Fai xusto unha semana que falabamos cos distintos clubes de Preferente para saber se retomaran a súa actividade. Todos eles indicaban que non, que ata que a Federación Galega sacase un comunicado coas datas de inicio, non darían o pistoletazo de saída. O destino, caprichoso coma sempre, quixo que tres días despois, o martes 15, a RFGF publicase que nos vindeiros meses (xaneiro e febreiro) o fútbol afeccionado voltará.

Este retorno será gradual (algo ao que xa nos teñen afeitos as distintas medidas sanitarias) e non todas as categorías comenzarán ao mesmo tempo. No primeiro nivel entran a Preferente (proposta para comezar o 24 de xaneiro), a Primeira (a priori, 31 de xaneiro) ou as Ligas Galegas Xuvenil, Cadete e Infantil (tamén comezarán o 31 de xaneiro), así como a Primeira Feminina Galega (31 de xaneiro). Máis tarde, aínda sen datas confirmadas, sería o turno da Segunda e a Terceira Galicia. 

A outra cousa á que estamos afeitos e á controversia que xeran todas as decisións tomadas nos últimos meses por parte de organismos ou de autoridades políticas e sanitarias. E a volta do fútbol non ía ser menos. Pese a que todos ansiamos o retorno da nosa actividade favorita, hai distintas posicións en torno a isto –todas elas, completamente respetables-.Por iso, hoxe falamos con representantes de clubes de distintas categorías, para coñecer como se respira pola nosa provincia e como se acolleu a iniciativa da Federación Galega. 

O O Santaballés competirá na Preferente Norte.

De acordo coa Federación, os primeiros en comezar serán os clubes da Preferente. Porén, as cousas non están claras entre os seus membros: o Ribadeo FC aínda non comezou a adestrar, ou desde o CD Foz non se mostran todavía moi convencidos. O técnico do clube focense, Javi Chinchón, indicou que “o protocolo non está moi ao gusto de varios clubes, segundo teño entendido. Estamos á espera do que se decida en reunións entre xogadores e directiva, aínda que a idea era comezar a próxima semana. Agora hai que analizar diferentes factores: dispoñibilidade dos futbolistas polos traballos ou polos posibles contaxios ..Eu son bastante escéptico porque a situación é comprometida todavía, pero en principio parece que comezaremos a adestrar“.

Similar é a posición do CD Santaballés, de acordo co que sinalou o seu preparador, Dani Moirón: “Hoxe sábado teremos unha reunión xogadores, corpo técnico e directiva, para estudiar a situación e tomar unha decisión ao respecto. Buscamos involucrar a todos para tomar unha decision responsable e consensuada na que todo o tecido do CD Santaballes sexa partícipe.” Máis ao sur, a o adestrador da Sarriana, Charly, contou que “imos tentar retomar os adestramentos seguindo o protocolo. A situación non é a misma que en xullo, cando comezou a Terceira, polo que organizaremos todo de novo e comezaremos cando poidamos.

Unha semana despois da Preferente comezaría a Primeira Galicia. A SD Burela, por exemplo, xa comezou os seus adestramentos. No barrio da Ponte da capital, no San Lázaro, tamén contan con volver máis cedo que tarde, aínda que o seu míster, Diego Rey, mostrousecon dúbidas, ata que vexa o calendario penso que está todo no aire. A ver se podemos comezar na primeira semana do ano, teremos que adaptarnos pero vexo necesario que se active o deporte. Alén dito, temos os precedentes de 2ªB e Terceira, na que se demostrou a seguridade do fútbol. Temos nas nosas mans facer as cousas ben e ser responsables.

Coincidindo co inicio da Primeira, a Primeira Feminina dará o pistoletazo de saída, ademáis das Ligas Galegas de fútbol base. O EF Polvorín xuvenil, que competirá na Liga Galega despois de moito tempo, leva desde o 19 de outubro preparando o retorno. Porén, o técnico Francisco Caballero afirma queata agora todo foron entrenos sen contacto, pero agora xa podemos facer sesións con contacto. Afrontamos o inicio da competición con moitas ganas e ilusión despois de tantos anos loitando polo ascenso. Será un ano atípico, pero pelexaremos por manter a categoría.

Un lance dun choque do Ferreira CF.

Como comentamos na primeira parte deste artigo, a Segunda e a Tercera Galicia comezarían nunha fase posterior. Quizais sexa nestas categorías nas que haxa máis dúbidas con respecto a retomar a actividade. Así, desde a SD Paradela contáronnos queagardaremos 15-20 días para tomar unha decisión, de momento ata que pasen as festas todo é aventurar.” Máis contundente é a postura do Ferreira CF, desde onde afirman que “recomendan non xuntarse máis de 6 persoas en Nadal pero dicen que uns días despois nos xuntemos 25 xogadores nun campo. Seguimos firmes en non xogar, e non descartamos tomar medidas no caso de descender, porque consideramos que ante unha situación así non se nos pode obrigar a xogar. Hai vidas en xogo.

Estas son algunhas das opinións de distintos clubes lucenses con respecto á volta do fútbol proposta o pasado día 15 pola Federación Galega. Continuaremos a dar visibilidade as distintas opinións e a todos as novidades que vaian acaecendo nas vindeiras datas.  

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Santi Real

Santi Real

De campo en campo. Maniaco do fútbol. En formación continua, aprendendo cada día.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*