O formato expréss da Preferente fai que este fin de semana de comezo a segunda volta de competición. E faino cun encontro entre dous dos conxuntos que, a priori, non estaban chamados a pelexar polo ascenso: Santaballés e Residencia. Ámbolos conxuntos mediranse o domingo ás 17:30 horas no campo de A Liga coa arbitraxe do colexiado santiagués Enríquez Pereiro.

O conxunto local é cuarto clasificado con seis puntos e convertiuse na besta negra dos conxuntos mariñáns. Os dous triunfos acadados polos chairegos foron diante do Ribadeo e do Foz. Os de Dani Moirón, recén ascendidos de Primeira Autonómica, afrontan esta curta temporada como un aprendizaxe de cara a seguinte e sen presión algunha en canto a resultados, pero o certo é que un triunfo diante da Residencia outorgaríalle ao Santaballés a licencia para soñar cunha das tres primeiras prazas.

A Residencia é a gran sorpresa da temporada no grupo lucense de Preferente. O conxunto adestrado por Álvaro Meilán, é segundo clasificado con dez puntos e tan só perdeu un encontro. Foi o xogado na Ribela diante da Sarriana, líder da categoría. Acostumado a pelexar pola salvación o cadro lucense, ao igual que o seu rival desta xornada, parte sen presión algunha, o que nunha competición tan breve pode resultar determinante ante outros conxuntos que, nun principio, estarían chamados a cotas maiores.

O último enfrontamento entre Santaballés e Residencia no campo da Liga data do 21 de outubro de 2018 e rematou con triunfo local por tres tantos a un. Seo, Álex Novás e Palomo anotaron para a Residencia mentres que Dani Galán fixo o gol dos lucenses.

Falamos do encontro con Castrín (Santaballés) e Álvaro (Residencia), dous dos fichaxes estrela de ámbolos conxuntos para esta temporada.

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

CASTRÍN (SANTABALLÉS)

Foto: Erica Currás

 – A primeira volta. “Foi moi positiva. Afrontamos a temporada sen nada que perder e sen presión ningunha. Para un equipo recén ascendido como é o noso, e nesta situación, o obxectivo era competir o mellor posible contra todos e penso que así o fixemos. Acabamos con seis puntos  e dous dous partidos que perdemos foi pola mínima”.

A Residencia. “Será un partido moi disputado, xa que os dous queremos gañar, eles para seguir loitando polos postos de ascenso e nós para esta máis preto do terceiro posto.  Eles son un equipo que propón un xogo combinativo e nós un fútbol máis directo. No noso campo é probable que non se sintan cómdos pola falta de espazos. Se facemos un partido defensivamente bo e concedendo pouco creo que os trs puntos poden quedar na casa, xa que a nivel ofensivo estamos mellorando e cada vez xeramos máis ocasións de gol”.

Un xogador de ataque. “Aínda teño a etiqueta de central ou lateral e a moita xente fáiselle estrano verme xogar arriba. Agardemos que nos próximos anos me poda consolidar como un xogador de ataque. Atópome moi cómodo nas tres posicións de arriba, sobre todo na banda dereita e en punta. Estou moi contento no equipo, tanto o vestiario como o corpo técnico é realmente bo. Noto bastante diferencia respeto ao ano pasado no Sporting Pontenova en tódolos ámbitos do xogo. O salto de categoría é grande e o nivel dos xogadores moito mellor. En liñas xerais creo que estou facendo unha boa temporada”.

ÁLVARO (RESIDENCIA)

 – Situación de privilexio. “Sinceramente cando fichei pensei que iamos estar pelexando polo terceiro posto, xa que a Sarriana era un equipo feito para ascender e dous bos clubs como son o Lemos e o Ribadeo tamén pretenderían o ascenso de categoría. Pero isto é o que teñen as ligas curtas que calquera cousa pode pasar. Aquí hai un grupo tremendo e temos algo bo que o resto non ten: non existe presión ningunha por conseguir resultados. E iso ao final pode marcar a diferencia”.

– O Santaballés. “Será un partido intenso que se pode decidir nunha xogada de estratexia. O de Santaballa sempre é un campo moi difícil de gañar e o Santaballés sabe perfectamente ao que xoga e teremos que adaptarmos. Será un encontro bonito”.

– O obxectivo. “Chegou xente nova que deu un salto de calidade e outros xa máis experimentados que tentamos axudar polo que, xa que estamos arriba intentaremos pelexar por entrar nos dous primeiros, pero o obxectivo segue a ser disfrutar como o estamos facendo despois dun ano duro sen fútbol. Nótase que a xente necesitaba da pelotiña.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*