A vinte de xullo o mercado está que arde e chegamos ao episodio 220 do noso Diario cargados de novidades.

Comezamos na Segunda RFEF. O lucense Álex Rey desvinculouse do CD Lugo e asinou no Tarazona, conxunto no que xa militou o seu ex compañeiro Cacharrón. A boa temporada do centrocampista no Unionistas de Salamanca non pasou desapercibida e Álex Rey terá continuidade na categoría.

O Polvorín, na súa labor de rediseñar o seu cadro de xogadores, fíxose cos servizos do atacante David Rojo, que militaba a pasada campaña nas filas do Somozas, tal e como adiantou o compañeiro Manu Amor. Tamén fará a pretemporada co filial albivermello Veloso, dianteiro da Residencia.

O ribadense Aitor, que xogou o último ano no Racing Vilalbés asinou no Arteixo, un dos conxuntos chamados a ocupar os postos altos na Preferente. Xa na nosa provincia, o Lemos é un dos conxuntos máis activos no mercado. Os capitáns Dafonte e Varela comprometéronse unha campaña máis co cadro monfortino, mentres que Adrián Armesto regresa á Pinguela logo da súa experiencia na Sarriana. Tamén estará ás ordes de Alberto López o ex capitán dos sarriaos Luisma. O Ribadeo recuperou para o fútbol a un vello coñecido do Pepe Barrera, o gardameta Diego Dos Santos, que voltará a ocupar a portería logo de tres temporadas ausente.

Comeza a coller forma o novo proxecto do Riotorto en Primeira Autonómica. Jon Vázquez estará no banquiño e renovan os xogadores de Suso Orxás, Manu Carreira, Ferreirós, Pablo Vivero, Coedo e Michi. O Pol segue a sorprender con auténticos bombazos. Tal e como adiantou Manu Amor, Manuel Mourelos será o adestrador e estará acompañado polo xa xogador do Somozas Santi Gegunde e Adrián Negro, ex preparado físico do Fisterra. Pero non só iso, a portería terá un inquilino de luxo: Javi Pita, o “gato do Vicedo“, asinará cos do Manuel Luna logo de varias temporadas no Racing Vilalbés. Porto, ex do Lemos e Gara, ex do Friol e do Ribadeo tamén xogarán ás orde de Mourelos. Os veteráns Pablo Ruíz e Iván González formarán parte do novo proxecto que terá como gran obxectivo o ascenso a Preferente.

O Castro é outro dos grandes animadores do mercado de Primeira. Sergio Begonte, Play, Torito e Ónega seguirán un ano máis no conxunto chairego. O seu filial, que botará a andar na vindeira temporada terá como adestrador a Isaac Rouco, que ata o de agora ocupaba o banquiño do xuvenil.  O Burela renovou ao canteirán Jairo Ares, mentres que Saúl Deán dará o salto ao primeiro equipo desde o xuvenil.

O San Ciprián comeza a perfilar o seu cadro de xogadores coas chegadas de Joao e Claudemir, desde o Burela e de Edgar, con pasado no Cervo.

Moitas novidades tamén no fútbol feminino. A monfortina María García xogará nas filas do Bergantiños en Primeira Galega. A última temporada estivo nas filas do Orzán coruñés, da mesma categoría. O Carballedo renovou a Diana Picos e Laura Delgado e o Chantada fixo o propio con Ángela, Andrea e Natalia.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*