Trío de Ases Terceira (Xornada 37) e Preferente (Xornada 35)

Histórica xornada para o fútbol lucense. O Rácing Villalbés disputará a súa segunda fase de ascenso a Segunda División B. A falla dunha xornada para o remate da competición ligueira, os de Óscar Gilsanz certificaron o seu billete. Cun rendemento por enriba do esperado, os chairegos pelexarán por entrar na División de bronce do fútbol español. O Rácing Villalbés, que dependía de sí mesmo, asaltou o feudo do Ribadumia nun exercicio de clara superioridade. Goleada, con dous tantos dende o punto de penalti incluidos. Agora, quedará ver se os da Magdalena acceden como terceiros ou cuartos ao bombo. O encontro contra o Laracha deste próximo domingo terá moito que dicir.

Pasamos da Terceira División aos baixos fondos da Preferente. Alí, o Outeiro de Rei demostrou que lle colleu o pulso á competición. Pero moi tarde. Cuarta victoria consecutiva dos de Juan Peón que provocan o virtual descenso do Atlético Escairón. Os do Saviñao non aproveitaron o seu dominio antes do descanso e cederon ante o ataque chairego. Nesa loita pola salvación, a Residencia sacou un punto no campo dun rival directo. Un empate agridoce ante o Ordes, posto que os de Álvaro Meilán viron como o meta coruñés lles detía ata catro man a man no día do regreso de Rasilla. Pola súa parte, o Viveiro suma e segue. Gran final de tempada dos pupilos de Chusky. Os mariñáns coquetearon durante boa parte do choque cos tres puntos, pero un tanto no tramo final deixou o botín nun punto. O Viveiro aférrase con uñas e dentes á permanencia.

Na zona alta, o Castro cedeu ante un contragolpe do Dubra. A nota negativa foi a lesión de Omar ao comezo. No entanto, un efectivo Ribadeo segue soñando coa posibilidade de alcanzar a terceira praza. Superou ao Sofán en dous zarpazos. Por último, o Polvorín recuperou o liderado. Grazas á contundente derrota do Paiosaco no feudo do perigoso As Pontes. E á súa clara victoria en Arteixo. Con novidades, iso sí. Pedro López, no lateral; e Facu e o bigoleador Morais no once inicial.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*