Remata o 2020 futbolístico. O ano máis atípico que todos recordamos no que o deporte, neste caso o fútbol, aínda é capaz de que nos esquezamos por uns intres da pandemia do Covid-19. Na última xornada antes das festas de Nadal, centrámonos no encontro que Racing Vilalbés e Silva disputarán este sábado ás 16 horas na Madalena, coa arbitraxe do colexiado pontevedrés Luis Lois Carro.

Pedrosa tentará facerse un oco de novo no once racinguista unha vez recuperado da súa lesión

O conxunto chairego buscará rematar o ano invicto no seu campo. Ninguén logrou gañar na Madalena neste 2020, o que é sinónimo do bo facer do equipo adestrado por Simón Lamas, ademáis de ser a fonte de puntos necesarios para acadar o obxectivo inequívoco da permanencia. Na actual temporada, tan só o Fabril foi quen de arañar un empate no feudo vilalbés. O partido co filial deportivista, así como o último xogado na Porta Santa ante o Paiosaco, deixaron no Racing unha sensación amarga en canto ao resultado, logrando o rival empatar a contenda nos últimos intres de partido, pero nos que o equipo amosou unha boa imaxe e nos que gozou de ocasións salientables para facerse cos tres puntos.

O Silva comezou a temporada con dúbidas no seu xogo e con baixas de xogadores importantes, pero cun gran problema: a falta de gol. Aínda que a nivel defensivo o equipo respondeu ben cos ex racinguistas Xusto e Antonio liderando a zaga, o cadro coruñés non era quen de ver porta con facilidade, o que lle supuxo convertirse no rei do empate, acadando a igualada no marcador nas cinco primeiras xornadas ligueiras. Nos últimos encontros, o cadro adestrado por Bardanca amosou unha mellor imaxe logrando un triunfo a domicilio en Paiosaco, outro na Grela ante o Arzúa e caendo pola mínima nun encontro moi igualado ante o Polvorín. Ademáis o conxunto coruñés reforzouse con ilustre do fútbol galego como é o dianteiro Rubén Rivera.

O último enfrontamento entre Racing Vilalbés e Silva no campo da Madalena tivo lugar o 26 de xaneiro deste ano 2020 e rematou con triunfo local por un gol a cero. O tanto foi anotado por Sito.

Falamos do encontro cun vilalbés de Árbol, o mediocentro racinguista Make e co focense Xusto, que retorna á que foi a súa casa coa camisola do Silva.

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

MAKE (RACING VILALBÉS)

O Silva. “Será un encontro moi igualado, no cal as disputas serán claves. O Silva sempre é un equipo con xogadores veteráns que saben levar ben o ritmo do partido, que se decidirá en pequenos detalles. O que máis me preocupa é a súa fortaleza defensiva, onde contan con xogadores moi rochosos e experimentados na categoría”.

Dificultade para pechar os encontros. “Ante Fabril e Paiosaco ocorreunos o mesmo, eses pequenos detalles que ao final marcan o resultado dun encontro. O último partido co Paiosaco estivo moi marcado polo vento. Na primeira metade tivemos ocasións para sentenciar e na segunda encaixamos antes dos dez minutos, e co vento en contra costounos saír do noso campo. Logo nunha xogada illada encaixamos o 2-2. Perdoamos e non matamos o partido”.

A temporada do Racing. “En tódolos anos que levo no equipo o obxectivo firme é acadar a permanencia, e só falaremos doutras cousas cando a salvación sexa unha realidade. Pero os xogadores e o corpo técnico actuais somos ambiciosos e traballamos para estar o máis arriba posible. Xa queda menos para rematar a primera fase e temos que seguir esta dinámica de traballo para ir á segunda co obxectivo cumplido”.

XUSTO (SILVA)

– O retorno. “Para min enfrontarme ao Racing Vilalbés é moi especial, xa que alí pasei cinco anos maravillosos. Xogar na Madalena sempre é un luxo, ademáis enfronte terei a moitos e bos amigos”.

O encontro. “Seguro que vai ser un encontro igualado no que teremos que dar o cento por cento se queremos sacar algo positivo.  O Racing Vilalbés é un equipo ao que na casa se lle escapan moi poucos puntos. Teremos que estar moi atentos ás contras xa que nesta faceta son letais. Ademáis este ano teñen moitísima pegada”.

A melloría do Silva. “Vexo ao equipo moito mellor. Comezamos a temporada con moitas baixas, e aínda que non encaixamos moito, custábamos bastante facer goles. Nas últimas xornadas comezamos a recuperar xente moi importante e o equipo cada vez está mellor e ben seguro que iremos a máis”.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*