Dúas derrotas lucenses na Terceira. O Polvorín perdeu en San Lázaro ante o Compostela e o Racing Vilalbés sumou a súa terceira derrota consecutiva no campo do Pontellas. Na Preferente, o derbi provincial entre o Ribadeo e o Lemos caeu do lado local. Triunfos do Foz e a Residencia en dous campos complexos ante Puebla e Dubra, respectivamente. O Viveiro empatou en Cantarrana ante o Noia, mentres que a Sarriana fixo o propio en Fisterra.

O Polvorín realizou un bo encontro en San Lázaro, pero caeu ante o Compostela (2-1). O filial do C.D. Lugo comezou tratando de ti a todo un Compostela. Xerando ocasións por medio de Antón Escobar e Álex Rey, pero sen acerto de cara a porta contraria. Á media hora de partido, o conxunto local queda con dez pola expulsión de David Soto. O que parecía unha oportunidade tornouse en ansiedade, que non beneficiou aos de José Durán. Na segunda metade, o Polvorín seguiu cercando a meta santiaguesa e Antón Escobar adiantou aos lucenses desde os once metros. Chiki puido facer o segundo pero non estivo acertado. Pero o Compos saiu vivo dos seus peores minutos e deulle a volta ao encontro en tan só dez minutos.

Terceira derrota consecutiva dun Racing Vilalbés que acusa a súa falta de gol, desta volta ante o Pontellas (1-0). Outra vez os chairegos víronse privados de puntos tras errar múltiples ocasións de gol. Cuadrado e Sandá tiveron as máis claras co marcador aínda co empate inicial. Un penalti a falta dun cuarto de hora para o final deulle ao Pontellas o triunfo. Malia todo, os de Simón Lamas seguen na zona morna da clasificación.

O Viveiro non puido superar ao Noia en Cantarrana, nun encontro entre aspirantes ao ascenso (1-1). Segundo encontro consecutivo sen gañar para os de Chusky. Pero seguen líderes con dous puntos de vantaxe sobre o segundo. Na primeira metade, Álex Pérez e Antón tiveron as ocasións máis claras para os locais, pero o Noia tamén avisou cun disparo de Anxo. Na segunda, adiantáronse os visitantes cun lanzamento de falta de Nando. Non tardou en reaccionar o Viveiro. Unha boa xogada de Marino, rematou cun certeiro disparo de Gerardo, establecendo o definitivo empate.

A Sarriana acadou un bo empate no campo do Fisterra, un dos equipos revelación (1-1). Os de Dani Fernández foron quen de empatar no campo dun dos equipos revelación do campionato. Os fisterráns ocupan o segundo posto na clasificación, malia ser un conxunto recén ascendido. Preto da media hora de xogo Omar, o mellor dos lucenses, puxo por diante á Sarriana, pero tan só seis minutos despois chegou a igualada cun tanto de Aaron. Na segunda metade, os sarriaos reclamaron un posible penalti, que o colexiado non sinalou.

O derbi lucense gañouno o Ribadeo nun final con polémica ante o Lemos (2-1). Foron mellores os monfortinos na primeira metade. A proposta futbolística de Edu Rodríguez non está a colleitar, polo momento resultados, malia o bo xogo practicado. Un erro no centro do campo lemista propiciou a recuperación de Brais, que conectou con Luki e este adiantou aos mariñáns. Non tardou en chegar o empate. Foi obra de Adrián Díaz, cun inapelable testarazo ante o que nada pode facer Carrera. Castañer e Armesto Na segunda metade os de Rafa Casanova estiveron mellor e Poratti puido desfacela igualada. Non chegou o tanto do triunfo ribadense ata o final. Varela cometeu penalti, polo que viu o segundo cartón amarelo, e Brais errou ante a gran intervención de Ramón. Poratti colleu o rexeite e deixoulle en bandexa o gol a Brais. As ostensibles protestas dos xogadores lemistas por fóra de xogo remataron coa expulsión do gardameta e do adestrador monfortinos.

O Foz gañou no campo do Puebla nun encontro marcado pola lesión de Jacob (1-2). Encontro moi trabado o disputado no campo de Cadreche. O Foz voltou a ser un equipo moi firme en defensa e apenas concedeu ocasións a un Puebla que perdeu a ocasión de colocarse na primeira posición da tabla clasificatoria. Miguel, ao pouco do comezo, adiantou aos focenses cun centro chut que sorprendeu ao porteiro. Preto do descanso, Dani Chao aproveitou un balón de Manolo logo dunha indecisión da defensa para poñer terra de por medio. A segunda metade estivo marcada pola lesión de Jacob, e o encontro parouse durante media hora. O mediocentro do Foz abandonou o campo en ambulancia con probable fractura de cúbito e radio. O Puebla non inquietou a meta de Manu Pardo, e tan só anotou moi preto do final desde o punto de penalti.

A Residencia asaltou o campo do Dubra nun gran partido dos de Meilán (1-3). Tres puntos vitais para os lucenses, que lles permiten asomar a cabeza na zona media da clasificación. Non comezaron ben as cousas para a Residencia. Gonzalo adiantou ao Dubra moi cedo, e os de Álvaro Meilán tiveron que ir a remolque todo o encontro. Malia ter ocasións, o empate non chegou ata a segunda metade. Foi desde o punto de penalti. Javi Raposo non perdonou. A Resi creeu de verdade na remontada e nuns minutos máxicos chegaron dous goles, obra de Veloso e Dani Galán, que sentenciaron o choque.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*