Que pasará co noso fútbol? Esa é unha das preguntas que se fai a nosa cidadanía coa boca pequena. Xa que está claro, que a gran interrogante nestes días é outra. Por desgraza, non temos resposta para ningunha das dúas. Porén no relativo á pelota, contamos con múltiples visións e posibles escenarios. Que pretendemos analizar aquí polo miúdo.

Todo afeccionado mira de reollo cara o balompé profesional e a Real Federación Española de Fútbol. De aí poden saír as primeiras respostas. Ante a ausencia das mesmas, máis aló dunha suspensión indefenida das competicións e a intención pública de rematar os diferentes campionatos, só nos queda devorar as circulares puntuais da Real Federación Galega de fútbol.

Aínda así, dende Futbolinlugo quixemos continuar co noso labor informativo dende o entretemento. E marchamos de ruta virtual pola provincia, pola diversas categorías e escenarios. De norte a sur, da zona noble á máis baixa. Buscando cal sería a fórmula máis xusta. Ou máis ben, a menos inxusta para os verdadeiros protagonistas do noso fútbol.

REMATAR, NA DATA QUE SEXA

José Manuel, técnico do Iberia

Creo que todos os que amamos isto, queremos acabar coa temporada nalgún momento. Iso sí, o prezo a pagar e as datas non son un motivo de consenso na nosa comunidade. Unha opción é rematar sen importar o día nin o mes do punto final.

O ilustre Rafa Casanova, tan adestrador como directivo e xogador considera que a decisión que se tome vai ser sempre «complicada e perxudicará a algún». Por iso, ve «ben que se acabe aínda que sexa moi tarde porque sería o máis xusto. Aínda que se acabe no verán».

DAR VALOR AO CONQUERIDO ATA O DE AGORA

Despois duns sete meses de competición, co traballo realizado neles, debería terse en conta o mesmo. Os xogadores suaron a camiseta e os técnicos e directivos esforzáronse na procura dun obxectivo. De non ser así, sería deixarse a pel cada semana para nada.

O adestrador do Alfoz Suso Martínez pensa nesta liña. Desexa que «a competición se poda reanudar o máis cedo posible e se poidan xogar tódalas xornadas». Aínda así, «no hipotético caso de que non se puidese rematar, coido que despois de superados os dous terzos da competición, por regularidade» pensa que se fixeron «acreedores a ser un dos equipos que para o ano que vén compitan en primeira». En definitiva, respectar o seu posible ascenso.

Deses dous terzos tamén fala un lucense no exilio santiagués: Fiz Rodríguez, preparador do Zona Vella (filial do Compostela). «Falo do deportivo aínda que hai outras variables, como as económicas, a valorar. O máis xusto quizais sexa intentar finalizar a competición e despois adaptar aos tempos a tempada 20-21. De non ser así, posiblemente dar por finalizada a tempada como está agora, xa que van disputados máis de dous terzos da mesma. Aínda que anular a tempada 19/20 podería ser outra posibilidade, habería que analizar outros factores».

TEMPORADA NULA

Simón Lamas, adestrador do Rácing Villalbés

A campaña 19-20 non existiría. Sería todo un soño, como o final dos Serrano. E a vindeira temporada iniciaríase con todo e todos no mesmo lugar que este verán.

Así o explica o preparador do Rácing Villalbés Simón Lamas. «É unha situación que nunca se deu e o menos inxusto sería voltar a empezar cos equipos da 19-20 na 20-21 sen ascensos nin descensos».

Unha mesma postura que comparte José Ramón López ‘Cuchi’, o técnico do Meira. «En caso de non poder rematar a competición, o máis lóxico e que non houbera nin ascensos nin descensos. Volver empezar o campionato os mesmos equipos que empezaron esta temporada».

José Manuel, adestrador do Iberia, opina nunha liña similar. «Coincido coa tese de Fernando Vazquez… No caso de que non remate o máis xusto e probable e que dean a temporada por nula… Sen ascensos nin descensos xa que matematicamente ningun equipo estaría ascendido nin descendido. Calquera outra solución sería adulterar a competición».

PLAY OFF, A OPCIÓN MÁIS GALEGA

Din que os galegos imos e vimos. Que sempre tiramos pola rúa do medio. Así que malo será que algo non nos deixen xogar. E sendo así, unhas eliminatorias para dilucidar ascensos e descensos, non soan mal de todo.

Esta é unha postura que defende Joaquín, o adestrador do Lugo feminino. Así o explica:

«Semella imposible completar as competicións, por falta de tempo, aínda que sería o ideal. Pero tampouco declaralas desertas. Non é xusto nin se pode despreciar o traballo feito. Tampouco é xusto rematar as competicións como están agora: houbo fichaxes e cambios nos equipos, esforzos por cambiar cousas que non tiveron tempo a frutificar… Dependendo do tempo que poidésemos ter ao final, quizais se puidesen planear pequenas competicións tipo play offs para dilucidar ascensos, descensos, campeóns… Habría un aliciente para a afección despois deste encerro».

SOLUCIÓN SALOMÓNICA

As mentes creativas argallan posibles fórmulas para evitar o pico maior de inxustiza. Polo tanto, utilizar a matemática a vindeira campaña con base nunha ecuación 19-20; emerxe como un interesante punto de partida.

Filosofemos un rato co segundo adestrador do Iberia Carlos Devesa ‘Pelolo’. Canto menos, ler as súas liñas invita a unha profunda reflexión.

«Penso que isto vai para longo. E sen saber se os partidos serían a porta pechada ou con público… O estado de forma dos xogadores e xogadoras vai ser unha incógnita. Volveríamos suspender todo se na xornada inicial un xogador dera positivo polo virus? Así que se rematase así a temporada, a efectos de ascensos e descensos daría nula. Sen campeóns nin pechacancelas. O que faría para a tempada seguinte sería unha temporada completa pero sumándolle aos equipos ou ben os puntos desta campaña ou un coeficiente de puntos dependendo da posición na que tivesen rematado».

CONCLUSIÓN FINAL: 0 RISCOS

Joaquín, técnico do Lugo feminino

O que semella claro, e así o defenden a grandísima maioría dos nosos entrevistados, é que a saúde é o primeiro. E o seguinte, confiar en tentar voltar á competición na medida do posible. Iso si, sempre con garantías xa que os riscos son enormes. Así o especifica á perfección o xogador do Ferreira Adrián Enríquez.

«Non sei cando se reanudará a Liga. Cando remate o confinamento? Segundo os expertos contaxiarase un 60-70% da poboación. As medidas que se están levar a cabo pretenden reducir o pico de contaxios, a costa de prolongalos no tempo para non colapsar o sistema sanitario. Ben, cando se reanude se hai un positivo nun equipo… Imaxino que corentena de quince días. E quizais tamén para o conxunto que xogou contra el a semana anterior».

«Polo que un positivo provocaría como mínimo o aprazamento de mínimo catro partidos (dous do equipo local e dous do visitante. Tamén é posible que ao pasar os quince días apareza outro positivo no mesmo equipo. Se extrapolamos iso a todos os conxuntos da categoría, non o vexo viable. Ata que pase un tempo suficiente como para que se contaxie ese 60-70% da poboación, e os contaxios sexan residuais ou se atope unha solución, vexo complicado retomar a competición».

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*