Fotos: Mariluz Fagín

Os mecos son figuras representativas do Entroido. Pero sabíades que tamén os hai de carne e óso? As características de neno pequeno e inquedo levaron a que a Brais López Baptista (21-06-1994, Petín) o coñecesen dende ben cativo como Brais Meco. E ben orgulloso deste nome levouno adiante polos campos de Galicia. Primeiro na base do Calasancio, logo cos seus veciños da Rúa, co CD Barco en Terceira ou agora de novo en Monforte co Lemos. Tanta interacción interprovincial ben merecía un oco na A-56. Un deses xogadores aos que sempre hai que estar atento.

Futbolin: Como están sendo as sensacións desta breve temporada?

Brais Meco: De momento ben. Estamos con moitas ganas logo de tanto tempo sen xogar. Empezamos con tres vitorias e agora vimos de perder coa Residencia e a Sarriana pero dando a cara. Na Cheda plantearon ben o partido e logo as circunstancias do xogo tamén nos foron en contra. Creo que non merecimos tanto castigo. E ante a Sarriana estivemos moi ben na primeira metade. Ao comezar o segundo tempo eles marcaron e púxoselles de cara. Aguantamos pero ao final fóisenos o partido.

Futbolin: Como ves este subgrupo C da categoría composto por equipos lucenses?

BM: Hai nivel. A liga é corta, pero intensa. Ademais todos temos as mesmas posibilidades. Si que uns máis que outros polos cadros de xogadores que confeccionaron. Pero logo no campo non se ve tanta diferenza xogando.

“Temos equipo para meternos entre os dous primeiros clasificados”

Futbolin: Cal é o obxectivo que se marca o Lemos logo de rematar xa a 1ª volta?

BM: Meterse entre os dous primeiros. Vendo o visto, temos equipo suficiente. Ademais por xogo estamos bastante ben. Como dicía, nos dous partidos que perdimos tivemos as nosas opcións. Loitaremos por xogar a promoción. Para iso nos preparamos e adestramos todos os días.

Futbolin: O Lemos aposta en gran medida pola continuidade…

BM: Levamos tres-catro anos que seguimos os mesmos. Ademais os futbolistas que viñeron aportan bastante. Iso é favorable para nós. Somos compañeiros da zona que nos coñecemos de sempre. Somos unha familia e iso é máis fácil para todos. Estamos xuntos nas boas e nas malas. E desfrutamos que é do que se trata no fútbol.

Futbolin: E nesa continuidade tamén está unha liña de xogo…

BM: Agora é un pouco máis complicada de seguir. Pero si que vimos arrastrando unha idea de fútbol con Edu coa que nos está indo bastante ben. Esta tempada é máis difícil porque temos menos tempo para preparala. Nunha liga tan curta non se pode facer tanto como nunha longa. Agora temos que ser máis efectivos.

Futbolin: E esta idea como encaixa no teu xogo?

BM: Foi unha das claves para que eu fichara aquí. Son un xogador de balón. Cando me chamou Edu xa me transmitiu esa idea e tirou bastante para que viñera.

“A idea de Edu foi a máis atractiva no seu momento”

Futbolin: Seguro que había máis ofertas doutras categorías, por que decides fichar nun equipo en Primeira Rexional?

BM: Tiña varias ofertas de Preferente, pero a idea de Edu era a máis atractiva. Xa estivera no Calasancio e coñecía ao equipo. Non me custou vir. Ademais Monforte conta cunhas instalacións impresionantes. Sabía que a curto prazo acabaríamos ascendendo. Ao final en dous anos chegamos a Preferente.

Futbolin: Cal cres que é a categoría na que debe estar o Lemos?

BM: Penso que a Terceira sería unha boa categoría para o Lemos. Por instalacións e por historia podería estar en Terceira se as cousas van ben. Agora mesmo estase traballando ben. Do Calasancio tamén estaban subindo xogadores; sempre aparece alguén. Cando xogabamos no Calasancio nós tamén estabamos ilusionados con chegar ao sénior.

