Sarria, un dos epicentros do fútbol veterán

Dende hai uns anos o fútbol veterán está rexido pola Real Federación Galega de Fútbol. A gran cantidade de equipos que se fundaron na década dos oitenta e noventa pola nosa provincia ten agora continuidade no “fútbol de adultos”, onde aqueles futbolistas que o daban todo no campo e tamén no terceiro tempo, baixaron algo de forma. Pero siguen indo o campo, aínda que se corra algo menos e tamén siguen celebrando o terceiro tempo. Nun momento no que o fútbol afeccionado non pasa polo seu mellor estado de saúde (ano a ano van desaparecendo equipos e cada vez é máis complicado para moitos adestradores facer unha convocatoria en condicións pola falta de xogadores), os veteráns seguen enchendo de vida os campos de herba da provincia, coa ilusión de enganchar no balompé aos seus fillos e fillas que os van ver cada fin de semana.

Un deses lugares nos que o fútbol veterán ten maior presenza é sen dúbida Sarria. Esta vila lucense conta con cinco equipos, todos con sede no núcleo urbán xa que xogan os cinco na Ribela, ao igual que o conxunto sénior da SD Sarriana que milita en Primeira e todas as súas categorías inferiores. Todo comezou coa creación do Sarria FV (designado oficialmente na Federación como AD Vet Sarria) no 2008. A partir de aí, por unha serie de distintas opinións algúns dos xogadores decidiron deixalo e comezaron a formar outros conxuntos. Así foi como naceu o Trasnos FV, Sarriana FV, Vet Sarria SD e Lambuxos Sarria. Na actualidade todos desfrutan dunha boa convivencia e seguen disfrutando do que máis lles gusta, convertendo a Sarria nun dos epicentros do fútbol veterán.

José Manuel, Sarria FV: “A relación co resto é magnífica”

Foron os primeiros en nacer, hai nove anos. Aínda que nos estatutos da Futgal apareza como AD Vet Sarria, coñéceselles por Sarria FV. José Manuel é unha das cabezas máis visibiles, xogador e coordinador, porque xa se sabe que no fútbol veterán hai que facer de todo. “Somos un grupo de amigos que estamos dende o principio. Tiveron que deixalo algún por traballo ou por familia, pero somos un grupo consolidado desde o principio”, apunta José Manuel quen ten moi claro o que debe ser o fútbol que eles practican: “O ano pasado fixestes unha reportaxe de Germán García, un compañeiro noso que morreu polo ela. A esencia para nós no fútbol veterán é a que tiña el. Agora o que quixo xogar o fútbol, xogou. Gústanos, pero é unha forma de facer o terceiro tempo e desfrutar disto. Obviamente cando estás no campo queres xogar e gañar. Quedámonos ca frase de Germán que está escrita nunha das placas na súa memoria: O mellor deporte do mundo é xogar ao fútbol cos amigos e desfrutar con eles que é do que se trata. Sobre a convicencia co resto de equipos di José Manuel que “a relación co resto é magnífica”. Teñen sempre unha reunión para cadrar os horarios e poder xogar todos na Ribela como locais ao longo de toda a temporada.

Marcos Sanmartín, Trasnos FV: “A vea competitiva terminouse hai uns anos”

O Trasnos FV fundouse no 2010 e Marcos Sanmartín é o seu presidente. Ó primeiro competiron nunha “media liga pirata que estaba ben organizada, pero deposis apareeceu a Federación e estamos moi ben, aínda nos sae máis económico”. Cando se fundou o equipo acordáronse tarde de pensar un nome e no último día surxiu a ocurrencia de “Trasnos” e así lles quedou.

Nestes momentos lideran a clasificación da primeira división de veteráns da provincia, pero o propósito non é exactamente ese. “O obxectivo O obxectivo é desfrutar e pásalo ben. Desde que estás en competición si podes, a idea é gañar, xa que se quedas primeiro pódeste enfrontar a rivais da Coruña, Santiago, Vigo ou Ourense. Pero sobre todo o principal é desfrutar cos amigos, veñen as mulleres e os fillos vernos e temos un ambiente xeitoso”, comenta Marcos.

