Foto de portada: Facebook CD Choco

A 20ª xornada da Terceira División achega ao Polvorín e ao Alondras a xogar por acceder a Segunda División da RFEF (actual Segunda B). Na zona norte, o Bergantiños do monfortino Iago López xa é campión de grupo na primeira fase. Pablo Louzao anotou o seu primeiro gol na categoría. E na zona sur, Alberto Suárez marcou o seu primeiro tanto desta tempada. Os tres son algúns dos protagonistas nos #LucensesNaTerceiraGalega.

Un golazo para iniciar a goleada:

O Choco volveu ao camiño da vitoria cun contundente triunfo ante a UD Ourense. Marcou catro goles e o primeiro foi autoría do lucense Alberto Suárez. O centrocampista abriu o marcador cun lanzamento de falta. O balón parado estaba situado a uns dez metros da media lúa de cal, escorado ao lado dereito. O ‘6’ pegoulle a media altura e a pelota entrou polo pau esquerdo da portería rival.

(en audio): Alberto Suárez: “Só tiro a gol cando non vexo a quen pasarlla”

Escucha “Alberto Suárez: primeiro gol da tempada” en Spreaker.

É o primeiro tanto que marca Alberto nesta tempada. Leva en total catro goles na súa traxectoria en Terceira División. Suma oito campañas na categoría. As últimas seis no cadro de Redondela e dúas anteriores no Cultural Areas. O curso anterior foi o seu máis goleador con dous tantos. Un deles tamén destacado; un dereitazo que entrara pola escadra nun partido ante o Arosa.

(en audio): Alberto Suárez: “En seis anos no Choco nunca tirara unha falta frontal”

Escucha “Alberto Suárez: as posibilidades de marcar” en Spreaker.

A contundente vitoria do conxunto de Redondela sitúao na cuarta praza. A igualdade por evitar a zona de posible descenso é máxima. Nestes momentos ten dous puntos de marxe sobre o sétimo clasificado (Ourense CF que ten un partido menos), pero con varios equipos implicados.

Pablo Louzao estréase en Terceira:

Trece lucenses formaron parte dentro do terreo de xogo da clara vitoria do Viveiro sobre o As Pontes. Álex Meitín marcou o seu terceiro gol na categoría. E outro dos protagonistas foi o lateral zurdo Pablo Louzao. O xogador da canteira viveirense marcou por primeira vez na Terceira.

Entrou no segundo tempo no canto de Javi Rey. Aos dous minutos de entrar recibiu un cambio de orientación do propio Meitín dende a dereita. Pablo acomodou o balón e disparou cruzado para superar a porta rival. O futbolista celeste acumula oito participacións co equipo este curso.

Iago López, capitán do primeiro clasificado:

O Bergantiños venceu no duelo de proximidade ante o Fisterra (1-2). Cos tres puntos xa é matematicamente campión do grupo A nesta primeira fase. A semana pasada xa se clasificara para a segunda fase que dá acceso a xogar a vindeira tempada na Segunda División da RFEF (actual Segunda B). Hai que ter en conta que todos os puntos do primeiro tramo de competición tamén contarán despois.

Iago López portou o brazal de capitán neste encontro do Bergan. Xa non é a primeira vez que o central monfortino é o capi do cadro de Carballo. Logo de Aarón e Agulló, el asume esa responsabilidade. Ante o Fisterra volveu xogar todo o partido.

Máis lucenses:

Once xogadores participaron dentro do campo na importante vitoria do Racing ante o Somozas. O peor parado foi Cuadrado. O dianteiro recibiu un golpe do defensor Garrido e tivo que ir ao hospital onde lle deron dez puntos de sutura. Por sorte, atópase ben aínda que foi baixa no encontro ante o Fabril (3-0: partido que fora aprazado no seu día). Outro lucense foi protagonista co gol. Jose Varela marcou o seu quinto tanto do curso. Polo bando local, non tivo minutos no partido o viveirense Aldán Naval.

O Polvorín achégase a confirmar a súa presenza na fase por acceder a Segunda División da RFEF (actual Segunda B). Derrotou ao Silva no seu campo coa presenza no once titular de Ángel Fraga e Dani Vidal. Martín e Marcos entraron no segundo tempo. No conxunto local, Xusto xogou os noventa minutos.

Ross xogou todo o encontro na vitoria do Arosa na Estrada (1-2). O cadro de Vilagarcía conseguiu o gol da vitoria nos últimos intres do xogo. Seguen a tres puntos do primeiro posto. E continúan sumando de cara a fase por acceder a Segunda División da RFEF (actual Segunda B). O encontro estivo arbitrado por un trío lucense. Javier Pérez Prado dirixiu o xogo dentro do campo e estivo asistido por Adrián López Bermúdez e Alberto Lago Barreiro.

A goleada da xornada tamén tivo presenza lucense. O Fabril reencontrouse co triunfo en Santa Isabel. Derrotou ao Estudiantil por 2-6. O encontro estivo arbitrado por Jesús López Fernández e asistido nas bandas por Alberto Blanco Méndez e Álvaro Valín González.

O Arzúa non puido pasar do empate na Porta Santa. O empate conseguido ante o Paiosaco non lle permite afastarse da zona de perigo. Álex Vázquez e Pedro Delgado volveron saír no once inicial e xogaron todo o encontro. Novamente Brais Prieto formou parte da convocatoria pero non gozou de minutos.

O Arenteiro segue consolidando o primeiro posto. Derrotou no seu regreso ao Espiñedo ao Pontellas (2-1). Víctor Eimil volveu ser da partida e xogou os noventa minutos. Desta volta fíxoo polo carril esquerdo e xerou perigo cos seus centros coa perna dereita.

A nota negativa da xornada foi a de Julio Delgado. O futbolista de Burela tivo que ser trocado no minuto 33 do encontro entre o Ourense CF e o Barco. Retirouse por lesión. O seu equipo venceu ao conxunto de Valdeorras (3-0).

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*