Foto de portada: Mariluz Fagín (temporada pasada)

Tres equipos da Terceira Rexional estarán nos cuartos de final da Copa Deputación 2020. Os tres eliminaron a rivais da Segunda. A piques estivo de facelo tamén o Sober, que caeu pola mínima ante o vixente campión, San Lázaro. O Becerreá – Palas foi suspendido e aínda non ten data. A vindeira eliminatoria xogarase a fin de semana do 23 de febreiro. É dicir, a finde do Entroido. Máis detalles no Once dos oitavos de final da Copa Deputación 2020 da 2ª e 3ª.

Na zona norte o único participante da Terceira segue adiante. A SD Viveiro derrotou no Marcos Gómez ao Goiriz. Puxéronse por diante os locais con gol de Xavi loga dunha triangulación entre Macli e Carlos. O Goiriz logrou igualar antes do tempo de lecer. Pero Álvaro puxo de novo por diante aos seus despois dun saque dende o recanto. Tomi cun gran disparo dende lonxe e Josué de penalti pecharon o marcador para o conxunto viveirense. O equipo que subirá a Gañidoira para xogar os cuartos será o Roupar. O cadro verde aproveitou as ocasións no Pichón para colocarse 0-2 no marcador. Adiantouse cun gol de Jaco Barro case dende o medio do campo. Sebas de cabeza marcou o segundo. O Muimenta recurtou diferenzas e buscou un empate que non chegou. Nalgún dos duelos entre rivais da Segunda a clasificación na liga non serviu de nada. O Abadín é o pechacancelas da competición doméstica. Pero na Copa derrotou ao terceiro clasificado. O Xermade non tivo o seu día no Municipal. O rival do Abadín nos cuartos de final será o Guitiriz. O conxunto guitiricense venceu na Cea ao Cabreiros. Albariño marcou un dobrete para os seus.

Na zona sur, o Lemos B avanzou dúas roldas na mesma fin de semana. O venres xogou a reanudación do partido aprazado no seu día ante o Quiroga. E o domingo meteuse nos cuartos de final ao derrotar pola mínima ao Ferreira. Pendente queda agora do seu vindeiro rival. A SD Becerreá ou o Palas. No derbi de equipos lucenses o equipo que xoga na Terceira venceu ao de Segunda. A Milagrosa fixo valer o Efecto Frigsa para derrotar pola mínima ao Santa Comba. E nos cuartos de final tamén xogará con veciños. O San Lázaro sufriu para pasar de eliminatoria. O Sober resistiu en Centeás. Finalmente o vixente campión continúa vivo. Yago Armesto marcou o gol da vitoria nos últimos minutos.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Redacción Futbolinlugo

Redacción Futbolinlugo

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*