[themoneytizer id=”15360-1″]

O C.D. Foz atravesa unha mala xeira de resultados que o levou a ocupar o último posto da Preferente. Nunha temporada na que o clube mariñán tiña a firme intención de consolidarse nunha categoría á que lle costou moito retornar, as cousas non lles están a saír como estaba previsto. Falamos con Asier, un dos xogadores con máis calidade da Preferente, que é optimista malia a complexa situación do equipo.

FUTBOLINLUGO: Comezamos polo último encontro. Lograstes adiantarvos no marcador, pero rematastes caendo ante o Sofán. Onde cres que tivo a clave da derrota?

ASIER: Aínda que non fixemos un mal partido, creo que a derrota chegou pola falta de concentración. Nestes momentos, tal e como estamos, calquer erro cóstanos un gol e non nos podemos permitir iso.

FIL: Son xa moitos encontros sen gañar. Como vive o vestiario esta situación tan complexa?

A: Estamos preocupados porque cada vez está máis lonxe o obxectivo, pero seguimos con gañas de sacar isto adiante. Somos un grupo moi unido e a maioría levamos moitos anos xogando xuntos, e a pesar de levar moito tempo sen gañar cremos en nós e sabemos que é posible.

FIL:  A priori, o Foz conta cun cadro de xogadores máis amplo e con máis calidade que a anterior temporada. Por que cres que chegastes a esta situación?

A: No fútbol inflúen moitas couasas aparte do plantel, xa que, as lesións, as sancións e a sorte, aínda que pareza que non, xogan un papel importante. Este ano tivemos catro lesionados de gravidade, que eran xogadores moi importantes para nós (Bruzos, Jacob, Cayón e Gonzalo), ademáis de varias sancións en días claves e a sorte moitas veces non estivo do noso lado. É duro pero hai que afrontalo. Está claro que o que pasou xa non se lle pode facer nada, agora toca mirar cara adiante e intentar gañar os máximos partidos posibles de aquí ao final de temporada.

FIL: Marchou Jesús Gayol e chegou ao banquiño Javi Chinchón, un emblema do clube. Que vos pode aportar?

A: Javi trae moitas gañas e forza que creo que é moi importante. Coñecémolo todos moi ben e sabemos o que quere. Temos que seguir traballando e non darnos por vencidos. Aproveito para darlle as gracias en público a Gayol, xa que el foi o que me ensinou case todo. Estou moi orgulloso de formar parte do seu equipo durante cinco temporadas e deséxolle o mellor no futuro.

FIL: Por onde pasan as opcións de permanencia?

A: A clave é gañar un par de partidos seguidos, se o logramos iremos cara arriba. É complicado, pero claro que é posible.

FIL: Logo dun verán con ofertas de clubes de categorías superiores decidiche quedarte no equipo do teu pobo. Arrepínteste da decisión a día de hoxe?

A: Arrepentirse ao mellor non é a palabra porque é o meu pobo e son os meus amigos, pero xa sabía que quedarme en Foz ía ser duro. Asumín os riscos e saiu así. Non se lle pode dar voltas na cabeza a algo que xa pasou, así que repito: toca seguir traballando aquí, en Foz.

FIL: Falaba fai un tempo teu pai, Burunda, do apego que moitos dos integrantes do actual Foz teñen polo clube e polo pobo, así como da afección por vós. Temes que esta mala xeira ou un posible descenso poda rachar esa boa sintonía?

A: Eu creo que non, xa que a xente ten que acordarse que fai cinco anos estabamos en Segunda Autonómica e que en nada o equipo plantouse en Preferente. Así que creo que no que caso de que descendamos a afección seguirá animándonos e moitos do equipo quererán axudar ao clube e quedaranse un ano máis, sexa en Primeira ou en Preferente.

FIL: O Foz sempre coidou moito da súa canteira. Como ves as vindeiras xeracións?

A: Pois é algo que me preocupa moito. Nós este ano tiramos moito de xuvenís e a día de hoxe o pensamento deles é moi diferente ao de antes, e iso que non fai tanto tempo que pasei esa época (risas). O Foz está traballando pouco a pouco, e aínda creo que se pode facer mellor e adicarlle máis tempo, xa que é o futuro do clube e hai que coidalo.

FIL: O vindeiro mes de xuño, o II All Star Futbolinlugo celebrarase en Chantada. Vese Asier por segundo ano consecutivo no partido das estrelas?

A: Ogallá!. O ano pasado paseino incriblemente ben e agardo poder reptir un ano máis.

[themoneytizer id=”15360-28″]

 

Comparte
               

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*