Outra xornada máis sen triunfos en Terceira. O Racing Vilalbés non pasou do empate na Madalena ante o Ribadumia e o Polvorín caeu derrotado na súa visita a Redondela para medirse ao Choco. Na Preferente, a Sarriana suma e segue, mentras que o Foz está a facerse forte no Martínez Otero, onde venceu ao San Tirso. Ribadeo e Viveiro sumaron un punto, mentras que o Castro caeu no Arturo Pereiro ante o Puebla.

O Racing Vilalbés empatou a un tanto diante do Ribadumia, no que é a terceira igualada como local dos de Xoan Peón na Madalena. O Ribadumia, unha das revelacións da categoría, adiantouse moi cedo, na primeira acción de perigo do encontro. Os chairegos non modificaron a súa imaxe dos anteriores encontros e non puxeron en grandes apretos ao rival, pero na última acción do partido, bicando o minuto 96, unha falta lateral botada por Álex Pérez atopou a cabeza de Xusto, que cun bo remate acadou o empate.

O Polvorín segue sen acadar resultados positivos na súa primeira temporada na categoría e caeu derrotado no campo do Choco (3-1) nun partido no que xerou moito en ataque, pero concedeu demasiado en defensa. Os lucenses comezaron ben, chegando a área visitante e xerando ocasións por medio de Antón, Javi Rey e Rayco. No minuto 23 os de Durán adiantáronse por gracias a un tanto de Antón e tiveron o encontro controlado, ata que ao pouco de comezala segunda os redondeláns acadan a igualada por medio de Comis. O filial do C.D. Lugo ten ocasións para poñerse por diante, pero foi o Choco quen materializou as materializou e levouse os puntos en xogo.

A Sarriana segue segunda na clasificación logo de gañar no campo do Boimorto (0-1). Os de Alberto López entraron moi ben no partido e xa no minuto 3 adiantáronse por medio de Mauro. Logo os locales estiráronse e inquietaron a porta de Ayoub pero o gardameta respostou ben. Na segunda metade, ámbolos conxuntos tiveron ocasións, pero o marcador permaneceu sen cambios.

Empate a un tanto do Ribadeo no Pepe Barrera ante un potente Noia. Cuarta igualada consecutiva dos de Rafa Casanova, que se puxeron por diante no marcador logo dun zapatazo de Javichu desde fóra da área. A primeira metade tivo dominio visitante, pero sen xerar perigo ante a meta ribadense. Na segunda, o Noia creou máis situacións de gol e Viusky e Dani Prieto evitárono logo dunha dobre ocasión de Stefan. A falta de vinte minutos para o final, o mítico Adrián Quintairos non perdonou e acadou o empate. No último tramo de partido, Vizoso enviou un balón ao pao e Pajarillo estirouse logo dun lanzamento de falta de Javichu.

O Viveiro arrancou un empate no campo do Montañeros (1-1), malia xogar unha hora en inferioridade pola expulsión de Iván. Os da Coruña adiantáronse no marcador no minuto 15 e Arturo acadou o empate preto do descanso. Na segunda metade os de Chusky puideron traer os tres puntos logo dunha ocasión moi clara de Aitor e dunha falta botada por Xaime que rematou no pao.

Comeza a despegalo Foz, que suma sete dos nove últimos puntos como local. Hoxe derrotou ao San Tirso por tres tantos a un. A primeira metade foi de dominio visitante e na segunda os de Gayol estiveron máis acertados cara a porta e conseguiron adiantarse por medio de Gonzalo. Malia que poucos minutos despois chegou a igualada dos de Abegondo, Iban Gayol desde os once metros e Asier fixeron que os tres puntos quedaran na Mariña.

Segue o mal fario do Castro. Caeu 0-2 ante o Puebla nun partido marcado polas mancaduras. Javi Fraga e Nico tiveron que abandonalo terreo de xogo antes da media hora con lesións musculares, mentras que Sergio logo dun cobadazo terá que pasar polo quirófano como precaución, ao ter afectado o tabique nasal. No meramente deportivo, os de Brais Prados amosaron unha boa imaxe, de equipo competitivo, pero a pegada dos da Pobra rematou coas ilusións chairegas.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*