Futbolin: Como acaba un de Petín en Monforte?

BM: Teño un irmán maior que xogaba nos xuvenís do Calasancio. Eu ía velo adestrar e xogar. Un día propuxéronme adestrar a min cos alevíns. Probei e xa quixeron facerme ficha. E estiven sete anos alí. Agora xa vou afeito as viaxes de 50 km (risas).

Fil: E sendo xuvenil acabas xogando xa con sénior…

BM: Un ano que nos salvamos en na Liga Nacional Xuvenil pedín a carta de liberdade e fun xogar co sénior da Rúa. Gañamos a Copa Deputación de Ourense ao Verín. Eu viña de adestrar en categoría Nacional e estaba a un moi bo nivel. Creo que tamén animei aos meus compañeiros daquela coa miña chegada. Moi contento pola oportunidade de xogar con eles.

“No Barco querían que seguise, pero ao final sempre queres xogar”

Fil: Ao rematar esa etapa chega a oportunidade do CD Barco, daquela en Preferente e logo en Terceira. Quedouche a espiña de non poder consolidarte na categoría?

BM: Falara con Javi Rey antes de fichar alí. En Preferente de feito fora unha temporada o noveno xogador do equipo con máis minutos. A receita de Javi era clara: loitar e traballar. Logo en Terceira foi máis complicado. Traían moitos xogadores de nivel. Viñan ademais para facerse ver e seguir medrando na súa carreira. Eles querían que seguise. Son un xogador que fai equipo. Ademais era case sempre un dos primeiros cambios. Pero ao final sempre queres xogar e a proposta de Edu era moi atractiva.

Futbolin: Coa túa experiencia e dada a situación actual, como ves o estado do fútbol na túa contorna?

BM: Ultimamente estaban traballando bastante coa base. E no Barco igual. Ao estar o Barco en Terceira crea máis expectación. Si que o sénior na Rúa xa é máis complicado. Con isto da pandemia algúns equipos da Rexional van desaparecer. Para unha vila era moi bonito que cen ou duascentas persoas estivesen vendo un partido. Pero agora van quedar as máis fortes.

“En Petín coñécennnos por ser moi deportistas”

Futbolin: Supoño que tanto ti como teu irmán en Petín seredes referentes do fútbol?

BM: Sempre andabamos xogando si. Coñécennos por ser moi deportistas. Alí tamén hai xente moi boa. Pero igual non loitou como nós o fixemos. Buscámonos a vida para poder seguir progresando. E ao mellor outros xogadores tamén bos, acomodáronse máis. No fútbol rexional colles outras prioridades. Eu non me arrepinto e canto máis tempo poda seguir no fútbol, mellor. Ao final fas unha chea de amigos polos sitios que iso tamén é importante.

Brais Meco na A-56…

Un campo da provincia de Lugo?

Quécome coa Pinguela. Pero hainos moi bonitos pola provincia. O de Foz, por exemplo, é precioso.

Un campo da provincia de Ourense?

Calabagueiros. Quizais non sexa dos máis bonitos esteticamente pero a afección que ten chama moito.

  • Futbolin: A afección do Barco é modelo en Galicia. Iso conséguese dalgún xeito ou xa é algo que vén de atrás?
  • BM: É o que boto de menos. Tivo que ver moito tamén co equipo directivo. Implicáronse moito. Organizaban chourizadas, magostos,.. cada domingo á xente interesáballe. Iso anima. En Monforte tamén está medrando bastante ao estar xogando xente da zona.

Un lugar da provincia de Lugo?

Monforte.

Un lugar da provincia de Ourense?

A comarca de Valdeorras.

Un compañeiro de vestiario?

Moitos, sería inxusto dicir un. Pero digo Gonzalo Torres que este ano apartouse por mor da pandemia. Estamos desexando que volva.

Un momento vivido no fútbol?

O ascenso co Barco a Terceira. Saímos celebralo cun camión pola vila. Ademais eran as festas e subimos ao palco. Saíu todo redondo.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*