A permanencia do Viveiro pode quedar pechada este o domingo. A gran igualdade existente durante toda a temporada, e moi especialmente nesta segunda fase presaxiaba que o desenlace se viviría na derradeira xornada, pero a gran traxectoria dos mariñáns adiantou acontecementos. Este domingo ás 17:30 horas en Cantarrana un só punto diante do Ourense C.F. outorgaríalle ao Viveiro a permanencia matemática en Terceira. Arbitrará o colexiado compostelán Martínez Barral.

Nove puntos de vantaxe sobre a zona de permanencia con tres partidos por disputar. É a inmellorable situación do conxunto dirixido por Chusky, que certificará a súa continuidade en categoría nacional esta mesma xornada se é quen de acadar un só punto diante do Ourense CF, líder, co obxectivo xa cumprido e único conxunto que foi quen de derrotar ao Viveiro nesta fase. A traxectoria dos mariñáns en Cantarrana convida ao optimismo nun encontro no que o técnico local poderá contar con tódolos seus efectivos agás os lesionados de longa duración Jacob e Iván. Tamén quedaría garantida a permanencia cunha derrota se a UD Ourense e Ribadumia non son quen de gañar.

O Ourense CF foi unha das vítimas do sistema de competición desta temporada, na que non existía o marxe de erro. Fai un ano pelexaba coa SD Compostela por subir a Segunda División B, e logo dunha ampla remodelación do seu cadro de xogadores, así como do seu corpo técnico o cadro ourensán tardou en coller o ritmo de competición e rematou por disputar a permanencia na Terceira. Pero os pronósticos cumpríronse e a pasada xornada xa foi quen de garantir a súa continuidade na categoría ao gañarlle no Couto ao Estudiantil.

Falamos do encontro con Pablo Rey, dono da banda esquerda de Cantarrana.

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

PABLO REY (VIVEIRO C.F.)

 – O obxectivo á vista. “Afrontamos este encontro como calquer outro. Sairemos a gañar co obxectivo posto en acadar tres novos puntos, sen pensar que un é suficiente para alcanzar a permanencia”.

 – O rival. “Agardamos un partido moi complicado con ritmo de balón e moito desgaste físico, ao igual que na primeira volta. Foi o único equipo que nos conseguiu gañar nesta fase. Teremos que estar moi atentos aos seus xogadores de ataque, xa que Julio Delgado, Borja Domingo ou Andoni son futbolistas de gran nivel”.

– A temporada de Pablo Rey. “Persoalmente foi un ano moi bo. Atopeime cun grandísimo vestiario que me acolleu xenial desde o primeiro día. Deportivamente tamén o valoro moi positivamente. Estou moi contento xa que xoguei case todo e cun bo rendemento”.

 

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*