A terceira xornada da 2ª fase na Terceira trouxo boas novas para o fútbol lucense. As tres con protagonismo para A Mariña. Dúas estreas como titulares e unha estrea como goleador. No grupo de ascenso e no de play xa inician a segunda volta. Quedan nove puntos en xogo. Repasamos a actuación dos #LucensesNaTerceiraGalega.

Grupo ascenso:

O Bergantiños volveu ao liderato. Derrotou ao Arenteiro nas Eiroas nun partido de altura. O central monfortino Iago López xogou todos os minutos na zaga de Carballo.

Non puido ser da partida no conxunto de Carballiño, Víctor Eimil. O vilalbés cumpriu un partido de sanción por chegar ao ciclo de amonestacións. Os pupilos preparados por Lemos superan nun punto agora ao seu rival.

O Polvorín sitúase a cinco puntos dos postos de acceso á Segunda da RFEF. Xogou por primeira vez na temporada no Anxo Carro e conseguiu a vitoria ante o Alondras.

Ángel Fraga, Martín e Dani Vidal foron titulares. O gardamallas vilalbés colocouse baixo paus por primeira vez nesta segunda fase. Acumula oito titularidades no que vai de temporada.

A seis puntos da zona de privilexio atópase o Arousa. O conxunto de Vilagarcía venceu pola mínima a un Somozas ao que se lle esfumou a opción de acceder a Segunda RFEF directamente. No Candocia foron titulares dous lucenses. Por un lado, Ross no Arousa; polo outro, Aldán Naval no Somozas.

O futbolista viveirense foi titular por primeira vez en Terceira División. Aldán acumulaba xa varias participacións na categoría. Jairo Bello deulle entrada en diversas ocasións nos segundos tempos. Pero ata o momento non gozara da titularidade. O ‘11’ xogou ademais todos os minutos do encontro.

Aldán Naval vive a súa primeira tempada como xogador sénior. Chegou este curso ao conxunto de Ferrolterra procedente do Celta Xuvenil.

Grupo play off:

O Racing Villalbés púxose ao día. Perdeu na finde ante o Estradense e este mércores venceu ao Rápido de Bouzas no partido que fora aprazado por mor dun caso covid no equipo vigués. Deste xeito, segue de líder no grupo de play off cunha marxe de tres puntos sobre os seus rivais.

No tocante aos representantes lucenses do Racing as principais novidades foi a presenza de Jose Varela no lateral esquerdo no partido ante o Estradense. Unha posición na que o xogador xa xogara nalgunha ocasión no seu periplo no Somozas. Ademais Marino enlazou o seu segundo partido como titular por primeira vez na tempada.

Con respecto ao duelo ante o Rápido de Bouzas, Rares marcou o seu terceiro gol en Terceira aínda sendo xuvenil. É o segundo que marca esta temporada logo de anotar ante o Choco hai dúas semanas.

Os outros representantes da provincia no grupo medíronse a finde. O Choco superou con claridade ao Silva e mantén as súas opcións de meterse no play off. Alberto Suárez foi titular e xogou todos os minutos. No Silva non foi da partida Xusto.

Grupo permanencia:

O Arzúa continúa encabezando o grupo da salvación. Logrou un triunfo importante ante un rival directo como é a UD Ourense. Álex Vázquez e Pedro Delgado foron titulares no primeiro once de Chus Baleato na súa reestrea do banco do Viso.

Nestes momentos o Arzúa ten seis puntos de marxe sobre o descenso. Pero esa posición está representada polo Ribadumia que ten un partido pendente de xogar.

Cos mesmos puntos ca o Arzúa, sitúase o Viveiro. Os pupilos preparados por Chusky lograron outro triunfo clave precisamente ante o Ribadumia. Trece lucenses participaron no triunfo. Álex Meitín foi o autor do gol. E Xoel Trasancos ‘Trasi’ foi titular por vez primeira na categoría. Xogou 75 minutos. O xuvenil xa tivera participación co equipo noutras ocasións e formou parte xa de varias convocatorias.

Con cinco puntos de vantaxe sobre o descenso, atópase o Ourense CF. Gañou pola mínima ao Agrupación Estudiantil. Julio Delgado foi titular no cadro ourensán. E marcou o primeiro gol do seu equipo. Supuxo o empate antes do descanso. Logo Julio foi trocado e o seu equipo remontaría nos últimos minutos do partido. É o primeiro gol do futbolista de Burela coa camisola do Ourense CF e é o seu primeiro en Terceira.

A quince puntos da salvación está o As Pontes. Pelexou pero non foi quen de conseguir puntos ante o Barco no Poboado (2-3). Brais Vázquez volveu defender a portería pontesa. Quinta titularidade para o gardamallas de Taboada.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*