IMAXE DE PORTADA: Web CD Lugo

Rematou a temporada para as nosas guerreiras. Desafortunadamente, non podemos escribir estas liñas coa ledicia que nos gustaría, pois finalmente ningún equipo lucense da Primeira Galicia logrou o ascenso á Primeira Nacional. Péchase así unha campaña difícil para o fútbol feminino provincial, pero ao mesmo tempo un ano do que estar moi orgullosos. As futbolistas dos nosos clubes souberon sobrepoñerse ás vicisitudes deste 2021 para obsequiar aos siarieros con bo fútbol.

A fin de semana foi moi intensa. CD Lugo e SD Antas medíanse na Cheda o sábado pola mañá na procura dun posto da final polo ascenso. A priori, as favoritas eran as albivermellas, que tiñan ademáis o factor campo a favor. Porén, a SD Antas xogou moi ben as súas armas, acumulou xente por detrás do balón e buscaron as súas opcións ao contragolpe. E funcionou. No 36′, penalti a prol das celestes que transformou Nuria. Ao término dos primeiros 45′, 0-1.

Na segunda metade, o CD Lugo non se precipitou e dominou o partido por completo. A base de insistir e de errar ocasións, finalmente conseguiron a remontada cun gol de Esther no 67′ e outro de María no 78′. Finalmente, 2-1 ás beiras do Miño. A SD Antas despedía así unha temporada histórica para a entidade, que de seguro lle axudará a seguir medrando.

O CD Lugo, pola súa banda, apenas tivo tempo para disfrutar a victoria. O día seguinte, domingo, visitaba Silleda (sede neutral) para medirse á SD Villestro na finalísima polo ascenso. As santiaguesas viñan de superar ao Atlántida Matamá por 2-0 o venres, polo que gozaran de máis descanso que as nosas. Alén diso, as lucenses chegaban mermadas polas lesións.

O comezo do partido foi para o Villestro. Ao Lugo custoulle asentarse no campo, pero pouco a pouco as nosas tomaron o control do partido, e puideron adiantarse con dous ocasións moi claras. Porén, foron as da Barrosa as que golpearon primeiro: Aurora colleu un balón fóra da área no 43′ e asinou o 1-0, que sentou como un tiro ás da Cheda.

O estado anímico tra-lo descanso, unido ao cansancio acumulado, fixo que a SD Villestro ampliase as diferenzas no 54′, 2-0.. Pese a iso, as lucenses non se rendiron e seguiron acechando a porta rival. Froito diso, Esther fixo o 2-1 no 80′ e a piques estiveron de empatar o choque. Pero finalmente, un 2-1 cruel, probablemente inxusto e difícil de asimilar deu o ascenso ás santiaguesas. As nosas guerreiras loitarán o ano que vén polo salto de categoría que se resistiu este ano.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Santi Real

De campo en campo. Maniaco do fútbol. En formación continua, aprendendo cada día.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*