Racing na primeira metade. Xusto antes do intermedio Martín Rafael acadou o tanto do Choco. O canteirán do Celta lanzou unha falta que sorprendeu a Javi Rumbo.

O segundo tempo comezou co Racing Vilalbés na procura do empate. Aos dez minutos Sandá centrou, Muiña prolongou e Pedrosa cun tiro cruzado superou a Kevin. O cadro chairego tivo ocasións para facer o segundo nos seguintes minutos nas botas de Santi Gegunde e Make. O encontro sufriu un parón pola lesión do redondelán Yago Vázquez, que tivo que marchar en ambulancia do terreo de xogo e nos últimos intres de partido apenas se viron ocasións para desnivelar o marcador para un ou outro lado.

O Viveiro supera ao Barco en Cantarrana e volve distanciarse da zona de descenso (2-0).

Os últimos minutos de encontro fixeron xustiza ao visto nos case noventa anteriores en Cantarrana. O cadro mariñán foi mellor que o Barco, pero ata o minuto 87 non foi quen de poñerse por diante no marcador.

Na primeira metade ámbolos dous equipos gozaron de ocasións para marcar. As do Viveiro case sempre coa sinatura de Rolle, que se atopou coa boa intervención do gardameta visitante Iván Oviedo. A máis clara para o Barco chegou logo dun centro de Pablo Rubio que rematou Rodri moi preto do pao.

Na segunda metade o Viveiro foi moi superior ao rival. Chusky viuno desde o banquiño e modificou o esquena inicial, desta volta con defensa de cinco, cun equipo máis ofensivo coa entrada de Asier e Álex Meitín e máis tarde a de Arturo. A primeira gran ocasión tívoa Xaime. Omar cometeu penalti sobre Álex Meitín, pero o 8 do Viveiro errou desde os once metros. A falta de tres minutos para o final, o colexiado sinalou de novo penalti por derribo de Diego a Álex Meitín. Desta volta Arturo foi o encargado do lanzamento e abriu o marcador.

Case sen tempo para máis o Barco a piques estivo de empatar. Óscar Martín enviou o balón ao longueiro. Na seguinte xogada Asier sentenciou logo dunha contra levada por él mesmo e Arturo que rematou co tanto do focense.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*