Pese á proposta de fusión dun grupo de afeccionados e a existencia de ata tres reunións co proxecto sobre a mesa, ambas entidades tomaron a decisión de manter a súa independencia.

Na localidade de Chantada conviven, dende fai nove anos, dous clubs de fútbol que actualmente compiten en Primeira Galicia: a SD, con medio século de existencia, e o Atlético, un novato inconformista fundado no 2011. Naquel momento, varios xogadores que formaban parte da SD, en desacordo con algunhas decisións da directiva, decidiron formar un novo equipo. A súa andadura comezou en Terceira Galicia, e, pouco a pouco, conseguiron crear unha estrutura solvente e asentar aos branquivermellos en Primeira.

Por todos estes factores os rumores de unión soaban estraños. Pero, a mediados de abril, varios afeccionados presentaron as directivas de ambas escuadras unha iniciativa para formar un único conxunto de cara a vindeira tempada. Os promotores da idea plantexaban a creación do Chantada Club de Fútbol, unha entidade que pelexara por agrupar os esforzos de vila e remar nunha soa dirección. Pese as dúbidas existentes no entorno da SD, cunha importante traxectoria no fútbol galego, os clubs puxéronse en contacto e reuníronse en varias ocasións para analizar a viabilidade da proposta. O cadro atlético abogaba, en calquera caso, por unha fusión o non pola absorción dunha entidade sobre outra.

A intención dos seguidores pasaba por crear unha institución sólida, solvente e con obxectivos deportivos poderosos: dar a curto prazo o salto a Preferente, coa meta de chegar a Terceira División transcurridos seis anos de proxecto; potenciar o fútbol feminino na vila, agora representado pola SD en Segunda División Liga Galega; e contar con equipos de fútbol base masculinos e femininos que agrupasen aos mellores xogadores da comarca.

A idea partiu de socios da SD, algúns socios de ambos clubs, segundo explican fontes da negociación. Máis dunha vintena de persoas quixeron colaborar na iniciativa. A primeira reunión produciuse o 15 de maio, unha data histórica: foi a primeira vez que SD e Atlético compartiron mesa para falar. Ambas entidades abandonaron a xuntanza sen sacar moitas conclusións. Os promotores da fusión limitáronse a analizar a viabilidade da proposta e o aspecto deportivo. A segunda reunión tivo lugar o 21 de maio, con tres representantes de cada equipo presentes. Xa se falou de aspectos máis concretos e o panorama cambiou: parecía que podería haber acordo.

As sensacións eran positivas de cara a chegar a esa fusión, pero na noite do luns 25 romperon as negociacións. Despois de catro horas de reunión, de 23:00 a 03:00, decidiron cortar de cheo. O nome ou o escudo da nova entidade foron puntos de conflito que impediron chegar a un entendemento. «Pola parte da SD non houbo moito interés. A nosa condición era que o proceso constase como fusión e non coma absorción. Eles querían manter o seu nome e escudo», asevera un representante do conxunto atlético que prefire manter o anonimato.

Dende a directiva da SD corroboran esa versión. “Queremos que o club continúe sen cambios no referente aos seus 50 anos de historia, defender a súa traxectoria, non aferrarnos ao cargo. Houbo predisposición, pero o Atlético solicitaba cambiar o escudo da SD, e iso é algo que seguramente os socios non aprobarían. Estabamos dispostos a ceder noutros aspectos, mais non no referente á nosa historia. Non podíamos ir adiante con algo que non queremos. O que nos preocupa neste proceso é defender o noso medio século”, afirma un membro da entidade presente nas diversas reunións. Chantada, de momento, seguirá separada no futbolístico.

Manu Amor, para Futbolinlugo.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Redacción Futbolinlugo

Redacción Futbolinlugo

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*