Boa xornada para os conxuntos de Terceira. O Racing Vilalbés gañou na Madalena ao Arousa e sellou a permanencia de xeito matemático, mentras que o Polvorín acadou un empate ante o Alondras, que chegaba ao Ceao cuarto na clasificación. Na Preferente, o Viveiro retornou á senda do triunfo, mentras que a Sarriana deixou boa parte das súas opcións no campo do Estudiantil. O Ribadeo gañou no campo do San Tirso, mentras que o Foz deixou dous puntos no desconto ante o Xallas e o Castro perdeu pola mínima no campo do Ordes.

Sexta vitoria consecutiva do Racing Vilalbés, desta volta na Madalena ante o Arousa (1-0). Permanencia matemática para o conxunto chairego, que xa se situa décimo na clasificación. Encontro con moitas ocasións para ámbolos conxuntos. Denis e Juan de Dora tiveron as máis claras para o Racing, pero estrelaron cadanseu balón no longueiro. Sylla, o home gol do Arousa colleu protagonismo na segunda metade, pero non estivo atinado. O encontro resolveuse no tempo engadido. Os locales recuperaron o balón e Diego Rey conectou con Villares, este recurtou a Manu Táboas na súa saída e logrou centrar para que Make rematara ao fondo das mallas. Nos prolegómenos do encontro amosouse unha pancarta de apoio a Álex Pérez, quen xa se recupera da grave lesión sufrida a pasada xornada.

Empate do Polvorín ante un Alondras que cedeu a cuarta praza da clasificación (0-0). Nunha primeira metade na que o Alondras foi mellor, os de Cangas non estiveron acertados ante a portería do hoxe debutante Julen. O pichichi Antón Escobar comezou o partido sorpresivamente no banco, pero José Durán deulle entrada antes de gastar o primeiro cuarto de hora do segundo tempo e deulle outro aire ao ataque lucense. O veterano Yahvé rozou o gol para o Alondras e Rayco tivo preto o do Polvorín, pero non era día de goles no primeiro encontro que o filial lucense disputou esta temporada no Ceao.

O Viveiro voltou á senda da vitoria e derrotou ao Dubra en Cantarrana (3-1). O conxunto mariñán segue terceiro a un punto do Arzúa. Tichu, o máis destacado no conxunto de Chusky adiantou ao seu equipo antes de cumprirse o primeiro cuarto de hora logo de conectar un bo testarazo. Pouco despois, nunha acción prácticamente igual, o colexiado invalidou o tanto do de Outeiro. Álex Meitín puido facer o segundo, pero atopouse coa resposta do gardameta Brais. Quen o acadou foi Rolle tras un bo pase de Meitín. Nada máis voltar de vestiarios, Dani Moto recurtou diferencias, pero non deu tempo de que apareceran vellas pantasmas. Tan só dous minutos máis tarde, Baleato empurrou o balón cara a súa porta. Na última media hora puido ampliar diferencias o Viveiro, pero non estivo acertado.

A Sarriana non pasou do empate en Callobre ante o colista (1-1). O Estudiantil con tan só cinco puntos, acadou catro nos enfrontamentos contra o conxunto sarriao. A precipitación e a falta de acerto xogáronlle unha mala pasada aos de Alberto López, que contaron con ocasións claras para ir ao descanso co marcador a favor. Mauro, Diego Núñez e Héctor estrelánronse cun inspirado Álex Rama. Pola contra, o Estudiantil anotou na única ocasión que tivo no primeiro tempo. Un lanzamento de falta de Adrián Falcón que bateu nun defensor da Sarriana e colouse na meta de Javi López. Na segunda metade, Álvaro conseguiu desviar un tiro de Mauro para acadalo empate. Nos compases finais, unha ocasión para ámbolos equipos, a máis clara para Álvaro, pero o marcador non se moveu. A Sarriana queda a cinco puntos do ascenso, e a catro do Viveiro, próximo equipo que visitará a Ribela.

O Ribadeo gañou no campo do San Tirso e aínda conserva remotas opcións de ser cuarto (0-2). O conxunto de Rafa Casanova, moi efectivo, aproveitou a súa única ocasión na primeira metade. Un saque longo de Hugo foi peinado por Poratti para que Criss, só ante o porteiro definise á perfección. Na segunda parte, o rival inquedou  a área ribadense e Dani Xelo en dúas ocasións atopouse coa espléndida resposta do porteiro Hugo. Co encontro xa esmorecendo e co gardameta local incorporado ao remate dun saque de curruncho, Juanma despexa, e Aitor recorreu todo o campo tendo só que empurrar o balón a gol.

O Foz sumou un punto ante un Xallas que empatou nos intres finais (1-1). Comezou ben o encontro para os de Gayol. Nun córner, logo de tocar o balón Bouso é Jesús Pablo o que mete o balón na meta rival. Eran tres puntos vitais para os focenses na súa pelexa por fuxir dos postos de perigo, pero a expulsión por dobre cartón amarelo de Rivera a falta de máis de vinte minutos para o final fixo que o encontro trocase. O Xallas volcouse e puxo en serios apretos a porta defendida por Bruzos. Resistiu o Foz ata o desconto. Nun balón colgado á área, Marcos conectou un disparo que significou o empate. Malia todo, os mariñáns son décimocuartos, mantendo por debaixo ao seu rival nesta xornada, Negreira e Ordes, ademáis dos tres conxuntos xa descendidos.

O Castro caeu en Vista Alegre fronte ao Ordes nun dos mellores partidos da temporada dos chairegos (3-2). Ante un equipo que se xogaba a vida, os de Brais Prados deron a cara e mesmo se puideron levar cando menos un punto. Chiño adiantou ao conxunto local, pero tan só un minuto despois o burelao Javi Fraga acadou a igualada. Nada máis comezala segunda metade, Hugo Buíde puxo por diante ao Castro, pero os chairegos non foron quen de conter as acometidas  do Ordes, e en catro minutos fatídicos os locales déronlle a volta ao marcador por medio de Bruno e David Suárez.

 

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*