Tres derrotas noutros tantos encontros. O Polvorín caeu nun encontro polémico no campo do Arousa e o Racing Vilabés perdeu o liderato logo de perder diante do Rápido de Bouzas. O Viveiro rachou a súa boa xeira no Couto onde caeu ante o Ourense CF.

O Polvorín despídese do ascenso directo nun polémico encontro diante do Arousa (2-1).

O filial albivermello non puido sacar nada positivo da súa visita ao campo da Lomba nun encontro con dúas metades ben diferenciadas. Os primeiros corenta e cinco minutos tiveron un único dono: O Polvorín. Nada máis comezar o encontro Antón Escobar prantouse só diante do ex fabrilista Álex Cobo e o seu disparo sacouno un defensor local cando o balón xa superara a liña de gol. O colexiado non outorgou o tanto, decisión que foi moi protestada polos xogadores lucenses. Na seguinte xogada Christian estrelou o balón no pao e o propio Antón Escobar volveu tentalo sen éxito. Os de Rafa Sáez non atopaban o seu xogo e o Polvorín era quen de chegar con perigo á área rival. Iago Novo, logo dunha boa acción persoal, trabucouse na definición noutra boa ocasión.

Na segunda metade, o Arousa reestructurou o seu equipo e mellorou as súas prestacións aínda que non eran quen de crear perigo. Pero unha falta ao borde da área foi executada á perfección por Mon. Julen non puido facer nada e o Arousa, case sen crelo púxose por diante. O Polvorín perdeu frescura física e non tivo a claridade de ideas da primeira metade. Outra acción polémica protagonizouna o lucense Ross, que derribou a Christian dentro da área, pero de novo o colexiado non apreciou acción punible. Xa no tempo de desconto Javi Otero sentenciou o encontro para o conxunto local. No 94 Christian recurtou diferencias.

Derrota do Racing Vilalbés que lle custa o liderato diante do Rápido de Bouzas (1-0).

O Racing Vilalbés cedeulle o liderato a un Estradense en racha logo da derrota no Baltasar Pujales. Malia ao resultado foi un bo encontro do conxunto chairego. O Rápido de Bouzas tivo o dominio do balón na primeira metade, pero os de Simón Lamas estiveron cómodos na recuperación e saínda en rápidas transicións. Ámbolos equipos tiveron ocasións para adiantarse no marcador. Canhoto e Álex Rey para os locales e Cuadrado e Pedrosa para os visitantes.

A segunda metade seguiu un guión parecido á primeira, incluso o Rápido de Bouzas tiña menos profundidade que antes do intermedio. Pero nunha xogada con boa circulación de balón Adrián Rodríguez batiu a Javi Rumbo e anotou o gol do triunfo. Nos últimos intres o Racing Vilalbés volcouse na procura do empate. Jose Varela estrelou un balón no pao na que foi a ocasión máis clara. Javi Varela e Aitor tamén tiveron nas súas botas o tanto do empate, pero non estiveron acertados.

O burelao Julio Delgado, clave na derrota do Viveiro diante do Ourense C.F. (3-0).

Primeira derrota do Viveiro na fase de permanencia. Foi no Couto diante dun Ourense que soubo aproveitar as súas ocasións, mentras que os mariñáns non estiveron acertados e ven como os postos de descenso xa están a só tres puntos.

O encontro comezou de xeito esperanzador para os mariñáns, que aproveitaron as dúbidas dos locales nos primeiros intres do partido para chegar con perigo á portería local. Javi Rey e Álex Meitín tiveron ocasións para adiantarse no marcador, pero o gardameta Juanvi estivo acertado. O dominio dos de Chusky prolongouse durante boa parte da primeira metade, pero Julio Delgado aproveitou un desaxuste defensivo viveirense para adiantar ao cadro ourensán. A posición do de Burela era dubidosa.

Na segunda metade, as chegadas á área rival foron contadas e o Viveiro apenas contou con ocasións de gol. Julio Delgado puxo terra de por medio con case vinte minutos gastados cun bo lanzamento e pouco máis tarde Ebuka rematou un balón solto desde o interior da área para sentenciar.  Nos últimos intres os de Rubén Domínguez contaron con ocasións para que o marcador fora máis abultado.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*