Hai bos campos en Galicia, pero O Couto de Ourense non está nada mal para marcar goles. A 2ª xornada da 2ª fase na Terceira deixou a estrea do focense Asier como goleador na categoría fóra da casa. Ademais, algúns dos representantes da provincia avanzan nos seus obxectivos. Quedan doce puntos en xogo para que remate a tempada regular. Por que pelexan os #LucensesNaTerceiraGalega?

Grupo ascenso:

O Arenteiro fíxose co primeiro posto. Derrotou ao rival que tiña máis preto por detrás na clasificación. Venceu pola mínima ao Polvorín e achégase a confirmar o seu acceso á Segunda RFEF. Víctor Eimil volveu xogar todo o partido completo.

O Polvorín non fixo un mal encontro, pero non puido puntuar no Carballiño. Julen, Martín, Dani Vidal e Marcos foron titulares. O cadro lucense queda a seis puntos dos postos do privilexio.

Na segunda posición queda agora o Bergantiños. Aínda que precisamente con seis puntos de marxe co Polvorín. E sete de vantaxe sobre o rival que lle gañou esta fin de semana. O Arousa impúxose na Lomba ao cadro de Carballo.

Nas defensas dos dous equipos houbo representantes da provincia que xogaron todos os minutos. Ross no Arousa e Iago López no Bergan.

Ademais o partido tamén contou con trío provincial. Iván Abel Bruzos arbitrou asistido nas bandas por Alberto Blanco Méndez e Adrián Fernández Teijdo.

O Alondras e o Somozas están practicamente sen opcións de quedar entre os dous primeiros. O conxunto de Cangas venceu ao de Ferrolterra pola mínima. Aldán Naval non tivo minutos.

Grupo play off de ascenso:

O partido entre o Rápido de Bouzas e o Silva de Xusto foi aprazado. Polo que os únicos representantes lucenses dentro deste grupo estiveron no Choco 4-3 Racing. A vitoria levouna o cadro local cun Alberto Suárez que xogou 73 minutos. O mediocentro xogou contra un dos seus ex e mesmo xerou unha oportunidade cun lanzamento dende fóra da área.

Doce xogadores da provincia participaron en Santa Mariña por parte do Racing. Marino xogou de titular no carrileiro esquerdo. Segunda titularidade para o de Meira no que vai de campaña. Dani Pedrosa marcou un gran gol de falta directa que supón o cuarto tanto para o de Ribadeo na tempada. E Rares tamén marcou. É o segundo gol en Terceira do canteirán racinguista.

Grupo permanencia:

A clasificación no grupo de permanenica segue liderada polo Arzúa. Aínda que o cadro da Terra do Queixo perdeu pola mínima ante o Atios. Ademais esta semana foi destituído o adestrador Javi Rey. Chus Baleato colle agora o reto de conseguila salvación. O técnico foi precisamente o que conseguira o ascenso hai dous anos.

No Carballo de Atios só Álex Vázquez foi titular como representante lucense. Brais Prieto non gozou de minutos. E Pedro Delgado cumpriu un partido de sanción por acumulación de cartóns.

Empatado a puntos co Arzúa, na segunda praza, sitúase o Viveiro. O colectivo celeste empatou a tres goles ante a UD Ourense. Chuski puxo en liza novamente a un once plenamente lucense no Couto.

O Viveiro adiantouse cun golazo que saíu da zurda de Asier Burundarena. O focense marcou o seu segundo gol en Terceira. Foi unha das accións máis destacadas da fin de semana. Asier debutou este curso na categoría e acumula vinte e dous encontros con participación no que vai de campaña. O anterior gol fora na sexta xornada en Cantarrana ante o Silva (o encontro xogouse en xaneiro).

Pola súa parte, Edgar marcou o seu primeiro gol en partido oficial coa camisola do Viveiro. É o seu segundo tanto en Terceira. A tempada pasada estrearase cando vestía a camisola do Arzúa ante o CD Barco. E non faltou a súa cita Xaime. O mediocentro anotou o cuarto gol do curso.

A terceira praza deste grupo ocupáa o Ourense CF. Venceu no duelo de representantes lucenses. O cadro ourensán derrou por dous goles As Pontes. Julio Delgado foi titular nos locais. Xogou 78 minutos. No conxunto pontés Brais Vázquez xogou baixo paus. É a cuarta titularidade do meta taboadense. O As Pontes está a doce puntos da salvación.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*