A segunda fase comezou con dúas vitorias para os equipos lucenses. O Polvorín, na pelexa polo ascenso, obtivo tres importantes puntos diante do Arousa, un dos grandes favoritos, nun encontro moi completo dos de Álex Ortiz. Menos vistoso foi o Viveiro, pero igual de efectivo. Os mariñáns lograron tres puntos de ouro diante do Atios na loita por evitar o descenso a Preferente. O Racing Vilalbés viu como o encontro que o enfrontaba ao Rápido de Bouzas foi adiado por un positivo en Covid-19 no conxunto vigués.

Un gol de Dani Vidal fai xustiza nun dos mellores encontros da temporada do Polvorín (1-0).

O Polvorín venceu ao Arousa na primeira xornada da fase de ascenso nun dos encontros máis completos do filial albivermello no que vai de temporada, e é o máis firme candidato a ocupar unha das dúas prazas que darían acceso á Segunda RFEF que agora mesmo ocupan Arenteiro e Bergantiños.

Os de Álex Ortiz foron quen de superar o entramado defensivo prantexado por Rafa Sáez e levaron o peso do encontro durante a práctica totalidade do mesmo. Nos primeiros corenta e cinco minutos, o conxunto lucense non deu opción ao rival, que non inquedou a portería defendida por Julen. As rápidas recuperacións en campo contrario deron lugar a boas ocasións para o Polvorín. Antón Escobar protagonizou dúas das máis claras que resolveu ben o ex fabrilista Álex Cobo.

A segunda metade comezou tal e como rematou a primeira, cos lucenses xerando perigo moi preto da área do Arousa. As incorporacións ao ataque dos laterais, sobre todo con Asier pola dereita, poñían en apretos a zaga visitante. O único tanto do encontro non chegou ata o minuto 71. A xogada foi un reflexo do encontro. Marcos recuperou un balón logo dun centro de Asier, o capitán conectou con Escobar e o pase da morte deste foi rematado por Dani Vidal cun tiro raso lonxe do alcance de Álex Cobo.

O encontro atrancouse nos últimos compases co Arousa na procura do empate, pero sin incomodar en exceso a liña defensiva do Polvorín. Julen tan só tivo que intervir para desbaratar algún centro lateral do cadro arousán.

Un solitario tanto de Arturo outórgalle tres puntos vitais ao Viveiro diante do Atios (0-0).

Non foi o mellor encontro do conxunto mariñán, pero sumou tres puntos moi importantes na pelexa pola permanencia. Coas baixas de Javi Rey e Facu por sanción, sumadas ás xa coñecidas de Jacob e Iván por lesión, Tichu voltou ao once de Chusky logo de completar a súa recupeeración.

O Viveiro recuperou a súa solidez defensiva e non permitiu demasiadas ocasións dun rival que só puido marcar preto do descanso por medio de Mintegui, pero errou diante de Manu Cedrón. Na segunda metade ámbolos dous conxuntos estiraron as súas liñas na procura do gol. O Atios puido anotar por medio de Javi e Adrián Mouriño, pero non estiveron acertados. Quen si atinou foi Arturo, que cun maxistral lanzamento de falta superou a barreira e ao gardameta porriñés.

O Atios tentouno ata o final, pero o marcador non se moveu. O Viveiro mantén tres puntos de marxe sobre os postos de descenso.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*