O equipo está composto por xogadores que na súa mayoría xogaban na Sarria hai arredor de 20 anos. Formou parte do equipo o agora adestar Charly, que foi o primeiro presidente. Afirma Marcos que en en setembro se reúnen os cinco equipos da Sarriana para cadrar as horas e poder xogar todos na Ribela. Ademais ao finalizar a temporada fan entre os equipos  unha cea na Ribela entre todos xuntos. “É moito disfrutar, a vea competitiva terminouse hai uns anos”, conclúe Marcos Sanmartín

José Ramon, Sarriana FV: “Pásalo ben, algún nunca xogara ao fútbol”

O Sarriana FV non depende para nada do equipo sénior da SD Sarriana, pero a gran cantidade de equipos no concello case fixo que prácticamente o nome só se diferencia no de “FV”. José Ramón é un dos responsables deste club que se fundou no 2011. Levan o conxunto entre tres amigos axudado por unha gran cantidade de xogadores que compoñen o cadro de futbolistas.

A meta principal é a de pásalo ben, pero se se pode conseguir a permanencia na primeira división de veteráns…”Baixan tres. Intentar manterse”, afirma José Ramón Somos quen apunta ademais que:”somos de aquí todos, que vivimos aquí, algún nunca xogara o fútbol, ningún en categorías altas. Xogara a fútbol sala pero estar federado e tal nunca”.

Iso si, a afección non é o que máis caracteriza o fútbol veterán; pero o máis importante é que a familia non falla: “As mulleres e os fillos son a afección, aínda que se xogamos o domingo pola mañá adoita estar o campo vacío (risas). Se xogamos dous equipos de Sarria entre nós si que hai máis ambiente”. E insite: “Non importa  o resultado. pásalo ben e non mancarse que ao día seguinte hai que ir traballar.

Roberto Irimia, Vet Sarria SD: “Non saímos nos cromos antes, non imos saír agora”

O Vet Sarria SD é o único equipo dos cinco que compite na Segunda División polo que non se enfronta na liga aos seus veciños. Un dos seus responsables é Roberto Irimia que explica así a formación dos equipos en Sarria: “Debido a mala interpretación do que é o futbol veterán xurdiron outros. Somos cinco e se comentamos o Paradela que está ao lado e hai xogadores que xogaron en Sarria, seríamos seis“. É un equipo cunha media de idade alta na que a maioría dos xogadores sobrepasan os corenta e pico anos.

Non obstante sabían o que querían dende o comezo e estano levando a cabo: “Nós desde o primeiro momento tiñamos a intención de divertirnos e tamén de viaxar. Fomos a Sevilla, Portugal, un torneo das concas mineiras ou o da Torre da Coruña. Non saímos nos cromos antes, non imos saír aogra. O que queremos é coñecer xente. Todos os anos polo San Xoán organizamos un torneo en sarria -ano que vén será a novena edición- con equipos galegos, de Portugal, de Sevilla, de Castilla e León e os de Sarria”, informa José Manuel.

Tamén explica a súa inclusión na Federación e a decisión de porqué decidiron xogar na Segunda categoría do fútbol veterán provincial: “Entramos fai dous anos na Futgal. Fomos dos equipos que apostamos por seguir na agrupación que había antes. Se te fixas nos equipos que están en Primeira e, non falo polo meu equipo que é normaliño, os bos equipos está en Segunda (está o Santabllés, Friol, Taboada ou Monterroso). Faise un pouco máis competitivo, con todos os meus respectos para os que están en Primeira. Foi unha decisión persoal de cada un. Estamos contentos”, conclúe Roberto Irimia.

Diego López, FV Lambuxos Sarria: “Se non nos levamos ben os do pobo que somos poucos…imaxínate cos de fora como sería”

O Lambuxos é o outro dos conxuntos que completan a riqueza do fútbol veterán en Sarria. Diego López é un dos seus responsables que ten moi claro porque decidiron facelo equipo: “Para xogar o fútbol entre os amigos e tamén unha maneira de escapar un pouco das mulleres para os que son casados (risas)”. Na liña dos seus veciños sabe que o importante non é só a vitoria: “A todos nos gusta gañar, pero xa chegados a unhas idades hai que ir e pásalo ben. Somos un grupo de amigos, varios irmáns, xente que somos curmáns. Despois de xogar tomar unha cervexa e non mancarse”.

O equipo está composto tamén na súa maioría por xente que xogou ao fútbol sala en Sarria e moitos deles non probaran o vestirse as botas sobre a herba, en concreto, só hai catro que xogaran ao fútbol campo. No tema dos derbis recoñece que “algún berro máis alto ca outro hai, pero despois levámonos ben. Facemos esa churrascada na Ribela todos os anos. Se non nos levamos ben no pobo que somos poucos, imaxínate cos de fora como sería”, conclúe con razón Diego López.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*