Un mércores máis repasamos o que deu de si a xornada para as nosas futbolistas que, de novo, deixaron a pel para sacar os resultados máis positivos posibles. Aínda así, as cousas no Reto Iberdrola non están a saír ben. O PM Friol caeu entre semana co Zaragoza e o sábado 24 co Athletic “B”, ambos choques por 2-1. Con esta derrota, as de Friol están a cinco puntos dos postos de salvación.

No partido disputado en Zaragoza o mércores pasado, o PM Friol competiu ben, pero fontes do clube afirman que a inexperiencia de parte do corpo arbitral perxudicou ao conxunto lucense, así como o feito de viajar até Aragón de noite. O sábado, en Lezama, as futbolistas do PM Friol deron a cara ante un rival superior, sobrepoñéndose a outros factores externos como o clima abafante ou o cansancio acumulado desde o partido anterior. Ás da Reigosa quéndalles 5 finais nas que terán que loitar por non baixar de categoría. 

O filial do PM Friol, que compite na Primeira Galicia, empatou sen goles (0-0) ante o Victoria CF “B”. O choque foi bastante gris e apenas houbo ocasións. As lucenses están tendo problemas para atopar a súa mellor versión e a fluidez de xogo que as caracterizaba fai catorce meses. O CD Lugo superou esta vez sen problemas á SD O Val (5-0), nun partido no que as lucenses foron constantes e moi serias e puideron ir abrindo distancias no marcador pouco a pouco.

A SD Antas, no Grupo B da Primeira, empatou 1-1 co Victoria FC “B”. As do Castro Seoane medíanse a un rival moi serio e Ángeles anotou o 1-0 ao borde do descanso á saída dun córner. Na segunda metade ambos equipos competiron moi ben e, finalmente, as santiaguesas igualaron a contenda.

Na Segunda Galicia, a SCD Milagrosa caeu por 0-5 ante a todopoderosa EFF Rosalía, que viña de gañar por 16-0 ao Monte Forte, mentres que o derbi entre Monte Forte e Comercial foi aprazado.

DESTACADAS

PM Friol: Non comunica.

PM Friol “B”: Non comunica.

CD Lugo: Non comunica.

SD Antas: Laura, que segue mellorando co paso dos partidos.

SCD Milagrosa: Leire, pese ao resultado, completou un bo partido.

O MELLOR

A SD Antas está demostrando que é capaz de competir contra calquer rival.

O PEOR

A situación do PM Friol e cada vez máis dramática, pero aínda hai tempo para revertila.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Santi Real

Santi Real

De campo en campo. Maniaco do fútbol. En formación continua, aprendendo cada día.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*