A segunda xornada en Terceira déixanos o triunfo do Polvorín ante o Pontellas e a derrota pola mínima do Racing Vilalbés no campo do Silva. Na Preferente, triunfo do Viveiro diante do Boiro e goleada da Sarriana no derbi ante a Residencia, mentres que o Foz gañou no campo dun aspirante ao ascenso como é o Noia. Derrota do Lemos na Pinguela ante o Puebla e do Ribadeo nos derradeiros intres de encontro en Arteixo.

O Polvorín acadou a primeira vitoria da temporada ante o Pontellas (2-0). O filial lucense foi superior ao seu rival, e aos tres minutos xa se adiantou no marcador. Penalti cometido sobre Morais que él mesmo transforma. Os de José Durán levaron o control do partido mediante a posesión, e en moi contadas ocasións o Pontellas foi capaz de roubalo, pero sen claridade de ideas para causar perigo. Na segunda metade, o Polvorín saiu coa intención de sentencialo encontro, e malia ter varias ocasións claras o gol non chegou ata o minuto 70. Chiqui, tras unha boa xogada combinativa deulle o pase da morte a Cristian que non perdoa. Rayco e Álex Rey puideron amplialas diferencias.

O Racing Vilalbés caeu nun encontro igualado ante o Silva (1-0). Marcos Gómez, o veterán capitán do cadro coruñés marcou as diferencias na Grela. Un gol seu pasada a media hora de xogo, deulle os tres puntos ao Silva, e deu mostras da súa gran calidade ao longo de todo o encontro. Na primeira metade máis ocasións para os locales. Unhas veces a falta de acerto e outras Javi Pita evitaron máis goles. Na segunda, máis profundidade dos chairegos que tentaron o gol por medio de Jose Varela pero sen éxito. Tras dúas xornadas, os de Simón Lamas non foron quen de marcar.

O Viveiro acadou o segundo triunfo noutros tantos encontros diante do Boiro (1-0). O cadro mariñán é o líder da Preferente logo de solventar un encontro complexo. Manu Cedrón foi decisivo coas súas paradas en momentos clave. Foi quen de rexeitar un remate do boirense Paco desde dentro da área cativa e detivo un lanzamento dun atacante visitante, que deu lugar á xogado do gol viveirense. Contra ben levada por Tichu que cedeu a Gerardo que disparou ao pao. O rexeite recolleuno Marino, que fixo o único tanto do encontro. Na segunda metade, o encontro viuse marcado pola expulsión de Paco, lateral do Boiro. En superioridade, o Viveiro non foi quen de sentenciar, mentres que os de Luis Santiago non se renderon, pero non tiveron claridade nos seus ataques.

A Sarriana goleou á Residencia no derbi provincial (4-1). O encontro pode resumirse en tan só vintecinco minutos. Foi que tardou o conxunto local en marcar catro tantos. Javi Fraga en dúas ocasións, Omar e un tanto en propia porta de Dani López deixaron o encontro visto para sentencia. Na segunda metade, Raposo fixo o tanto da honra para os de Álvaro Meilán, pero en ningún momento perigou o marcador para unha Sarriana que tentará pelexar para estar cos mellores.

Ao Ribadeo escapóuselle un punto cando esmorecía o encontro en Arteixo (1-0). Cheiraba a empate un partido sen demasiadas ocasións para ningún dos dous contendentes. Pero a catro minutos para o final, Santi Brandariz anotou para os locales ao rematar un saque de curruncho, propiciado polo forte vento que zoaba na Ponte dos Brozos. A ocasión máis clara do encontro tívoa o ribadense Mario na primeira metade. O central conectou o bo cabezazo pero o balón saiu rozando o pao. Co vento a favor, na segunda metade o Arteixo chegou con máis perigo á meta defendida por Hugo, pero sen que este tivera que intervir. Polo momento, os de Rafa Casanova non foron quen de marcar nas dúas xornadas disputadas.

O Foz deu a sorpresa e gañou no campo do Noia (0-1). Non puideron comezar mellor as cousas para os de Gayol. Aos cinco minutos un centro preciso de Álex Paz, rematou ao fondo da portería Asier. Co marcador a favor, os mariñáns cederon o balón ao Noia e a firmeza defensiva, tan buscada na temporada pasada, foi dabondo para sacalos tres puntos dun campo tan complexo. Quintairos e Jhon puideron marcar, e nos últimos compases o central Ángelo estrelou o balón no pao.

O Lemos colleitou unha derrota na Pinguela ante o Puebla (0-2). O conxunto monfortino levou o peso do partido na primeira metade, pero sen efectividade ante a meta visitante. Os do Caramiñal, nun momento de forma óptimo ao comezo desta temporada estiveron mellor nos derradeiros 45 minutos. Pouco despois da reanudación, Adrián Falcón fixo o primeiro e a falta de dez para o final, Madiop sentenciou. A boa actuación do gardameta Ramón fixo que a diferencia non fose máis abultada.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*