O verán no fútbol provincial estivo marcado polo cambio de formato da Terceira Galicia coa inclusión de tres grupos e coas modificacións á hora de ascender. Polo momento, os equipos pensan en iniciar a temporada e disfrutar desta primeira fase. A igualdade será, un ano máis, a tónica predominante sobre todo cos poucos equipos que hai en cada grupo.

Grupo norte

O único grupo que finalmente vai ter os oitos equipos e ningún terá que descansar xornada a xornada. A mirada está posta nos equipos da Terra Chá. O Muimenta adestrado por Basi é un dos recén descendidos que ten como claro obxectivo retornar á Segunda, aínda que son conscientes da dificultade. Perderon algún futbolista, pero tamén teñen retornos como a volta de Jairo Gegunde. Outros dos descendidos é o Catro Roldas que en gran medida logrou manter o bloque que tiña en Segunda. A meta do equipo de Román é entrar no grupo do ascenso na segunda fase. O Goiriz, que chegou a temporada pasada a final polo ascenso, tamén mantén a maior parte dos xogadores e reforzouse con bos futbolistas como a volta do dianteiro Fidel.

Onde houbo cambios foi no Cazás, con Oki como novo adestrador despois de retirarse como futbolista. Manteñen o bloque das últimas temporadas (algo que xoga ao seu favor) con algún reforzo como o de Isma. Pechando o círculo chairego o Rioaveso tamén apunta alto este ano con incorporacións como a de Marcos Vinicius ou a de Cleno que xa xogou os partidos da Copa o curso pasado e demostrou a súa facilidade goleadora.

Cleno pode ser un dos protagonistas da Terceira, a súa facilidade para marcar goles deixa asombrados aos seus compañeiros e aos rivais

A outra mirada está na costa. É unha época de cambios no Celta Barreiros que conta coas chegadas de Simón, Choni, Alexander, Rubén, Djibi, Adinson, Diego Fraga, Víctor Couto e David Monteagudo, Ayoub, Ibra, Elmehdi e Xosé Moreda. José Luis «Moñi» é o adestrador e Carlos Couxela será o seu axudante. Ademais seguen no equipo da temporada pasada Carlos, Guti,Damián, Omar, Juan Gabriel, Moha, Andina e Julián. O obxectivo é pelexar por estar arriba e finalizar polo menos entre os catro primeiros. Pola súa banda, o Celeiro tamén está ilusionado co novo curso. Con adestrador novo e a inclusión de xogadores novos no equipo e tamén en idade. Se empezan ben, poden estar pelexando arriba. Por outra banda, o Cervo adestrado por Iván Pernas tamén tentará pelexar por estar na parte alta despois de que o ano pasado se metesen en play-off e quedasen eliminados nas semifinais polo Matela. Só presentan cinco baixas que suplen con Jardel (Candelaria), Adrián (sin equipo), Vaca (San Ciprián xuveniles) e Lalo (Celta Barreiros). Pendentes de traer un central, un porteiro e un mediocentro defensivo co obxectivo de ter un cadro de xogadores máis equilibrado.

Grupo Centro

Grupo de sete despois da desaparición do Pradeda. Con dous equipos de recente formación. O Friol B que tentará formar xogadores para o primeiro equipo en Segunda e volver a enganchar a xente que non puido xogar o ano pasado porque non había equipo despois de deixar a súa etapa como xuvenil. Outro dos debutantes é o CD Rábade, unha das vilas mellor comunicadas da provincia de Lugo volve ter equipo sénior. Adestrado por Óscar Jaime o obxectivo é aprender a competir.

Noutros equipos destaca o Corgo que vai estar adestrado por Guti (ex Sporting Lucense) e que leva bastantes xogadores que tiña no equipo da capital. O obxectivo é pelexar por estar o máis arriba posible. Tamén a Comercial que está inmersa nun convenio co Sporting Lucense tratará de ser un dos equipos fortes do grupo. O Fonsagrada, que despois do seu debut en Terceira no grupo norte, foi un dos beneficiados coa nova distribución xa que farán algo menos de quilómetros. Laxosa e Guntín completarán o grupo. Nunha competición tan curta, o comezo antóxase chave para ver se hai algún equipo que se quede descolgado.

Grupo Sur

Tamén terá sete equipos, xa que nun momento coa retirada do Garabolos o Padreda incorporouse ao grupo do centro. Os equipos do concello  de Sober son algúns dos máis destacados. O Sober pola súa condición de recén descendido e pola boa pretemporada que fixeron. O obxectivo é ascender. Para iso, abren a liga cun derbi ante o Río Sil que o ano pasado perdeu na final polo ascenso ante o Monterroso B. Juan Diéguez comandará a un equipo que supliu ben as seis baixas que ten con respecto ao ano anterior. A pretensión é loitar por unha das dúas prazas que dan opción a xogar a fase de ascenso.

Outro dos equipos dos que se espera a súa consolidación é o Relámpago Taboada adestrado por Diego Mejuto despois do seu primeiro ano de vida. Buscan ser máis competitivos, aínda que na pretemporada non puideron contar co cadro de xogadores ao completo. Outros dos chamados a pelexar por cotas altas será o Quiroga que tamén se meteu nos play-offs de ascenso a campaña pasada, ao igual ca o Incio. Paradela e FC Becerreá (outro dos equipos que máis quilómetros terá que facer) completan o grupor sur.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*