A cuarta xornada da 2ª fase na Terceira xa permitiu cumprir obxectivos. O Arenteiro accede á Segunda RFEF con Víctor Eimil sendo un dos protagonistas. Mesmo volveu marcar. Ademais Julio Delgado fixo dous goles ante o equipo da súa infancia. A pesar de estar desahuciado, rescatamos do As Pontes a sexta titularidade na categoría de Brais Vázquez. Así se presentan os #LucensesNaTerceiraGalega.

Grupo ascenso:

O Arenteiro conseguiu o pase á Segunda da RFEF. Os resultados da xornada beneficiáronlle e o cadro do Carballiño non fallou no seu. Derrotou con claridade no Espiñedo ao Somozas. Á media hora, xa gañaba con catro goles de vantaxe. Un deles, da autoría de Víctor Eimil. O vilalbés marcou o quinto gol da tempada.

Falamos co carrileiro lucense sobre como se viviu este éxito no conxunto verde:

Víctor Eimil: “Hai moito traballo detrás deste ascenso”

Escucha “Víctor Eimil accede á 2ª RFEF co Arenteiro” en Spreaker.

O Somozas non tivo o seu día, pero destacamos que Aldán Naval volveu ser da partida. O viveirense foi titular por segundo encontro seguido. Xogou sesenta e cinco minutos.

O Bergantiños non puido celebrar o pase a nova categoría. Perdeu en Cangas e deulle vida ao Arosa que xogará esta finde en Carballo. A diferenza entre os dous equipos é de catro puntos cando faltan seis en xogo. Iago López foi de novo titular na defensa do conxunto preparado por Lemos. O partido estivo arbitrado por trío da provincia encabezado por David Pereira Ferreiro. E asistido nas bandas por Adrián López Bermúdez e Álvaro Valín González.

O Arosa está nesa situación debido a súa vitoria ante o Polvorín. Un partido que tivo polémica. Especialmente nun gol que non subiu ao marcador a favor do cadro lucense. Nas imaxes semella que o balón traspasa a liña de gol. Precisamente o protagonista da xogada foi o lucense Ross. Volveu ser da partida dos de Rafa Saéz e foi o que despexou o balón nesa xogada.

Julen, Dani Vidal e Marcos foron titulares entre os pupilos preparados por Álex Ortiz. Martín entrou no segundo tempo precisamente no canto do capitán Marcos.

Grupo play off ascenso:

O Racing Villalbés mantense en postos de play off a pesar da derrota en Bouzas. Dez lucenses formaron parte do partido no Baltasar Pujales.

A dous puntos do Racing sitúase o Choco. Ambos equipos enfróntanse esta fin de semana. En Twiiter, Futbolinlugo sortea unha entrada dobre para o partido. O Choco vén de empatar sen goles ante o Fabril. Alberto Suárez xogou todo o encontro no conxunto de Redondela.

Xa sen opcións de meterse en play off está o Silva. O cadro coruñés perdeu co Estradense. Co obxectivo cumprido tentará rematar o curso do mellor xeito posible. Xusto non foi da partida porque arrastra unha microrotura de fibras. Esta semana volveu adestrar co grupo e podería estar para xogar os últimos tres encontros da campaña (teñen un aprazado co Rápido de Bouzas).

Grupo permanencia:

Houbo trío arbitral lucense nun partido importante aprazado que se recuperou esta semana. O Ribadumia venceu ao Estudiantil. Aumenta a distancia precisamente cun rival, pero aperta moito a zona de salvación. Este resultado mando a zona de descenso ao Viveiro. Aínda que empatado a puntos co conxunto da Senra. O partido estivo arbitrado por David Pereira Ferreiro e asistido nas bandas por Alberto Blanco Méndez e Alejandro Luna Méndez.

O grupo de permanencia está liderado agora polo Ourense CF. O cadro ourensán derrotou ao Viveiro. Marcou dous goles o burelao Julio Delgado. Ademais por segunda xornada consecutiva. Acumula tres dende xaneiro que foi cando chegou ao club. Julio xogou nas categorías inferiores do Viveiro CF.

Catorce xogadores da provincia vestiron a camisola celeste no Couto. Trasi foi titular en Terceira por segunda xornada seguida. E tamén tivo minutos de novo o xuvenil Luis Pernas. O Viveiro queda en zona de descenso pero só a dous puntos do líder do grupo.

Na segunda posición do grupo está o Arzúa. Na finde perdeu ante o Ribadumia que leva unha gran semana. Álex Vázquez foi o único representante lucense no once que colocou Chus Baleato na Senra. Ao inicio do segundo tempo entrou tamén o chantadino Pedro Delgado.

Brais chegou no mercado de inverno ao club pontés procedente do Polvorín. Foto: CD As Pontes

O As Pontes é o único equipo que aínda non gañou neste grupo na 2ª fase. O descenso xa case é unha realidade, aínda que non estea consumado matematicamente. Non obstante, o equipo segue pelexando e perdeu pola mínima ante o Pontellas (2-1).

Brais Vázquez: “Cada partido apréndense cousas novas na Terceira”

Escucha “Brais Vázquez: unha estrea complicada na Terceira” en Spreaker.

Como positivo para a provincia traemos do club pontés unha nova titularidade de Brais Vázquez. O gardamallas de Taboada acumula seis partidos seguidos coma titular. Contounos como están sendo as súas sensacións neste ano complicado, pero de estrea para el.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*