É certo, que se adoita ter moita envidia do que fai o veciño, sempre hai ese obxectivo de ser mellor ca el. Este modo de vida é moitas veces criticable, pero noutras ocasións imitar ou tentar superar ao que se ten máis preto fai que todos medren. Foi por imitiación dos veciños que no ano 1985 o fútbol chegou a Castroverde. Pol e Baleira levaban uns anos desfrutando do balompé e algún castroverdense xa xogaba nos pobos do redor. Ante esta situación un grupo de amigos decidiu fundar a SD Castroverde. E como todo bo proxecto iniciouse nun bar, no local do Tino (xa falecido) que tamén entrou na aventura. Ovidio Figueiras, Marzo, Veiga, Avelino Pillado, Carreira, Abelardo, Fernando e Gómez (falecido) foron os acompañantes na fundación dun equipo que segue en pé con 32 anos de historia.

Houbo que empezar de cero. O que hoxe é o campo da Veiga do Olmo era unha pequena explanada onde non había nada. Houbo que mobilizar ao alcalde, a Deputación de Lugo daquela presidida por Cacharro Pardo e a Extensión Agraria para facilitar os acondicionamentes necesarios para que naquel terreo areoso se puidese xogar ao fútbol. Tamén estivo a parte burocrática. Aí si que non houbo envidia polo do veciño e os estatutos fixéronse copiándose polos de outro equipo. Todo estaba listo, para que o balón comezase a rodar por primeira vez na historia en Castroverde.

Os fundadores volveron a pisar o terreo da Veiga do Olmo

Debut na Segunda Rexional

Por aquel entón, aínda non exisitía a Terceira Autonómica e o equipo saíu a competir na Segunda Rexional. Foi unha temporada soñada. O equipo verde só perdeu un partido e conseguiu o ascenso á Primeira. Comezaron a liga como locais diante do Monterroso. Os fundadores aínda se lembran de como comezara o partido. «Empezamos perdendo cun gol en propia meta de Varela e xa dixeramos: hai empezamos ben. Había unha poeira no campo aquel día, pero o final remontamos e gañamos 3-1. O eixo do equipo era Manoliño. Foi o máximo goleador».

«Non se falaba doutra cousa no pobo»

A chegada do fúbol ao municipio non pasou desapercibida para os veciños de Castroverde, que nos primeiros tempos de vida volcáronse co equipo. Na primeira temporada chegaron a ter preto de 400 socios, ademais dunha boa entrada en todos os partidos, en especial nos derbis co Pol e co Baleira. Sete mil pesetas custaba o carné de socio protector, cinco mil o de honra e tres mil o normal. «Había desprazamentos nos que ían dous autobuses. Incluso a xente maior estaba moi ilusionada. Non se falaba doutra cousa no pobo. Ademais axudaban, no verán xente que non tiña que ver co club viñan regar a Veiga do Olmo», afirman. Pódese dicir que chegaron a ser un dos equipos de moda «daquela ía máis xente ver o Castroverde ca ver o Lugo. Díxerao Segura nun partido entre o Baleira e nós que se tivera que xogar a porta pechada en Castro. A xente subida aos coches para ver o partido«, salientan.

«O ascenso á Primeira foi o principio da fin»

Despois de lograr o ascenso, ao ano seguinte o equipo xogou na Primeira Rexional. Os desprazamentos aumentaron xa que había que ir xogar a Mariña e a outras zonas da provincia de Lugo. A temporada iniciouse cun presuposto de catro millóns de pesetas (o que serían hoxe 24.000 €), aínda así, a directiva recoñece que foi o principio de que as cousas deixasen de funcionar. «O ascenso foi o principio da fin. Aumentáronse os gastos e despois tamén empezaron a vir xogadores de fóra. O primeiro ano a maioría eran de aquí. Empezamos a traer xogadores de fóra do concello e eses xa cobraban: Silva, Seijas, Castaño, polo que houbo que darlle ao Laxosa 100.000 pesetas para fichalo. Algúns deles cobraban 30.000 mil pesetas mensuais, que para a época era un bo salario», apuntan. A polémica arbitral xa estaba instaurada e ante as dúbidas que podían crear os árbitros da provincia optaron por pedir colexiados neutrais que viñan de Ourense, Vigo ou doutros puntos de Galicia. «Igual o árbitro xa levaba máis de 20 mil pesetas e había que pagarlles antes de xogar«, destacan.

De esquerda a dereita: Carreira, Marzo, Abelardo, Veiga, Fernando, Avelino Pillado e Ovidio Figueiras

As anécdotas

Con tantos partidos, tanta afección e tanta rivalidade as anécdotas sucedíanse todos os días. Ante xente así, moitas veces só hai que escoitar:

Veiga: Eu acórdome unha vez en Becerreá…

Avelino Pillado: Pero en Becerreá nunca houbera lea ou?

Veiga: Non, pero xa empezara o partido e chegaron uns paisanos con fouces e dixemos «hai como se cabreen…». Pero non pasou nada, viñan de rozar.

«Eu perdinlle toda a afección ao fútbol»

As épocas cambiaron e aqueles fundadores só estiveron ao completo dous anos na xestión. Posteriormente, só quedou Abelardo que aínda segue sendo o que vai a moitos partidos da Veiga do Olmo na actualidade. «Xa hai moitos anos que non veño. Perdinlle toda a afección ao fútbol, ata lle perdín afección de velo pola televisión», comenta Avelino. «Eu son socio, pero vir pouco», destaca Marzo.

 

Deses tempos quédanse cos bos momentos vividos, aínda que son conscientes de que perderon cartos entre unhas cousas e outras. Lémbrano como unha etapa bonita na que conseguiron cumprir un soño e formar o equipo do pobo. Sen os ausentes Tino e Gómez, recordan aqueles anos con ilusión. Nas súas conversas moitas gañas de recordar anécdotas das cales manteñen a lembranza intacta. É que as cousas importantes non se esquecen. Hoxe terán a oportunidade de volver recordar. A directiva actual da SD Castroverde preparou unha homenaxe para aqueles pioneiros que encheron de vida a pequena explanada da Veiga do Olmo.

Futbolinlugo: E terán que volver vestirse de corto?

Carreira: Depende do día como estea (risas de todos).

Porque só se esquece aquilo que non se conta, saúde para lembralo moito máis tempo; e como dixo o capitán e directivo actual Richard «que dure polo menos outros trinta anos». 

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*